Leo en El Viejo Topo deste febreiro ao profesor Carlos Taibo debullando xenialmente a revolta francesa de outono de 2005 baixo o título: ¡Cando nos tocará a nós! Así, entre admiracións, polo que deduzo que non se trata nin dunha pregunta nin dun medo, senón dun anhelo. Dalgún xeito, aquela revolta, o non á Constitución Europea e o contundente rexeitamento ao Contrato de Primeiro Emprego, actos franceses de lóxica insurrección, espertaron denteiras de revolución en moitos de nós. Por baixo dos Pireneos eses moitos de nós ansiamos máis rebeldía colectiva perante a explotación en masa á que somos sometidos os do común polos beneficiados da globalización, perante esa obsesión de crecemento imparábel que nos fai cada día máis desiguais e, xa que logo, máis individualistas. Ao cabo ese individualismo inducido é a principal arma do ultraliberalismo para chuchar no noso esforzo cotiá.
Vén isto a conto do que acontece ao redor das presidenciais francesas do vindeiro abril. Alén do enfrontamento entre Sarkozy (UMP) e Royal (PS), nidiamente situado á dereita do pobo "a seguridade e a orde centran a discusión" e coincidente nas reverencias ao neoliberalismo; os movementos da que chaman esquerda radical, antiliberal ela, están cando menos no debate.
Partindo da base de que o autoritarismo de Sarkozy e a socialdemocracia liberal de Royal non van resolver a crise social e política dun país que vai de revolta en revolta, houbo un esperanzador intento de formar unha fronte común "á esquerda da esquerda", constituída por 800 comités unitarios antiliberais. Este ensaio de alternativa fracasou hai un mes, din, pola teima do Partido Comunista (PCF) "de novo aliado do PS" en impoñer a Marie-George Buffet como candidata. Polo visto o combustíbel que constituían as anteditas revoltas sociais non tiña aínda octanaxe dabondo, e agora atopamos un ridículo atoamento de precandidaturas á esquerda do PS, como a de Besancenot (LRC), Voynet (Os verdes) ou a do altermundista José Bové, que decidiu entrar a xogar ao taboleiro sistemático.
Tres conclusións. Primeira: as bases do pobo francés seguen e seguirán a buscar activamente unha saída, pois non a teñen. Segunda: a súa crecente desconfianza nas estruturas de poder (partidos, sindicatos…) está tan xustificada como as súas xa cíclicas revoltas. E terceira: non entendo a Bové.