areva cogema somair mina uranio en arlit niger

Níxer: Xenocidio silencioso

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 Mina de uranio en Arlit (Níxer), clic para aumentar
Níxer centra as súas fontes de ingresos na exportación de uranio e se converte nunha auténtica ganga para as macroempresas que se adican á exploración de xacementos petroleiros, mentres que ofrece menos atención á produción agraria de subsistencia e pasa a importar unha significativa porcentaxe dos alimentos que necesita. Exportación de materias primas e importación de produción manufacturada e de alimentos, nada novo se temos en conta o devir económico da época da colonización explícita, aínda que agora as metrópoles levan o nome das corporacións transnacionais que protagonizan os records de beneficios no mercado internacional. (Foto: Explotación de uranio nas proximidades de Arlit, no deserto do Sáhara, a 1.200 quilómetros de Niamey, a capital de Níxer. A mina é propiedade da empresa Somair, participada nun 63,4% polo grupo Cogema-Areva e no 36,6% restante polo goberno de Níxer).
 

É xa un tópico achegarse ás sociedades africanas a través do prisma das sucesivas alarmas de graves crises alimentarias. O último chamamento de atención veu de man do Relator Especial para o Dereito á Alimentación de Nacións Unidas, Jean Ziegler, quen, tras unha visita de catro días a pasada semana a Níxer, alerta dunha inminente ameaza de fame que pode afectar a máis de tres millóns de persoas, entre as cales se atoparían .000 nenas e nenos ameazados pola fame e a desnutrición. Deste xeito, Níxer, ou mellor dito, o Sahel, saltou de novo aos medios de comunicación das sociedades do Norte que, seguindo a premisa de que vale máis unha imaxe que mil palabras, enchen os ocos argumentais e explicativos das súas noticias coa dramática personificación da fame en anónimas caras que parecen carecer de individualidade e de dereito á intimidade. Sen embargo, detrás destas imaxes non hai mil palabras explicativas senón mil interrogantes que quedan baleiros e que van configurando unha sensación de inevitabilidade, como se a fame formase parte do “destino manifesto” da África Subsahariana.

Fálase de desertización, de pragas de langosta, da perda de colleitas, de asfixiantes sequías… conxunturas que se repiten ano tras ano, sen que se nos aclare demasiado o como, o porque ou o dende cando. ¿Hai unha escandalosa falta de información, ou é que no continente máis grande a Historia non existe e o tempo tense estancado e discorre ciclicamente entre a guerra e a fame? Parece máis razoable inclinarse pola primeira opción e enfrontarse á enorme complexidade de rescatar, aínda que sexa minimamente, o que non se di.

Níxer é un dos estados que, segundo o PNUD, presenta os niveis máis baixos no índice de desenvolvemento humano, o que o converte no segundo máis pobre do mundo. Leva máis dunha década aprisionado nunha crecente crise económica e social materializada nun progresivo empobrecemento de grande parte da poboación, nunhas desbocadas taxas de desemprego crónico, na exclusión social de mulleres e mozos… E non é a primeira vez, nin desgraciadamente será a última, que se converte en actualidade mediática pola súa situación alimentaria. Por outro lado, Níxer é tamén un dos estados africanos que leva vinculando a súa economía ás políticas dictadas polo FMI e o BM dende hai uns vinte anos; durante este tempo, as premisas neoliberais foron asumidas aplicadamente polo goberno nixeriano que, deste xeito, se abriu á inversión exterior, foi privatizando unidades de producción ligadas ao sector público e dando pasos en pro da liberalización do e desregulación do seu mercado.

Neste senso, Níxer centra as súas fontes de ingresos na exportación de uranio e se converte nunha auténtica ganga para as macroempresas que se adican á exploración de xacementos petroleiros, mentres que ofrece menos atención á produción agraria de subsistencia e pasa a importar unha significativa porcentaxe dos alimentos que necesita. Exportación de materias primas e importación de produción manufacturada e de alimentos, nada novo se temos en conta o devir económico da época da colonización explícita, aínda que agora as metrópoles levan o nome das corporacións transnacionais que protagonizan os records de beneficios no mercado internacional.

A relación entre o empobrecemento da sociedade nixeriana nas últimas décadas e a asunción por parte do seu goberno dos plans de axuste estrutural alentados polas institucións financeiras internacionais, aínda que non sexa directa e estea atravesada por outra serie de factores, seguramente non é casual. Tampouco debe ser anecdótica a relación do empobrecemento coas desigualdades que caracterizan a liberalización comercial que, no seo da Organización Mundial do Comercio (OMC), permiten que os mercados do Sur sexan inundados pola produción do Norte mentres que este se mantén protexido. E como solución, máis do mesmo, como vimos no Cumio do G-8 de Gleneagles onde se incluíu a Níxer na lista de países que ían ser favorecidos con reducións parciais da súa débeda externa (este país adica máis dun cuarto dos seus ingresos ao pago da débeda, superando ao presuposto orientado á cobertura de servizos sociais como educación ou sanidade). Se lle ofrece menos débeda e máis axuda financeira pero condicionada polas directrices económicas que xa coñece e ven aplicando: privatización, liberalización, control do gasto público e, sobre todo, moito comercio como motor para o crecemento económico.

Vista a traxectoria das últimas décadas cabe pór en cuestión as verdades económicas do consenso de Washington e ver con lupa os supostos beneficios universais da liberalización comercial; ¿pode un Estado garantir a seguridade alimentaria da súa poboación mediante a importación de alimentos dun mercado internacional marcado polas fluctuacións dos prezos en base a criterios que pouco teñen que ver coas necesidades humanas? A alimentación, base da vida, e a súa manifestación económica que é a agricultura, deben manterse como sectores estratéxicos das sociedades e os seus estados, e é perigoso deixar a súa xestión en mans da suposta “man invisible” do mercado, é dicir, na man das corporacións transnacionais, que ven nela un negocio e non unha necesidade humana. Mentres non se opte por esta visión, e sexa a cobertura do dereito a alimentarse o que marque as políticas económicas e non ao contrario, dificilmente se poderá ir en camiño de evitar que crises como a que actualmente ameazan a Níxer se reproduzan nos medios unha vez máis, como complemento aterrador das nosas sociedades de consumo.

Observar que 840 millóns de persoas pasan fame e sofren de desnutrición nun mundo no que cada vez se produce e se consume máis, debe facernos sospeitar que non todo terá que ver con fortes sequías e pragas de langostas, e ir as raíces dos problemas que pouco teñen que ver coa escaseza de alimentos senón coa distribución dos recursos para obtelos. As normas actuais do comercio internacional e as políticas macroeconómicas dirixidas dende as institución financeiras teñen un grao de responsabilidade que debe ser analizado.

Parafraseando ao Relator Especial de NNUU, cada persoa que morre de fame no mundo morre asasinada.