Lonxe de ser unha realidade estábel, a multipolaridade actual caracterízase pola incerteza e pola fragmentación da orde internacional liberal, supostamente baseada en regras, construída após a Segunda Guerra Mundial. Non estamos diante dun modelo pechado nin dun equilibrio claro, senón dun proceso aberto, cheo de tensións e redefinicións constantes. A competencia entre potencias, a emerxencia e consolidación de actores do Sur Global e a erosión do multilateralismo configuran un escenario moito máis complexo do que suxiren os esquemas tradicionais.
Neste contexto, a idea dun mundo organizado arredor de dous ou tres polos de poder resulta insuficiente para explicar a realidade actual, con toda a súa complexidade. A transición de poder entre Os Estados Unidos de América e a República Popular da China é central, pero non exclusiva, xa que novos liderados rexionais —da India ao Brasil ou Turquía— introducen dinámicas máis fluídas e, en ocasións, contraditorias. A isto engádese unha crecente carreira armamentística e o risco de escaladas que, aínda contidas, evidencian a fraxilidade do sistema internacional contemporáneo.
Asemade, esta inestabilidade global vese agravada por conflitos abertos e por unha década marcada pola acumulación de crises. A guerra en Ucraína, o conflito en Palestina ou as tensións en Oriente Medio non son episodios illados, senón síntomas dun sistema internacional sometido a presión constante. A revolución tecnolóxica, especialmente no ámbito da intelixencia artificial e da guerra, introduce ademais un factor disruptivo que redefine tanto os conflitos como as relacións de poder, ao tempo que as consecuencias, cada vez máis acuciantes, do cambio climático engaden unha capa adicional de incerteza e presión sistémica.
Todas estas dinámicas poden parecer afastadas da nosa vida cotiá, mais teñen consecuencias directas sobre a economía, a enerxía ou a seguridade. A crecente fragmentación xeoeconómica, o proteccionismo selectivo e a competencia por recursos estratéxicos afectan especialmente a economías abertas como a galega. Nun mundo máis incerto, a capacidade de adaptación, resiliencia e innovación convértese nun elemento clave para afrontar os desafíos globais,
Velaquí a importancia de contarmos, como país, cunha mirada propia sobre o mundo e o seu devir. Para non nos perder neste labirinto de dinámicas globais, o IGADI publica cada ano o IGADI Annual Report, un exercicio colectivo de análise que ofrece claves para comprender o presente e anticipar tendencias futuras, sempre dende unha perspectiva galega. A 19.ª edición, xa dispoñíbel, propón precisamente iso: ferramentas para interpretar un mundo que xa non é nin unipolar nin plenamente multipolar, senón profundamente inestábel.

