Ninguén está a salvo

A posición chinesa en relación á guerra nos Balcáns vense caracterizando por unha equilibrada mezcla de frío distanciamento diplomático e elemental pragmatismo. Beijing é consciente de que a súa capacidade de influencia na evolución dos acontecimentos é moi limitada e, por outra banda, neste momento, con asuntos tan transcendentais sobre a mesa como o ingreso na Organización Mundial do Comercio, importalle máis insistir nunha dinámica constructiva nas súas delicadas relacións con Estados Unidos que abundar nas diferencias. Valga de exemplo que, hai pouco máis dun mes, mentres caían as primeiras bombas sobre Belgrado e milleiros de albaneses iniciaban a súa particular "longa marcha" cara a fronteira, Jiang Zemin, o presidente chinés, reuníaaw con importantes empresarios nas capitais de Italia, Austria ou Suiza para animalos a investir na transformación económica do seu país.

Pero aínda que a súa sexa outra guerra, cómpre ter en conta dous aspectos. Un, dende o primeiro momento, o rexeitamento da prepotencia occidental foi manifesta e contundente. Ben é verdade que a China ten os seus propios "kosovos" (tibetanos, uigüres, kazakos, fundamentalmente) e por iso, entre outras razóns, sería iluso agardar outra cousa. Dous, a súa insistencia de principio na resolución pacífica do conflicto no marco de Nacións Unidas e do respecto á legalidade internacional e á soberanía, integridade territorial e independencia da República Federal Iugoslava, favorece un pouco máis a aproximación a Moscova e vai enchendo e maior contido esa asociación estratéxica que busca restablecer boa parte do equilibrio perdido na posguerra fría.

O ataque á súa legación diplomática en Belgrado, máis alá da natural irritación e protesta, lóxica e visiblemente en aumento, non modificará nada substancial pero terá consecuencias políticas e brinda a Beijing unha irrefutable xustificación que probablemente non destragará, para desempeñar un papel máis activo na fronte da paz.