Nayaf e as trompetas de Xericó

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

A escenificación da resistencia xiii na cidade santa de Nayaf complica o proceso para o recoñecemento das futuras institucións iraquís. Tres semáns de bombardeos, ataques nocturnos e cun balance de feridos considerábeis en ambos lados, reafirman a tese da dificultade para atraer estabilidade á zona durante a controvertida etapa de posguerra en Iraq. A Conferencia Nacional do pasado quince de agosto atopábase cunha crispación non só política, senón mediática.

A milicia de Al Sader tomaba a mezquita do Imán Ali co obxectivo de denunciar aos cómplices de Bush e para esixir un cambio no proceso de negociación. A estratexia do líder xiii evidencia a dificultade para parar un proceso que recae agora na responsabilidade dos propios iraquís e que presenta considerábeis incertezas e debilidades. Sen embargo o líder, nun xiro de 180 graos, condenaba os ataques e solicitaba o alto o lume aos seus seguidores. Sabe que o seu futuro político e ate a súa supervivencia depende, en boa medida, da capacidade que teña para xestionar o alto o lume.

Sen dúbida, o éxito da transición iraquí dependerá do rol que cada un dos actores políticos desempeñen de aquí aos vindeiros comicios de xaneiro de 2005. A autoexclusión de grupos como o Consello de Sabios Musulmáns ou o Comité de Ulemas, ambos sunnitas, dous turcománs e dous seguidores de Múqtada Al Sader, evidencia a debilidade coa que nace. De nada serviu a negociación do enviado especial de Nacións Unidas en Iraq, Lakhadar Brahimi, quen sí tivera éxito en alcanzar o consenso para a restauración da Loia Xirga en Afganistán. A implicación dos disidentes facilitaría a lexitimidade das decisións dos futuros 100 representantes.

Ábrese, polo tanto, un ciclo de mareas, de negociacións e de conflictos abertos. A dualidade e a utilización de imaxinarios colectivos serán claves. A reivindicación da soberanía do pobo iraquí sobre os recursos, a transcendencia histórica da chegada da democracia ao país, a perda de identidade ou a pertinencia na recuperación da tradición ou a adopción de modelos teocráticos como garantes do sistema político, perfilarán os contidos dos programas electorais. Os partidarios do "Grupo dos Sete" sábense fortes e con recursos. A administración Bush subvencionou dende o ano 2002 aos partidos opositores a Sadam Hussein, tales como o Movemento de Demócratas, de Adnan Pachachi; o Acordo Nacional Iraquí, de Iyad Alaui; o Partido Democrático do Kurdistán, dirixido por Masud Barzani; a Unión Patriótica do Kurdistán, de Jalal Talabani; a Asemblea Suprema para Revolución en Iraq, de Mohamed Baqer al Hakim; Dawa, Ibrahim al Jafari, do viceprimeiro ministro, e o Congreso Nacional Iraquí de Ahmed Chalabi que, como salienta J. M. Muñoz, enviado especial en Bagdad de El País, " foi o preferido das antigas administracións de EUA e hoxe desprezado", conforman unha relativa alianza táctica.

A Conferencia Nacional, na que participaron ao redor de 1.200 delegados, dictaminou o número e as responsabilidades do novo parlamento transitorio. Esta nova entidade política terá a potestade de promulgar leis, controlar ao Executivo, e disporá do dereito de veto cando sumen dous tercios dos votos. Será a gran protagonista oficial na convocatoria de eleccións. Finalmente, 100 homes e mulleres procedentes de espacios de poder xa operativos serán os designados. Moitos dos participantes criticaron a composición do goberno, xa pactada antes da posta en escena, no que non cesaron os enfrontamentos. A composición será a seguinte: 20 asentos para membros do anterior Goberno iraquí, e 72 para os sete partidos que controlaron o proceso. Cabe salientar a introducción da variable xénero na configuración do parlamento, no que as mulleres serán un cuarto da totalidade dos participantes.

Certamente, a mezquita de Nayaf recobra a súa simboloxía política e relixiosa. Evidencia a vulnerabilidade do sistema e reabre episodios da historia recente do país. É un enorme tesouro que desata as paixóns de diferentes familias xiíes para ter as chaves e a custodia da tradición artística. Pero tamén se está a converter no punto de mira da opinión internacional para avaliar o papel das forzas estadounidenses cos seus tanques Bradly. Polonia anunciaba estes días o seu desexo de retirar as súas tropas do país.

Nun país cunha sociedade fragmentada, a non aceptación do sistema futuro polos sectores máis novos da mesma, dos que en boa medida se nutre o "Exército de Mahdi" de Al Sadr, a consolidación dunha nova cultura política, non xera moitas expectativas. O traslado de poderes estase a desenvolver dun xeito lento, sen consenso, ao ficar fora as grandes faccións disidentes do país, que seguen apostando por unha maior autonomía no control dos recursos petroleiros.

Iraq é, a día de hoxe, un país con aristas e diferentes perfís. A posguerra estase a caracterizar pola morte de civís e soldados, moitos máis que os causados durante a guerra, curta e definida polo seu extremecedor impacto. A reconstrucción do país é un dos tesouros contemporáneos máis suculentos para empresas de 30 países. Iraq segue a ser nestas semanas olímpicas un negocio para a guerra.