“Nós, os povos das Nacións Unidas… Fantasía e realidade dunha orde internacional”

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Síntome emocionado por estar aquí, nesta Terra do Salnés, onde ecoan os versos do gran poeta Ramón Cabanillas (“vate das alboradas celtas e das rosas dos xardíns románticos”, segundo definición de Ramón Otero Pedrayo). O poeta que cantóu o viño espadeiro, o piñeiral de Tragove e o mar: “Mar do coral e a medusa … fonte de vida e das formas, primixenio e xenitor”.

É para mín un grande honor ter sido invitado a dictar esta conferencia “Plácido Ramón Castro”, segunda da serie que comezou hai un ano cunha magnífica lección de Fernando Pérez Barreiro encol do problema de Irlanda e as novas formas da vida internacional.

Por coincidencia, tanto Fernando coma eu mesmo temos experiencias compartidas – con diferencias temporais – con Plácido Castro, poisque ambolos dous traballamos coma él na British Broadcasting Corporation, a BBC, en Londres. A Sección Española da BBC que eu – e logo Fernando – coñecimos tiña mudado un tanto desde que Plácido Castro colaborara nela. Xa desapareceran, por exemplo, as emisións en galego, supostamente por razóns orzamentarias, mais, para meu ver, a supresión daquelas emisións obedecera principalmente a razóns políticas: no ano 1957, cando eu fun contratado pola BBC, tiña mudado a “tona” da política británica respecto do réxime franquista. Mudara, como digo, a “tona”, porque a substancia da política británica – e, polo tanto, o da Sección Española da BBC, “orientada”, como a de todos os servicios internacionais da emisora, polo Foreign Office, ou Ministerio de Relacións Exteriores – nunca tiña sido belixerantemente antifranquista.

Hai que sinalar, con todo, que, vistas as cousas dende a perspectiva dunha dictadura, a “neutralidade”, a “obxectividade” informativa, equival a belixerancia. E a BBC sempre procura a “obxectividade” nas suas informacións. Daí que a emisora británica – cando xa o mundo estaba nídiamente dividido en dous blocos antagónicos, nun dos cuais militaban a Gran Bretaña e España – fose ainda considerada polo réxime español unha fonte de información “antifranquista”, ou coma entón se dicía, “antiespañola”.

Mais, como digo, xa tiña mudado a “tona”, a capa superficial, das emisións da BBC para España. E unha das mudanzas fora a supresión das emisións en galego, que, mesmo sendo de pouca duración e de periodicidade semanal, tiveran importancia naquel ermo informativo que era a España dos anos 50.

Nesas emisións fixeran unha obra importante tanto Plácido Castro como outros inteleituais galegos (en particular, Francisco Fernández del Riego). Cando eu entrei na redacción da Sección Española ainda estaban recentes os ecos daquelas emisións, cuxa traxectoria me contou outro galego notábel, Alexandre Raimúndez, que era a voz que tiña presentado as emisións galegas.

A esa experiencia da BBC compartida con Plácido Castro hai que engadir outra ben importante: a de termos vivido os derradeiros anos da Gran Bretaña – digamos – “tradicional”, cando xa o imperio estaba se esmigallando e o tecido social do país comezaba a se colorear ca chegada de xentes das colonias, principalmente do Caribe e do subcontinente asiático. A Gran Bretaña que vivira Plácido Castro en Glasgow e logo en Londres ía desaparecendo e levando consigo moitas das “peculiaridades” (en parte, virtudes, mais tamén en boa parte, defeitos) da sociedade británica.

A Gran Bretaña ía ter que se artellar nunha estructura mundial que xa non estaría dominada por ideas “imperialistas” decimonónicas, senon pola potencia dos Estados Unidos de América, polo enfrentamento entre o bloco occidental e o soviético, e polo xurdimento de numerosas novas nacións esgalladas dos imperios coloniais.

Coma moi ben sinala Xulio Ríos na sua biografía de Plácido Castro, a admiración deste por Inglaterra baseábase en que aquel país tiña “gardado como poucas nacións o amor á tradición e ó pasado”, porque, decía él, “un pobo é tanto máis eficiente canto menos se deixa influenciar polo resto do mundo”. O mundo ía se ir infiltrando no país; a era da interdependencia, da homoxeneización e da globalización xa estaba acenando dende a brétema do futuro.

