Niza: Nin arre nin xo

O Cumio de Niza da UE non satisfixo nin a tirios nin a troianos, ao tempo tampouco causou gran descontento entre uns e outros. Nin triunfo, nin fracaso. Nin avance, nin retroceso. Todo quedou para o 2004.

Tras unha década de anemia política, a UE, cohesionada só por intereses económicos, inicia unha deriva perigosa que lembra a “diplomacia das potencias” de finais do s. XIX. Ante a perspectiva de adquisición de novos mercados cara o leste, os poderosos da UE disputan entre si polo control dos futuros consumidores.

Alemaña gañou, mais Francia non perdeu. España non se puxo a altura dos grandes, mais logrou deixar sobre a mesa a proposta alemana sobre a subsidiariedade. O Reino Unido quedou igual, mais logrou adiar a cuestión da Constitución europea. Os cativos sufriron, e Portugal púxose ao fronte. Os que están á espera non quedaron contentos, mais mantívose o calendario para a integración. Os países eslavos quedan fora, seica non son Europa e a fronteira da extinta URSS (sen Estonia, Letonia e Lituania) segue a dividir politicamente ao continente. Niza foi un rebumbio, tanto nas rúas coma nos salóns do Hotel Negresco no que os mandatarios europeos prolongaron a estancia ata o último momento.

Francia logrou deter a pretensión alemana de aumentar o seu peso no Consello. Ao final os catro grandes (Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia) seguen empatados a votos (29); España queda por detrás con 27, os mesmos que terá Polonia no seu momento; Romanía terá 14 e Holanda queda con 13; o grupo dos dez millóns de habitantes (Grecia, Bélxica e Portugal e no futuro Rep. Checa e Hungría) quedan con 12; Suecia, Austria e, no seu momento, Bulgaria terán 10 votos cada unha; con 7 quedan Dinamarca, Finlandia e Irlanda, logo tamén os terán Eslovaquia e Lituania; catro votos serán os que teñan Letonia, Eslovenia, Estonia e máis Luxemburgo que ve premiado a súa condición de membro fundador do club; con tres e pechando, Malta.

Alemaña viuse compensada tanto na composición do Parlamento, no que mantén os deputados que tiña (99), todos os demais agás Luxemburgo perden representación nunha porcentaxe que rolda o 20%, coma nos enredados mecanismos de bloqueo establecidos no 38% da poboación. Polo que contando co apoio de dous dos grandes, Berlín poderá bloquear calquera decisión, cousa que non poderá facer por exemplo unha alianza de Reino Unido, Francia e Italia. Así mesmo Alemaña vese favorecida no momento de aprobar propostas, xa que estas irán adiante coa maioría cualificada dos votos (255), coa maioría simple dos Estados, ou ben ao contar co apoio dos Estados que representen, cando menos, o 62 % da poboación.

En Niza todo foron argucias contables que xeraron profundo descontento, encabezado por Portugal, entre os pequenos. Converteuse nunha batalla entre potencias económicas e demográficas e cativos estados de 10 millóns de habitantes. Guterres explicou que será difícil de explicar ante a opinión pública portuguesa como é posible que o seu país pase de cinco votos no Consello a 12, mentres que España pasa de 8 a 27 ou Alemaña de 10 a 29. Os “pretendentes” quedaron contentos xa que viron confirmadas as súas pretensións aínda que puideron comprobar o trato que se lle dá aos pequenos, que son a maioría agás Polonia.

O debate político quedou adiado para o 2004. Nin a concreción das incorporacións, nin a elaboración dunha Constitución, á que se opón o Reino Unido e os países nórdicos, nin o reparto de competencias conforme ao principio de subsidiariedade, esto é que estas sexan exercidas por aquelas institucións máis próximas aos cidadáns, co que Alemaña pretende resolver a cuestión das competencias entre o Estado alemán e os länder e que pon nerviosos a algúns, nomeadamente ao goberno español, foron tratadas.

Niza foi pois un exercicio de sumas e restas no que as “potencias” saíron favorecidas e unha exposición de “tics” resesos e de infausto recordo. Que Schröder teña que recorrer a argumentos cuantitativos (poboación e actividade económica) para defender a primacía alemana nas institucións europeas, só é mostra que detrás da UE non hai proxecto político: nin da Europa dos Estados, nin dos cidadáns, nin dos pobos. Nada, só disputas polo reparto de beneficios. Os políticos téñense mudado en contables. Escoitar, en boca de Chirac, repetidas alusións á historia para manter a igualdade de votos no Consello entre Francia e Alemaña produce escaso sosego. A terminoloxía de ¿quen manda máis? lembra a da diplomacia das potencias no último tercio do s. XIX. O eixo franco-alemán impulsou o desenvolvemento das institucións europeas, durante a década dos oitenta, por que os dous polos estaban dirixidos por políticos (Mitterrand e Kohl). Agora, ao fronte dos dous estados que se enfrontaron militarmente en tres ocasións no últimos 150 anos, dúas das cales derivaron en guerras mundiais, temos a un contable e a un nostálxico da “grandeur”. Moito teñen que mudar as cousas para que a UE sexa algo máis que un consello de administración con desavinzas entre os seus membros.