O medo ao fracaso pende como espada de Damocles sobre o Cumio da UE que dará comezo o vindeiro xoves en Niza. Nin varios meses de reunións da Conferencia intergobernamental (CIG), nin máis dunha ducia de xuntanzas dos ministros de Exteriores, nin as visitas dos últimos días do presidente Chirac aos máximos dirixentes serviron para topar saída ás tres grandes cuestións: a toma de decisións por maioría, a composición da Comisión Europea e o reparto de votos no Consello de Ministros. Non chegar a acordos sería un fracaso, nomeadamente para a presidencia semestral francesa, quen xa decidiu ampliar o Cumio ata o domingo. Adialos, un risco ante as inminentes incorporacións.
O eixo franco-alemán sobre o que se ergueu o proceso de integración económica e que se consolidou durante o período Kolh-Mitterrand está ameazado. Tras unha década de parálise política, a inminente ampliación puxo sobre a mesa o debate da articulación da Europa Unida. Co primeiro de xaneiro de 2003 ás portas, e as negociacións avanzadas con seis estados (República Checa, Polonia, Hungría, Eslovenia, Estonia e Chipre), en bo camiño con outros seis (Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Letonia, Lituania e Malta), con Turquía nun terceiro nivel, iniciadas con Croacia e prometidas aos outros estados balcánicos, buscar o xeito de artellar unha UE de cando menos 27 membros semella unha urxencia inaprazable.
O debate quedou aberto no Cumio de Helsinqui de decembro pasado. Un ano despois pouco se ten avanzado, a pesares do rebumbio organizado pola proposta de Joscka Fischer en maio pasado, pouco antes da reunión bilateral franco-alemana en Rambouillet. Agora, chegase a Niza cunha Alemaña, coa mirada posta no leste, disposta a facer valer a súa potencia económica e demográfica e unha Francia que se nega a deixar de ser o outro polo do eixe sobre o que se sustenta o deseño da Unión. E mesmo cunha España que pretende incorporarse ao grupo dos grandes (Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia).
A cuestión máis espiñenta semella ser a do voto ponderado no Consello de Ministros. Alemaña aduce que os seus 10 votos (os mesmos que Francia, Italia e Reino Unido) non se corresponden cos seus máis de 82 millóns de habitantes, fronte aos menos de sesenta de Italia, Francia e o Reino Unido e négase a quedar equiparada con España (menos de 40) o que suporía no futuro a incorporación de Polonia ao grupo de maior peso decisorio.
O que en verdade está en cuestión é un deseño da Unión en función dos Estados. Coa ampliación a 28, a disimetría entre os membros sería espectacular. Amais dos pequeniños (Chipre, Luxemburgo e Malta) habería un grupo entre os dous e tres millóns de habitantes: Estonia (1,44), Eslovenia (1,97), Letonia (2,43), Lituania (3,70) e Irlanda (3,74). Outro de tres, en torno aos 5 millóns: Finlandia (5,16), Dinamarca (5,31) e Eslovaquia (5,39). Oito dos membros andarían sobre os 10 millóns: Austria (8,08), Bulgaria (8,23), Suecia (8,85), Portugal (9,98), Hungría (10,09), Bélxica (10,21), R. Checa (10,29) e Grecia (10,53). No medio quedarían Holanda (15,76) e Romanía (22,48). Preto dos grandes Polonia (38,66) e España (39,39). Finalmente os demograficamente poderosos : Italia (57,61), Francia (58,96), R. Unido (59,24), Turquía (64,38) e Alemaña (82,03). O desaxuste é aínda maior se temos en conta a poboación que corresponde por cada voto no Consello de Ministros, que vai dende os 8,20 de Alemaña, ao menos do millón por voto que terían Chipre, Luxemburgo, Malta, Eslovenia ou Estonia. A Europa dos cidadáns non avanza.
Tampouco o fai a Europa dos pobos, pola teimosía dos grandes estados en manter estructuras políticas decimononicas que obrigarán a pobos con identidade política e cultural e potencialidades económicas ou demográficas a seguir afastados dos centros decisorios da Europa Unida. Mentres, outros, por ter o recoñecemento como Estados, si se incorporaran a estes órganos de representación e influencia. Matinemos en Escocia, Gales, Cataluña, Euskadi , ou Galicia.