Xulio Ríos salienta no seu libro un dato siñificativo, que nos pode levar ao tema desta plática de hoxe. Dí o biógrafo que Plácido desconfiaba das conferencias internacionais e que a paz só sería posibel na medida en que os cidadáns de cada país sentiran firmemente esa necesidade. Os suxeitos da paz son os individuos, e non os Estados.

Velaí o fundamento teórico, os alicerces sobre os que ía se construir o edificio dunha organización internacional de novo tipo ao rematar a segunda guerra mundial. “Nós, os pobos das Nacións Unidas, resoltos a preservarmos ás xeracións futuras do azoute da guerra … a reafirmar a fe nos dereitos humáns fundamentais, na dignidade e o valor da persoa humana, na igualdade de dereitos de homes e mulleres e das nacións grandes e pequenas, … decidimos xuntar os nosos esforzos para realizar estos designios”.

Teóricamente, xa non eran os suxeitos da nova organización as “Altas Partes Contratantes” que crearan a Sociedade das Nacións ao rematar a terríbel guerra de 1914 a 1918,. Ían ser os pobos, os cidadáns de cada país asinante da Carta de San Francisco, o 25 de xuño de 1945, os que decidían crearen unha estructura que fose quén de instaurar a paz no mundo. Como maxinaba Plácido Castro, os suxeitos da paz ían ser os individuos, e non os Estados.

Chegamos así, da man de Plácido Ramón Castro, ao tema do noso parladoiro: a fantasía e a realidade dunha orde internacional.

A romántica declaración “Nós, os pobos das Nacións Unidas” era, de facto, unha declaración democrática químicamente pura que, de xeito ningún, se correspondía coa realidade da xuntanza de representantes de gobernos en San Francisco de California. Poucos eran os gobernos auténticamente democráticos representados. E mesmo entre os obxectivamente democráticos había varios que eran donos de grandes imperios coloniais, nada democráticos (pensemos na Gran Bretaña e Francia, coas suas colonias africanas e asiáticas; na Bélxica, chuchadora da riqueza do Congo; na Holanda, tan loubada agora pola sua tolerancia e o seu progresismo, que entón tiña ben aferrollada a Indonesia).

A xuntanza de San Francisco era o cumio dunha longa pelerinaxe histórica á percura da paz universal. Non nos imos mergullar no pasado para dar exemplos de proxectos utópicos. Abonda con facer mención do primeiro intento de establecer un sistema que garantira a paz no mundo: a Conferencia da Paz de 1899, da que saiu a “Corte Permanente de Arbitraxe de A Haia”. Segundo un dos seus principais creadores, Léon Bourgeois, como non era posíbel establecer por decreto “a paz universal”, o obxectivo da Conferencia (e doutra posterior, no 1907, na que fracasou o plan de crear una “Corte de xustiza arbitral”), era a organización da vida internacional sobor de bases xurídicas. “O desarme progresivo – dicía Léon Bourgeois, empregando a mesma expresión que ainda hoxe é o leit-motif da Conferencia de Desarme das Nacións Unidas – será consecuencia dun estado de paz cada día máis estábel; mais o único medio de acadar ese estado de estabilidade na paz é a afirmación do Dereito e a garantía de que ese Dereito é respectado polos Estados”.

O seguinte paso, ao rematar a alcuñada primeira guerra mundial, foi a “Sociedade das Nacións”. O seu Pacto fundacional, no artigo 16, consagraba o principio da seguridade colectiva dicindo: “Se un Membro da Sociedade recorrera á guerra… será considerado ipso facto coma si tivera cometido un acto de guerra contra todos os outros Membros da Sociedade”.

Nin a arbitraxe de 1899, nin o Pacto da Sociedade das Nacións servían para garantir a seguridade colectiva porque non contíñan disposicións craras para adoptar medidas contra os infractores, nin moito menos creaban un órgano executivo capaz de as impór.

Tendo sufrido duas guerras mundiais, as potencias vencedoras e os seus aliados decidiron crear unha nova organización internacional que non repetira os erros do pasado e fose capaz de manter un estado de seguridade colectiva. Dos órganos creados pola Carta, tres teñen facultades na esfera da seguridade colectiva: o Consello de Seguridade, a Asemblea Xeral e o Secretario Xeral (este último, principalmente mediante os seus "bos oficios" para restar gravedade en caso de controversias), mais a sua efectividade é moi limitada –por non dicir nula– e as solucións dos conflictos, cando teñen solución, cocíñanse entre os Estados interesados, principalmente entre os membros permanentes do Consello, a cando éste fala institucionalmente é porque xa está todo argallado.

