20081127 mumbai asalto ao taj mahal hotel 05

Mumbai e o control da violencia

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Hotel Taj Mahal; clic para aumentar
É posíbel e ata probábel que os atacantes de Mumbai estivesen instigados polo Paquistán. Pero o que aconteceu alí foi moi diferente dun sabotaxe ou unha quinta columna. Foi unha pequena paraguerra, das que cada vez hai máis. As guerras xa non se declaran nin acaban nun tratado. [Foto: Os bombeiros intentan sufocar un incendio no Hotel Taj Mahal, en Mumbai, o 27 de novembro de 2007, tras os atentados do día 26].
 

Os sucesos de Mumbai, e os do aeroporto de Bangkok, e tantos outros que están pasando a ser cousa de cada día nas noticias, son síntomas da disgregación social que caracteriza os tempos de mundialización económica, movilidade persoal e pretendida internacionalización política que estamos vivindo.

O control da violencia está nos alicerces da filosofía política da Ilustración, que é como dicir da modernidade ou do progreso. A violencia, como a sexualidade parecen ser, nembargantes, pulsacións instintuais que acompañan á sociedade humana como manifestacións sempre inquedantes e nunca resolvidas. O primeiro tema da literatura occidental, moito antes do amor, foi a Guerra de Troia. No terreo do pensamento, a violencia individual e condeada en todas as teorías, a pública en cambio, en forma de guerra entre estados, só ten a oposición dos pacifistas, que non son moitos. A definición que Clausewitz deu da guerra pódese aplicar á maior parte da violencia interpersoal ou intergrupal: un acto de violencia encamiñado a facer que outros fagan o que nós queremos.

Está claro que a lóxica da guerra contradice a berros toda a doctrina da convivencia e do cuidado da vida humana. Ninguén discute que haxa que salvar unha vida nin que teña que haber gastos en institucións de atención médica, formación de profesionais, etc. Pero en guerra a vida é un elemento disponibel máis para ser gasto. A mediciña avanzou en contradicción coas baionetas, en tempos de loita. Os mesmos pastores relixiosos que predican a mansedume e o perdón das ofensas bendeciron armamento e elaboraron unha dotrina da guerra xusta. A hipocresía nunca anda lonxe cando hai conflitos tan flagrantes. E así, xa non hai Ministerios da Guerra, sinon da Defensa. E a defensa xustifica todos os ataques.

Así eran as cousas tradicionalmente, e daba certa tranquilidade saber que o control da violencia pública, polo menos, estaba en mans do Estado. Os pacifistas podían ter a esperanza de convencer as Estados, e daí que tanto fixeran para conseguir tratados de paz, de non agresión e ata de paz perpetua.

Neste século a violencia pública escapa ao control do Estado. E así como hai unha paradiplomacia, na que os protagonistas non son estatais, hai unhas campañas parabélicas. O negocio do armamento atopou novos clientes. E ás veces son os propios Estados os vendedores das armas que poden volverse contras as súas proprias poblacións.

É posíbel e ata probábel que os atacantes de Mumbai estivesen instigados polo Paquistán. Pero o que aconteceu alí foi moi diferente dun sabotaxe ou unha quinta columna. Foi unha pequena paraguerra, das que cada vez hai máis. As guerras xa non se declaran nin acaban nun tratado. Estamos presenciando unha guerra permanente na confrontación entre culturas, por así chamarlle ao que ven ocurrindo no mundo con epicentro no Oriente Próximo. Como si ao século das Grandes Guerras fora a sucederlle un século, non só de guerras pequenas sinon de epidemis parabélicas.