Dicía Bertolt Brecht que soamente a violencia axuda donde a violencia impera. En Kosovo, esgotadas ata o ridículo as posibilidades diplomáticas, non semella quedar máis opción que unha intervención armada para tratar de evitar a máis que segura intensificación da guerra durante a primavera. Os obxectivos principais da acción militar concretanse en forzar a Belgrado a asinar os acordos de París e conter a traxedia humanitaria en Kosovo.
Desta vez, salvo cambios de última hora pouco probables pero non descartables, o binomio presión-negociación non deu os resultados apetecidos.
¿Aproximanos a acción militar a unha rápida solución? O escepticismo é comprensible. A opción barallada pola OTAN está concibida como unha represalia limitada contra Milosevic, a quen se culpabiliza da crise (como no caso de Iraq, contra Sadam, se ben aquí con mil e un miramentos).
Pero como se demostrou no Golfo, uns bombardeos precisos poden destruír instalacións militares pero non líderes políticos. O escenario inmediato máis probable é o incremento do respaldo popular a Milosevic, o agravamento da guerra, e o ensañamento serbio coas principais víctimas, os refuxiados kosovares, o que demandará unha maior implicación exterior. Ninguén descartaría a priori o uso de forzas terrestres. Ademais, paradoxalmente, a intervención da OTAN pode propiciar un enrocamento das partes, ata o punto de ter que decantarse de facto pola alternativa independentista, a solución política contraria á imposta ós kosovares en Rambouillet e París.
Pero unha vez dado o primeiro paso será difícil dar marcha atrás e o risco de desbordamento sempre estará presente. Nesa hipótese, durante varios anos, a OTAN deberá continuar parapetando Bosnia, Kosovo, Albania e Macedonia para impedir a extensión da crise.
Non existen, pois, alternativas fáciles para ninguén e nesa certeza incuestionable basea Milosevic a súa resistencia.