Coma non se chegou a propoñer seriamente a creación dunha forza armada das Nacións Unidas (os casos das guerras de Corea ou do Golfo non demostran o contrario), naceu o concepto de diplomacia preventiva, utilizado xa no 1956 coa creación das Forzas de Emerxencia das Nacións Unidas (FENU) e, xa de xeito máis definitivo, no 1960, co gallo da Operación das Nacións Unidas no Congo (ONUC). Foi Dag Hammarskjöld quen inventou ese nome, nun intento de dar resposta por parte da Orgnización ao problema de saber qué función podería substituir no campo da política e da seguridade ao inalcanzábel ideal da seguridade colectiva. Cada goberno trata de utilizar as Nacións Unidas para acadar o que lle interesa e os beneficios son directamente proprocionais á forza do Estado interesado: a URSS, cando existía, para propaganda; os Estados Unidos para loitar contra a URSS e "o comunismo internacional" ou os "Estados terroristas", e tamén para conter aos países do terceiro mundo nas suas pretensións de protagonismo; os movementos de liberación (normalmente, por boca de Estados que os apadriñan) para seren recoñecidos, e os gobernos dos países que acadan a independencia para se lexitimaren, en particular se non son democráticos.

Outros dous conceptos xurdiron ulteriormente: o de mantemento da paz e o de establecemento da paz, que son os máis utilizados para definir as operacións das Nacións Unidas na actualidade.

As actividades relativas ao mantemento ou establecemento da paz foron aumentando en importancia. Ao rematar 1999, habia 45.000 persoas participantes nesas operacións. Operacións que, coma no caso de Timor Oriental e de Kosovo, son de enorme complexidade, xa que representan reconstruir, a partir de cero, sociedades totalmente destruidas. Os gastos estimados das operacións de mantemento da paz no ano 2000 andan perto dos 40.000 millóns de dólares (financiados con cargo a recursos extraordinarios); con todo, esa importante cifra non chega a representar nin o 0,5 por cento dos .000 millóns de dólares que, aproximadamente, destinan os Estados Membros da Organización aos gastos de defensa nacional.

Unha das posibilidades de intervención (que é un concepto necesariamente resultante da diplomacia preventiva e das operacións en materia de paz) das Nacións Unidas nunha situación de conflicto é a imposición de sancións. Nos seus primeiros 45 anos de vida, as Nacións Unidas soamente aplicaron sancións en dous casos: Rhodesia e Sudáfrica. A partir de 1990 multiplicáronse as sancións: Iraq, Iugoslavia, Haití, Libia, Sudán, Afganistán, Camboia (na parte dos khmer roxos), Angola (contra UNITA) e Sierra Leona son outros tantos exemplos. Tamén embargos de armas, coma nos casos de Somalia, Liberia e Rwanda. Poderíase pensar que o crecente uso das sancións é proba de que o Consello de Seguridade tén máis forza para dar resposta a problemas de seguridade internacional, mais o certo é que moitas veces as sancións son un sustituto de medidas máis radicais e de solucións duradeiras.

Para os membros do Consello de Seguridade as sancións poden constituir un xeito relativamente barato de dar a impresión de que toman medidas eficaces; mais as medidas do Consello poden ao mesmo tempo ser moi perxudiciais para Estados inocentes que resultan afectados polas sancións contra outro Estado. Alén diso, as sancións poden ser tamén a alternativa, ou mesmo o preludio, da guerra.

O Secretario Xeral Kofi Annan recoñecía, na sua Memoria annual do 2000, que as sancións teñen dado resultados desiguais coma estímulo para o cumplimento das resolucións do Consello de Seguridade e, non derradeiros anos, dúdase cada vez máis da sua eficacia. No caso das sancións económicas xerais, preocupan os seus efectos negativos para o povo do país afectado e para os Estados veciños cuias relaciós comerciais resultan perxudicadas polas sancións sin que perciban compensación de ningún tipo polos danos padecidos. "Paradóxicamente –decía o Secretario Xeral–, as élites políticas que compoñen os rexímenes téñense de cote beneficiado económicamente dos mercados negros xurdidos para eludir as sancións que pretendían exerceren presión sobre desas élites".

