20060702 matagalpa daniel ortega

Nicaragua: outro triunfo da esquerda?

 Daniel Ortega, clic para aumentar
Nunha sondaxe sobre a intención de voto dos nicaragüenses, realizada nos días 16 e 23 de xuño sitúan no primeiro lugar ao candidato do FSLN, Daniel Ortega (líder da revolución sandinista e presidente da República de Nicaragua durante os anos 1985-1991), cun 28% dos votos. (Foto: Daniel Ortega nun acto electoral na cidade de Matagalpa, o 2 de xullo de 2006).
 

Tras das incertas eleccións de México, o 5 de novembro terán lugar as presidenciais da República de Nicaragua. As expectativas de cambio locais entran en sintonía coas expectativas de cambio progresivo en América Latina, xa os movementos políticos progresistas teñen accedido paseniñamente ao poder en diferentes países.

O sistema electoral de Nicaragua consta de dúas voltas. Para gañar as eleccións na primeira volta, compre obter unha maioría relativa do 40% dos votos; agás no caso de que obtendo máis do 35% dos votos se superase ao candidato que ostente o segundo posto por unha diferenza superior ao 5%. Se isto non acontece así, habería que proceder a unha segunda volta entre os dous candidatos que obteñan máis votos.

Esta é a primeira vez que se van celebrar unhas eleccións con catro opcións sólidas, xa que o país sempre se atopou cunha situación de bipartidismo onde competían o Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) e o Partido Liberal Constitucional (PLC).

Os principais partidos que se van presentar a estes comicios son: o FSLN, PLC, ALN-PC (Alianza Liberal Nicaragüense-Partido Conservador) e o Movemento Renovador Sandinista. Estas opcións se distribuirán os 90 deputados nacionais, os 20 deputados do Parlamento Centroamericano (PARLACEN) e o presidente da República.

Nunha sondaxe sobre a intención de voto dos nicaragüenses, realizada nos días 16 e 23 de xuño deste mesmo ano pola firma enquisadora Cid-Gallup, sitúan no primeiro lugar ao candidato do FSLN, Daniel Ortega (líder da revolución sandinista e presidente da República de Nicaragua durante os anos 1985-1991), cun 28% dos votos. Isto pode facer pensar na posibilidade de que Nicaragua puidese tomar o camiño que están a seguir os seus países veciños, con tendencia cara aos cambios progresistas.

No entanto, compre sinalar que non todos os partidos esquerdistas que ocupan agora a presidencia nalgúns países de América do Sur e do Centro, teñen as mesmas características. Así por exemplo, Lula ten un perfil movementalista, en Ecuador ou en Bolivia domina la tendencia etnicista, e o goberno de Kirchner caracterízase por ser populista institucional.

Nestas eleccións locais non podemos esquecer o papel que están a tomar os Estados Unidos neste proceso electoral xa que ve con indisimulada preocupación a hipotética a vitoria da esquerda.

A superpotencia do norte é o principal actor exterior nos comicios que se van celebrar en Nicaragua. Xa, co triunfo da revolución sandinista (1979), a partir do momento no que Reagan tomou posesión do seu cargo en 1981, o obxectivo do seu goberno foi illar a Nicaragua e apoiar aos rebeldes da "contra" que intentaban derrocar ás autoridades sandinistas. Estados Unidos nunca estiveron cómodos co FSLN, e tampouco van estar agora contentos con esta hipótese.

Nesta tesitura EEUU emprendeu accións dirixidas a promover a unificación dos partidos da dereita e o centro, por medo que teñen ao triunfo da esquerda que representa o FSLN.

Conscientes da grande dificultade de que os partidos da dereita se unifiquen nun só, o encargado da Administración Bush para os asuntos latinoamericanos, Tom Shannon, afirmou que as únicas opción válidas para ostentar a presidencia eran dúas: o Movemento Renovador Sandinista ou a Alianza liberal dos Nicaragüenses-Partido Conservador, presentando a estes dous partidos como as únicas "opcións de futuro", facendo ver aos electores que o FSLN non é unha boa opción de goberno.

Identifícase a Ortega como un aliado de Chávez ou de Fidel Castro, e hai que ter en conta que ambos presidentes manteñen complicadas relacións co goberno dos Estados Unidos. A ollos de Washington, todos eles son situados nun eixe formado por Caracas-A Paz, A Habana-Managua (alcumado polos EEUU como o eixe socialista do mal).

Tamén foi explícita a entrada na escena electoral de Venezuela, onde Chávez presta o seu apoio a Daniel Ortega.

A contenda electoral tamén está a dirimir outras frontes sociais patentes no rexurdir dos cidadáns famentos, empobrecidos e desempregados contra da distribución pouco equitativa da riqueza, tendo en conta que Nicaragua é o segundo país máis pobre de toda América Latina. Por tanto, a loita contra da pobreza esta a nuclear a mensaxe da esquerda de Nicaragua en sintonía coa esquerda dos países de América del Sur ou Centroamérica. Para Daniel Ortega: "Estase a librar a batalla no terreo electoral.

Pola súa contra, o candidato de ALN-PC, Montealegre, pretende seguir coas propostas levadas a cabo polo goberno actual.

As principais apostas que se marca Rizo, candidato á presidencia polo PLC, son entre outras, os temas da educación primaria, saúde, desenvolvemento económico.

Por último o MRS, que supón unha escisión do FSLN, ten como proposta unha renovación institucional íntegra, sempre pensando nos sectores menos desfavorecidos da sociedade.

Para hixienizar a campaña, o ex presidente dos Estados Unidos, Jimmy Cárter, estivo de visita en Nicaragua dende o 3 ata o 6 de xullo para comprobar que esta contenda electoral estase a facer por canles limpos e xustos. O Centro Cárter oponse claramente a calquera intromisión estranxeira no proceso electoral nicaraguano, tanto sexa para cualificar ou descualificar aos candidatos. Así, tamén critica a influencia que están a exercer os Estados Unidos nestes comicios electorais apoiando a certos partidos e vetando a outros publicamente.

A decisión debe estar en mans dos propios votantes de Nicaragua, e axiña expresaran se optan polo continuísmo ou se deciden a seguir a ruta dos cambios continentais.