habana antonio garcia e gerardo bermudez

Negociación armada

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Tabaré Vázquez e Néstor Kirchner, clic para aumentar
O comandante Antonio García (á esquerda), un dos líderes do Exército de Liberación Nacional (ELN) de Colombia, e Gerardo Bermúdez, alias "Francisco Galán", portavoz do movimiento nas negociacións da Habana.
 

O presidente Alvaro Uribe ten unha decisiva cita coas urnas o próximo 28 de maio. A súa reelección presidencial non semella en perigo, pero as enquisas comezan a pasar factura por ter fracasado o no obxectivo de vencer e derrotar á guerrilla, empregando só man dura, tal como prometera no 2002, cando foi electo ou por non lograr avances significativos nos dous grandes problemas sociais do país: o desemprego e a pobreza. Lonxe quedan os índices de popularidade que se achegaban ao 80% na metade do seu mandato.

Cando asumiu a presidencia, os electores estaban cansos do infrutífero, dilatado e desgastador proceso negociación impulsado polo anterior Presidente Andrés Pastrana. Na retina, aínda están as insólitas imaxes do Presidente Andrés Pastrana paseando, nun distendido diálogo pola frondosa selva na compaña do comandante xeral das FARC, o veterano Pedro Antonio Marín Marín, de alcumes coñecidos "Manuel Marulanda" ou "Tirofijo".

Cando Uribe accede ao poder, o 60% dos colombianos acredita na vía militar, como fórmula para acabar con décadas de violencia e desprazamentos xeneralizados.

Hoxe, a pouco máis de dous meses das eleccións, só o 32% coida que a vía militar sexa a solución única, e acreditan nun 60% na vía do diálogo como complemento necesario.

Consciente desta nova sensibilidade social, lanzouse á campaña electoral, previa polémica reforma constitucional, que posibilitase a súa reelección, presentando no mes de setembro sendas propostas de diálogo cos dous grandes grupos armados do país: ELN (Exército de Liberación Nacional) e FARC (Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia).

Dende 2003, priorizara unha polémica liña desmobilizadora das paramilitares Autodefensas Unidas de Colombia, que deu na discutíbel "Lei de xustiza de paz", aprobada polo congreso a finais de 2005, que recibiu duras críticas de organizacións de Dereitos Humanos Nacionais e Internacionais, que consideran a lei, como un manto de silencio para os reiterados crimes contra da humanidade.

Sen dar carta de ruptura, ao rexeitamento do ofrecemento feito o 16 de agosto, Uribe plantexou ás FARC, a creación dunha zona temporalmente desmilitarizada, tal como fixera o desacreditado Pastrana, para negociar un intercambio humanitario de insurxentes por secuestrados.

En setembro mostrouse disposto a renunciar ao termo "accións terroristas", para recoñecer que en Colombia, existe un "conflito armado", tan como solicitan os grupos armados como paso previo: "En aras das superiores conveniencias da patria, depoño as miñas conviccións persoais, e en nome da institución presidencial acepto que hai conflito armado".Disposto, tamén, a facer unha paréntese nas ordes de captura e non iniciar accións militares contra dos grupos armados durante a negociación…

As FARC, que como posición de partida, esixía a liberación de 500 dos seus homes a cambio de 59 políticos, militares e policías que ten secuestrados. Semellan finalmente decididas entrar na campaña impulsando un incremento de accións violentas e armadas, que causaron máis de 50 mortos na última semana de febreiro, sen dar opción á ningunha estratexia negociadora que puidese favorecer a reelección de Uribe.

Mellor perspectiva presenta o diálogo aberto que as máximas autoridades colombianas manteñen na Habana cos dirixentes do ELN, grupo armado fundado en 1964, que reúne a uns 4.000 combatentes coa mediación da comunidade internacional, a igrexa e a sociedade civil.

Na rolda de prensa posterior ás mesas negociadoras de mediados de febreiro, tanto para Erlington Chamorro, xefe do ELN, a quen o executivo lle concedeu estatus político, que suspende ás ordes de captura, como para o vicepresidente colombiano Francisco Santos, "agora danse as condicións para facer política con garantías".

Man dura e diálogo van e veñen nas estratexias do executivo, ao ritmo das pesquisas electorais. Uribe non debe ter problemas para resultar reelecto, pero por se acaso, toca renunciar a man dura, e presentarse como negociador.