Un elemento fundamental da seguridade colectiva é o desarme. Entendido en sentido estricto, o desarme é unha utopía inalcanzábel, de xeito que o que se chama desarme é, no mellor dos casos, a limitación ou a reducción dos armamentos. As Nacións Unidas, dende a sua fundación, teñen coma un dos seus obxetivos principais o de limitar os armamentos no mundo. No 1954 entrou no programa da Asemblea Xeral por vez primeira o tema do "desarme xeral e completo", mais xa mediado a década de 1960 chegouse á conclusión de que ese obxectivo non se podía acadar e que había que se contentar con obxectivos parciais máis limitados.

Ao final da década dos 70 estableceuse unha nova estratexia de desarme. Por iniciativa dos países non-aliñados, a Asemblea Xeral celebrou o primeiro dos seus períodos extraordinarios de sesións dedicados ao desarme. O Documento Final saído da reunión, e que fora aprobado por unanimidade, establecía obxectivos, principios e prioridades para a limitación de armamentos, e un programa de acción cuia meta era o desarme xeral e completo. Coma é evidente, nin aquel Programa de Acción, nin os documentos saídos de novos períodos extraordinarios de sesións da Asemblea Xeral deron resultados positivos.

Alén dos mecanismos creados pola Carta para tratar o tema do desarme (a Primeira Comisión da Asemblea e a Comisión de Desarme), hai un foro, a Conferencia de Desarme, que está encargada de examinar as cuestións relacionadas coas armas nucleares e outras armas de destrucción en masa e, máis recentemente, co problema das armas convencionais. Un froito da Conferencia é a Convención sobre das Armas Químicas.

Na esfera do armamento nuclear, a ainda que no ano 2000 teñen aumentado as ratificacións do Tratado sobre a prohibición total das armas nucleares, hai moitos problemas que dificultan a sua aplicación, en especial a posición do Senado dos Estados Unidos, contraria á ratificación. E agora, coa nova administracion republicana instalada na Casa Branca, esa posición contraria vaise reforzar, como se van reforzar outras moitas actitudes chamémoslles ultraconservadoras, por lles dar algún calificativo.

No eido das chamadas armas convencionais, que son as que máis mortes causan, no ano 2001 vaise celebrar a Conferencia sobre o tráfico ilícito de armas pequenas e lixeiras. Coma sinalou o Secretario Xeral, o número de mortes causadas polas armas pequenas "na maioría dos anos supera o número de víctimas das bombas atómicas que devastaron Hiroshima e Nagasaki". Unha grande parte dos excedentes de armas pequenas ao rematar a "guerra fría" foron parar nas zonas de conflicto máis perigosas do mundo e, canto máis aumentaba o número de armas en circulación –calcúlase en 500 millóns–, máis baixaba o seu prezo. Por exemplo, hai catro ou cinco anos, podíase comprar un subfusil en África polo prezo dunha galiña ou dunha bolsa de millo. E nos mercados nas pequenas vilas do norte do Pakistán temos visto personalmente armas de todo tipo penduradas coma se fosen ristras de chourizos.

Temos, xa que logo, unha primeira esfera – a da seguridade colectiva, que debía ser o fundamento máis firme da nova organización internacional – na que nidiamente as Nacións Unidas colleitaron principalmente fracasos.

Por qué coidamos que fracasan as Nacións Unidas nesa e noutras esferas? A razón fundamental está en considerar que as Nacións Unidas son una entidade independente, con capacidade de protagonismo na escena mundial. Que a Organización ten unha independencia real fronte ós auténticos protagonistas, que son os gobernos dos Estados Membros. Outra das razóns é a de tomar literalmente a expresión “sistema das Nacións Unidas”, no senso de pensarmos na existencia dunha constelación de organizacións e outras entidades unidas nun obxectivo común. Esa é (digamos) a fantasía. A realidade é o que tentaremos de analizar aquí.

É posíbel un "goberno mundial? A pregunta, hoxe, case non tén sentido, vista a historia do medio século transcurrido dende a creación das Nacións Unidas. Mais, daquela, quer decir, no momento da victoria dos Aliados frente ao Eixo, era unha pregunta que andaba no ár, mesmo sabendo, coma todos os dirixentes da época sabían, que non era nin realista nin viábel.

