No primeiro cabodano de Lois Tobío, membro do Consello Asesor do IGADI

A andaina vital de Lois Tobío Fernández (1906-2003) cubre todo o século vinte. De fasquía en aparencia distante pero sempre amable e accesible a nada que se trataba, reflexivo e serio pero sempre disposto a entusiasmarse con cordialidade e paciencia, foi unha desas individualidades excepcionais que só de tarde en tarde agroman no noso país. Tobío pertence a unha xeración de humanistas e renacentistas que todo o deron por servir a Galicia dende todos os saberes e situacións. E foi Tobío un home dunha madeira especial, traballador incansable e abnegado, un galego de lei, militante ao cen por cen nas cousas do país, en todo o que sentía no máis fondo, comprometéndose sempre no que cría. En palabras de Ramón Villares, é unha das voces máis esenciais da "outra Galicia", esto é, dunha das Galicias posibles, pero que a inclemencia da historia acabou malogrando.

Metódico e constante, de hábitos disciplinados, amigo dos paseos e das lecturas, do pracer da conversa cos amigos ou en familia, posuidor dunha rica vida interior pero entrañable a pouco que se derrubaran as primeiras barreiras da distancia e o descoñecemento, Tobío foi un home bo e xeneroso, sempre lúcido e leal, con sentido colectivo do seu facer, cosmopolita e culto, coherente coas súas ideas primeiras que nunca abandonou por comenencias de ocasión. Fuxía dos barullos e nunca andaba á procura de medallas. Esa honestidade intelectual, tan admirada polos máis próximos, forma parte inseparable do seu legado.

A herdanza global que a todos nos deixa é a dun galeguista universalista, a convicción de quen comprendeu de boas a primeiras o imponderable valor da identidade como clave para entenderse co mundo, para desenvolverse sen lindeiros, sen perder o norte irrenunciable das orixes. Ese Tobío que deambula pola diplomacia, pola investigación histórica, pola traducción poética ou ensaística, polo xornalismo, en fin, é o mesmo Tobío do Seminario de Estudios Galegos, do anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia, do Consello de Galiza… porque formou parte dunha xeración formada e educada na valiosísima idea do progreso con identidade, do positivo valor do noso achegamento ao exterior para sermos máis e mellores. É o universalismo galeguista que debería ser o noso pan de cada día, a nosa biblia en tempos de mundialización.

Tobío fixo unha achega singular ao galeguismo que o confirmará para sempre como unha das súas figuras máis sobranceiras. Cando o galeguismo republicano no exilio, encabezado por Castelao, pretende criar un organismo de dereito público que fose depositario da legalidade autonómica dimanada do plebiscito de 1936, Tobío suxire, nunha entrevista mantida con Castelao en Montevideo, en 1944, a proclamación do Consello de Galiza como ente fideicomisario da vontade autonómica popular galega, podendo a partir de entón a nosa Terra aparecer a carón dos gobernos autonómicos plenos de Catalunya e Euzkadi, agrupando aos nosos deputados no exilio.

O Consello de Galiza sería presentado en Montevideo o 30 de xuño de 1945. Castelao sería o seu Presidente e nesa condición pasaría a formar parte do goberno da República que se constituíu en París, presidido por Giral.

A segunda achega de gran valor cualitativo de Tobío ten que ver coa publicación da primeira Historia de Galicia. Castelao, no leito de morte, pídelle a Manuel Puente que promova a redacción e publicación dunha Historia de Galicia que ía dirixir Otero Pedrayo. Tobío é quen fai posible, en derradeiro termo, a edición dos dous primeiros volumes desta importantísima obra, poñendo orde e entusiasmo entre tanta vontade e xenerosidade. Otero Pedrayo, con quen traballou en estreito contacto, chegou a cualificar o labor de Tobío como un modelo de traballo, e a obra resultante, algo certamente sen precedentes.

