No pasamento de Iulius Nierere

O pasado xoves faleceu en Londres, aos 77 anos, Iulius Nierere creador da actual República de Tanzania. Desaparece así un dos protagonistas do espertar de África durante a década dos sesenta, propulsor, xunto a outros dirixentes da África subsahariana do que se denominou “socialismo á africana” así como da unidade africana que se concretou na OUA da que foi fundador e presidente nos primeiros anos da década dos oitenta. Abandonou o poder en 1985 cando se negou a aceptar as recomendacións de austeridade social do FMI, considerándose un fracasado. Non foi quen de arrincar ao seu país das garras da pobreza mais dotouno dunha estabilidade que lle permitiu evitar, polo de agora, os sanguentos enfrontamentos que nesta década asolaron aos países veciños.

Nacera en 1922 en Butiama, preto do lago Victoria. Foi un dos 24 fillos que o xefe da tribo Zanaque tivo coas súas 22 esposas; non sendo fillo da primeira delas nin primoxénito carecía de todo dereito a ser xefe, aínda así puido asistir a escola católica británica e posteriormente licenciarse en Humanidades na Universidade da Makere, na actual Uganda. Completou os seus estudios entre 1949-52 en Edimburgo. Ao regreso a Tanganica dedicouse ao ensino e dende aquela foi coñecido como o “mualimo”, o mestre en suahili.

En 1954 participou na fundación da TANU ( Unión Nacional Africana de Tanganica) partido que dirixiu a loita pola independencia sería realidade en 1961. Ao ano seguinte converteuse en Presidente da República que dous anos máis tarde mudaría o nome polo actual de Tanzania ao unirse a Tanganica as illas de Zanzíbar e Pemba.

Durante os anos sesenta intentou unha reforma social sobre a base de comunas agrarias solidarias inspiradas no colectivismo tradicional africano e no modelo maoísta así como a nacionalización das empresas estranxeiras e na creación de empresas estatais de exportación e importación. En 1967 o seu goberno facía a “Declaración de Arusha” onde desenvolvía a súa idea dunha “vía tanzana ao socialismo”.

Nos primeiros anos setenta comprobou o fracaso desta experiencia polas resistencias internas, nomeadamente dos xefes tribais que vían limitados os seus privilexios, e polas dificultades que unhas relacións internacionais dominadas pola tensión bipolar, sometían ao mínimo intento de romper este dualismo. Nierere, xunto a outros dirixentes africanos, defendeu un modelo de partido único, aínda que en Tanzania combinábase cunha elección entre dous candidatos, que aglutinase esforzos para tirar as respectivas sociedades do atraso, impulsou o panafricanismo participando na fundación e mesmo presidindo posteriormente (1983-1985) a OUA e explorou as posibilidades dunha “terceira vía” (que non tiña nada que coa actual) nas relacións internacionais a través do Movemento de Países Non Aliñados inspirado na Conferencia de Bandung de 1955, que tería continuación nas de La Habana (1966), Alxer (1973) e Colombo (1976). O fracaso foi rotundo, o modelo de partido único foi devorado polo cancro da corrupción, a unidade africana non pasou dun soño e a “terceira vía” arrasada polo intereses das dúas superpotencias.

Aínda así Nierere foi quen de evitar que Tanzania se vise sometida as sanguentas dictaduras militares que se impuxeron nos estados veciños dende a segunda metade dos setenta e dotar de estabilidade ao país ao abandonar a presidencia, en 1985, e ser substituído seguindo procedementos constitucionais, e evitar as terribles guerras tribais que na presente década asolaron a área dos grandes lagos, que o obrigaron a retornar á vida pública par actuar como mediador entre hutus e tutsis e Burundi, Ruanda e o antigo Zaire.

De profunda formación católica, humanística e antiimperialista, arelou un socialismo de raíces africanas para o que consideraba necesario a superación da fragmentación entre Ruanda, Tanganica, Burundi, Qenia… e o establecemento dunha lingua franca, o suahili en toda a África Occidental ex británica.

As súas últimas palabras como presidente serían: “Recoñezo que fracasei”. Nunca deixou de soñar, e os seus soños foron sempre xustos.