Había un ideal inmediato, a creación dunha organización internacional de natureza democrática. Unha vez establecida esa organización, o seu desenvolvemento, en teoría, debería levar á constitución dun goberno mundial, de carácter igualmente democrático, no que, directa ou indirectamente, terían participación todos os países, incluidos os que naquel momento eran colonias ou povos subdesenvolvidos.

Fundamentalmente, porque os Estados Unidos eran a forza motriz de loita contra das Potencias do Eixo, todalas ideas relativas a cómo debería artellarse o mundo unha vez chegada a paz eran ideas vistas a través do prisma da perspectiva norteamericana. E os Estados Unidos apricaron –coma en moitas ocasións posteriores– a idea que eles tiñan de cómo artellar o mundo. Anos antes da guerra mundial, no 1935, Harold D. Lasswell, que é un dos autores máis craros do pensamento político norteamericán, decía nunha obra titulada “Política mundial e inseguridade persoal”, que cando os seus compatriotas pensaban na unificación do mundo tendían a seguir o precedente da sua propia historia. Mais coma os Estados Unidos acadaran a sua unidade ao se afastaren da Potencia colonial –dun obstáculo e dunha ameaza externos comúns, decía Lasswell– o precedente norteamericán non é de moito valor para a unificación do mundo, porque non se pode unificar a Terra mediante unha secesión respecto dunha unidade maior.

Lasswell citaba a André Maurois quen, decía, tiña maxinado a salvación do mundo uníndose fronte dunha ameaza procedente da Lúa; quer decir, que soamente se unificarían todasa s forzas do mundo si houbera unha ameaza extraterrestre. E comentaba que era un suposto optimista de máis aquel de pensar que a Terra poderíase unir contra da Lúa, onde normalmente habería duas tendencias, unha partidaria de invadir a Terra e outra contraria a ese proxecto, "pois que o bloque minoritario na Lúa probabelmente se combinaría co bloque maioritario na Terra, e o bloque minoritario na Terra uniríase co bloque maioritario na Lua para crear una equilibrio interplanetario de poder, coma de costume".

Básicamente, por organización internacional enténdese un proceso polo que os Estados establecen e desenvolven unhas estructuras institucionais, permanentes e formais, para a realización de certos aspectos das suas relacións recíprocas. Representa un esforzo por parte dos estadistas para adaptaren a mecánica do sistema ás esixencias deseñadas pola crecente complexidade da interdependencia entre os Estados.

Cómo artellar unha organización internacional? Os constructores das Nacións Unidas podían ter escollido un modelo de organización totalizadora que, nos seus órganos imitara, en dimensión mundial, os órganos dun Estado nacional. Dese xeito, podería haber una Asemblea Xeral que sería un parlamento, e os diferentes consellos, superministerios que entenderan de todolos aspectos da vida social, económica e política, controlados pola Asemblea e por unha Corte Internacional de Xustiza. Mais non foi ese o camiño. Nin tampouco o que preferían algúns aliados dos Estados Unidos, en particular, a Gran Bretaña, que era partidaria de artellar o mundo da posguerra en torno a consellos rexionais, que serían en principio tres: ún para Europa, outro para Asia e o terceiro para América. Quer decir, partillar o mundo en zonas de influencia das potencias vencedoras, coindando de manter o “statu quo” creado pola victoria dos Aliados, de xeito que non houbera perigo para a supervivencia dos imperios coloniais.

Mais o mundo estaba xa mudando de aspecto e os Estados Unidos de América tiñan concencia do seu poder e querían modelar o mundo segundo as suas ideas. Unha desas ideas era o funcionalismo. As teorías funcionalistas xa viñan conformando os proxectos anteriores ás Nacións Unidas, en particular a Sociedade das Nacións, que se inspirara na existencia de organizacións internacionais especializadas que databan do século XIX, como a Unión Postal Universal. Con todo, a formulación máis crara das ideas funcionalistas foi a que, no medio da guerra mundial, fixera un autor, David Mitrany, na sua obra “Un sistema viabél de paz”.

Opinan os funcionalistas que o sistema de Estados nacionais fomenta as tensións e os conflictos internacionaes polo feito de ser institucionalmente inadecuado. Non pode enfrontar os problemas fundamentais de ámbito mundial porque, de xeito arbitrario, divide as sociedades en unidades nacionais baseadas no territorio, sin ter en conta os problemas a resolver. Unhas instituciós internacionais baseadas na función, e non no territorio, serían máis adecuadas para solucionar os problemas. O establecimento de institucións desa natureza é posibel – dicían os funcionalistas – porque cabe separar en dous grupos as actividades sociais: as políticas e as non políticas (quer dicir, técnicas).