A terceira gran achega de Tobío ten que ver coa decisión do Consello de Galiza de convocar o Primeiro Congreso da Emigración Galega, que se celebrará en Bos Aires entre o 21 e 31 de xullo de 1956. Tobío desenvolve un enorme labor para a digna realización deste evento, favorecendo, coa súa habilidade diplomática, o encontro de vontades no plano político, non sempre doado, e redactando o Manifesto, o Temario e o Regulamento deste encontro, documentos todos eles de carácter básico, e por iso mesmo confiados a quen non podía defraudalos.

Lois Tobío non foi un diplomático de costas a Galicia, senón un universalista e galeguista, incompleto e inimaxinable sen o seu compromiso cívico a prol dunha sociedade na que reverdezan os idearios de liberdade e de xustiza.

O universalismo de Tobío foi esencialmente político e cultural, fundamentado na firme convicción de que non se trataba de erguer valados senón de cultivar o noso xardín, explicaba, na que se dan flores distintas ás doutros, pero todas para enriquecemento da vida de toda a humanidade. Nada máis afastado, pois, desas ideas hoxe en voga de que os nacionalismos son un paso atrás, desestabilizadores, inviables, vencellados a proxectos autoritarios ou que van contra corrente.

Tobío e os galeguistas sempre estiveron abertos ao exterior, no que pensaban que podían atopar exemplo e axuda, fuxindo da reclusión e a introversión que os podía levar a converterse en nacionalismos de campanario por un exceso de purismo. Esa atención ao exterior será un factor ao que sempre prestará atención, actuando como un ingrediente natural das súas preocupacións máis esenciais. Para Tobío, por exemplo, a consolidación do Seminario de Estudios Galegos resultaría inseparable do establecemento de relacións e vencellos fraternais con outras entidades semellantes de España e de fóra; ou é incapaz de imaxinar "El Pueblo Gallego" que Portela Valladares quería converter no primeiro xornal de Galicia se non é o mellor informado "en cousas da casa e de fóra". Ao longo da súa vida, esa preocupación estará presente e acabará sendo o seu modus vivendi natural.

E non se trata dunha atención aos fenómenos políticos con carácter exclusivo, aos conflictos e tendencias internacionais de todo un século, senón que o universalismo de Tobío incorpora un enorme peso cultural. A súa sensibilidade neste aspecto é merecente de destaque. Esa atracción por outras culturas é experimentada dende os anos mozos, nas súas lecturas de Montaigne e outros autores románticos e malditos que o introducirán na literatura francesa que tanto amará e á que tanto lle debe, asegura el mesmo, en formación e gozo. O seu seguimento activo da vida cultural en todas as cidades e lugares onde viviu, de Europa a América, de Berlín a Montevideo, acrecentaron esa ampla cosmovisión capaz de unir e relacionar a Van Gogh e Castelao, de apreciar o alleo valorando o propio na súa xusta medida, sen estridencias nin excesos de signo algún.

Política, cultura; o propio e o alleo, non funcionan en Tobío coma mundos separados por barreiras infranqueables. Quizais por iso sempre admirou, por exemplo, ese loable costume, moi ao uso nos países latinoamericanos, de enviar a poetas e escritores como embaixadores ou cónsules a terceiros países.

É perfectamente comprensible pois, que o amor e devoción que sente por Galicia non sexa obstáculo para impregnarse doutras culturas e realizar, de Rilke a Brecht pasando por Goethe e tantos outros, magníficas traduccións, moitas delas premiadas e amplamente recoñecidas, algunhas directamente ao galego, "porque a nosa lingua préstase para verter nela os máis delicados matices doutras máis traballadas como instrumento literario", escribiu nunha ocasión; ou mesmo abrigar a xenerosidade suficiente como para ser un devoto amante da arte e cultura bizantinas.

O compromiso galeguista e universalista de Tobío, de quen quixo e soubo exercer de galego por ese mundo adiante que voluntaria e involuntariamente debeu percorrer, é o dunha voz políglota e singular que precisamos reivindicar e divulgar para que o seu alento nobre e cosmopolita permaneza para sempre entre nós. Para sermos nós.