David Mitrany dicía que o crecemento pacífico da sociedade internacional debíase acadar asociando aos Estados por "problemas" no seio de axencias funcionais que irían tecendo vencellos de cooperación política. Facendo traballar conxuntamente a especialistas nos eidos da educación, da saúde, da agricultura, das telecomunicacións, etc., crearíase un clima de entendemento a nivel mundial por enriba das fronteiras. O obxectivo último do funcionalismo sería un goberno internacional formado pola suma de todos eses organísmos, que extendería o seu radio de acción a todas as actividades internacionais.

A mestura das ideas recibidas respeito da soberanía nacional e da posibilidade dunha seguridade colectiva, e tamén a esperanza de conservar posicións hexemónicas nas zonas de influencia e nos imperios coloniais (ideas que de contado englobáronse nun pretendido concepto de "mantemento da paz") levou a crear unha nova Sociedade das Nacións con moi poucos cambios. E as ideas funcionalistas de establecemento progresivo da paz polo camiño da colaboración internacional de técnicos e expertos xustificaron a creación de entidades independentes, principalmente no campo económico e financeiro, e dese xeito quedaron disociadas economía e política.

O trunfo das ideas funcionalistas fomentadas polos Estados Unidos deu nacemento a unha serie de organizacións especializadas, que sería longo enumerar na sua totalidade. Abonda con mencionar a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), a Organización Mundial da Saúde (OMS) o Organismo Internacional da Enerxía Atomica (OIEA), e outras adicadas ao desenvolvimento industrial (ONUDI), á meteoroloxía (OMM), a propiedade intelectual (OMPI), ou a problemas do transporte marítimo (OMI) e aéreo (OACI) Ao mesmo tempo, das propias Nacións Unidas saíron programas, fondos e conferencias que foron adquirindo personalidade diferenciada, coma o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), que é a entidade de maior suceso e unha verdadeira potencia económica; o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvimento (PNUD), o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), o Programa Mundial de Alimentación (PMA), o Fondo Internacional de Desenvolvimento Agrícola (FIDA) e a Conferencia das Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvimento (UNCTAD).

As entidades consideradas "organismos especializados", coma o OIEA a UNESCO, a FAO ou a OMS, teñen virtualmente independencia total, xa que soamente deben presentar un informe anual ao Consello Económico e Social das Nacións Unidas. Cada unha está establecida autónomamente, conta con recursos propios e tén unha Secretaría que administra as suas actividades. Os Programas, coma o PNUD ou o PNUMA, mesmo dependendo directamente das Nacións Unidas e sendo responsábeis ante a Asemblea Xeral, pouco a pouco van tomando carácter case autónomo. As Conferencias –o caso máis craro é o da UNCTAD–, que orixinalmente son eventos momentáneos, moitas veces perpetúanse e teñen vida propia. Pola sua parte, case todos os Fondos, adicados á administración de actividades de desenvolvimento (poboación, infancia, agricultura, alimentación, mulleres, etc.), tamén contan con Consellos de Administración independentes.

Esa complexidade estructural é orixe de moitos e graves problemas. En primeiro lugar, a existencia dun centro de poder en cada organización da pé a celos e falta de entendemento entre elas. Ninguén quer ceder parte das suas facultades, nin sequera para racionalizar actividades comúns. Cada organización, ao se desenvolver autónomamente, foi creando unha "cultura" administrativa propia, que se manifesta mesmo en cousas ridículas. Por exemplo –malia existir un comité de coordinación inter organismos para ese fin– non se ten chegado a normalizar a terminoloxía, nin tampouco se racionalizaron as labouras de incorporación das novas tecnoloxías, de xeito que moitas veces non son compatíbeis os sistemas e programas informáticos das diferentes organizacións.

Sendo, coma é, grave ese problema da incomunicación entres as organizacións, hai outro moito máis importante: o da duplicación e imbricación de actividades e programas co resultado de despilfarro de recursos. Entre os casos máis evidentes, podemos citar o do Consello Económico e Social e a UNCTAD. Segundo a Carta, o Consello está encargado de iniciar estudos e informes sobre cuestións internacionais nos campos económico e social, a cultura, a educación, a saúde pública e outras esferas conexas e de "coordinar a acción dos organismos especializados". A UNCTAD, creada no 1964 a instancias dos países en vías de desenvolvemento que querían dispor dun órgano que os representara mellor do que o Consello, duplica prácticamente o mandato do Consello.

Outros casos notábeis de coincidencia de mandatos son os da FAO co Programa Mundial de Alimentación e co Fondo Internacional de Desenvolvimento Agrícola (todos eles con sé en Roma) e o do PNUMA cos órgaos saídos da Conferencia de Río de Janeiro, celebrada no 1992, e máis concretamente coa Comisión do Desenvolvemento Sostíbel, que duplica, e moitas veces relega a segundo plano, as actividades do PNUMA.

Con todo, a consecuencia máis grave que tivo a creación das Nacións Unidas coma organización baseada nas teorías do funcionalismo foi a separación radical e definitiva entre os aspectos políticos e os económicos, coa creación do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial, as chamadas institucións de Bretton Woods, nome tomado dunha localidade do estado de New Hampshire (Estados Unidos) onde se celebrou unha conferencia no 1944 da que saiu o Banco Internacional de Reconstrucción e Fomento (BIRF). Ese foi o núcleo que deu lugar ao Banco Mundial, conxunto no que participan o BIRF, a Corporación Financeira Internacional (CFI), creada no 1956, a Asociación Internacional de Fomento (AIF), no 1960, e o Organismo Multilateral de Garantía das Inversións (OMGI), creado no 1988. Da mesma Conferencia naceu o Fondo Monetario Internacional, que data do 1945. Tiña tamén que nacer unha organización internacional de comercio, que non chegou a froitificar, e quedou en proxecto, no seio do Acordo Xeral de Aranceis e Comercio (GATT) ata que, no 1994, foi creada a Organización Mundial do Comercio (OMC). O feito de que as actividades de carácter económico e financeiro quedaran afastadas das Nacións Unidas (por moito que teóricamente existan vencellos de tipo institucional entre as entidades de Bretton Woods e maila ONU) malogrou a posibilidade de crear unha organización mundial que respondera ás necesidades que ía ter o mundo na segunda metade do século XX. As Nacións Unidas na sua sé de Nova York ficaron coma foro deliberativo, en tanto que as institucións económico-financeiras, donas de auténtico poder, seguían o seu particular camiño guiadas polos países máis fortes.

Non todo é negativo no panorama das organizacións internacionais. Os chamados organismos especializados, coma a OMS ou a FAO, realizan moitas actividades importantes e positivas. Pola sua parte, as Nacións Unidas propiamente ditas, quer decir, a Organizacíón emprazada en Nova York, cos seus órganos, programas, conferencias e comisións (coma as cinco Comisións Rexionais en Europa, América, África, Asia e Pacífico e Próximo Oriente), desempeñan moitas funcións e actividades de enorme trascendencia para o mundo enteiro, por máis que tamén esas funcións e actividades sexan albo de críticas e censuras por falta de eficacia e de racionalización.

En primeiro lugar, as Nacións Unidas cumplen un cometido de foro deliberativo moi importante. En realidade, o único foro de debate político de amplitude mundial, que tén trascendencia especialmente nas relacións Norte-Sur. É curioso constatar que, nos longos anos da guerra fría, non se chegaran a debater as diferencias políticas dos sistemas "occidental" e "comunista", de non ter sido no dominio concreto dos dereitos humanos, e mesmo nese dominio os campos non sempre estiveron definidos pola divisoria Leste-Oeste. Convén mencionar tamén que, moitas veces, occidentais e "bloque soviético" estiveron de acordo en non lle dar ás Nacións Unidas auténticos poderes, e tamén en recortar os recursos de que dispón a Organización.

Neste punto, ao falarmos dos recursos da Organización, poderíamos facer referencia á Secretaría Xeral. A Secretaría é a encargada de realizar as labores cotiáns da Organización, que van dende operacións de mantemento da paz á mediación en controversias internacionais. Está integrada por más de 14.000 funcionarios, dirixidos polo Secretario Xeral. Por seren funcionarios internacionais son só responsabeis ante as Nacións Unidas e, ao ocuparen os seus postos, xuran non solicitar nin recibir instruccións de ningún goberno nin de ningunha autoridade allea á Organización.

Esa é a teoría. A práctica non é tan clara. Por unha banda, a Unión Soviética e os seus aliados, e tamén China, nunca recoñeceron que o estatuto internacional dos funcionarios das Nacións Unidas se aplicara aos seus nacionais, de xeito que os empregados soviéticos e chineses das Nacións Unidas eran (e singuen sendo, en moitos casos, mesmo desaparecida xa a URSS) funcionarios públicos nos seus países de orixe, enviados en "“comisión de servicio"”á Secretaría da ONU. Non percibían directamente o salario que lles correspondía, senón unha cantidade que a Misión Permanente dos seus países ante as Nacións Unidas lles pasaba cada mes. E vivían en auténticos “ghettos”. Por outra banda, os funcionarios nacionais dos Estados Unidos tampouco teñen unha situación auténticamente independente do seu Goberno. Un dato máis, aplicábel en xeral a todos os países, é o de que non chegou a ter validez internacional o “laissez-passer”, ou pasaporte, que as Nacións Unidas expiden a cada funcionario.

É caro manter esa Secretaría e cumplir as funcións das Nacións Unidas? Deixando aparte os gastos de operacións de mantemento da paz, que se financian con recursos extraordinarios, cabe sinalar, coma decía hai poco tempo o Secretario Xeral Kofi Annan, que “o orzamento anual para as nosas funcións básicas – as actividades da Secretaría en Nova York, Xenebra, Nairobi, Viena e cinco comisións rexionais – é apenas de 1.250 millóns de dólares. Iso representa, máis ou menos, o 4% do orzamento annual da cidade de Nova York e está casi 1.000 millóns de dólares por debaixo dos gastos anuais do Departamento de Bombeiros de Tokio”.

Mais, voltando á nosa liña argumental relativa ás funcións das Nacións Unidas no mundo, compre facer mención do problema dos países menos desenvolvidos. A divisoria Norte-Sur tén sido importante dende os primeiros tempos da Organización, a comezar polos problemas do colonialismo e, máis adiante, polas esixencias do desenvolvemento económico e social dos países do chamado "terceiro mundo". Xunto co desenvolvemento e os dereitos humanos, as outras cuestións que se manteñen permanentemente no programa da Asemblea Xeral son o xa mencionado tema do desarme, o dereito internacional, os problemas demográficos e o medio ambiente.

O colonialismo perdeu moito protagonismo porque quedan moi poucos territorios coloniais. A importancia das Nacións Unidas nese campo foi trascendental, principalmente dende que no 1960 a Asemblea Xeral aprobara a Declaración sobre a concesión da independencia aos países e pobos coloniais. Nos 40 anos transcorridos uns 60 territorios coloniais, habitados por máis de 80 millóns de persoas, acadaron a independencia e ingresaron coma Membros nas Nacións Unidas. Malia o progreso na loita contra do colonialismo, hoxe a dominación colonial maniféstase doutros xeitos, fundamentalmente no campo económico.

A maior parte da labor das Nacións Unidas –deixando aparte as operacións de mantemento da paz– está orientada a cumplir o mandato enunciado na Carta de "promover niveis de vida máis elevados, traballo permanente para todos e condicións de progreso e desenvolvemento económico e social". A partir de 1960, a Asemblea Xeral proclamou sucesivamente catro Decenios para o Desenvolvemento e no 1974 aprobou a Declaración e Programa de Acción sobre o establecemento dunha Nova Orde Económica Internacional, expresado na Carta de Dereitos e Deberes Económicos dos Estados. As actividades nese dominio do desenvolvemento foron orixe da UNCTAD e de numerosas conferencias internacionais centradas en problemas específicos, coma a infancia, o medio ambiente e o desenvolvimento, a poboación e o desenvolvemento, o desenvolvemento social, o progreso da muller e os asentamentos humáns. Pódese incluir neste mesmo apartado a fiscalización das sustancias psicotrópicas, que é unha parte importante das actividades da Organización, ou a loita contra o sida.

O problema fundamental é saber qué se entende por desenvolvemento e cómo levalo adiante. O diálogo Norte-Sur é moitas veces diálogo de xordos porque cada grupo trata de levar a auga ao seu muiño, argumentando de acordo co seu modelo de desenvolvemento, modelo que, a cotío, non responde á realidade do mundo. O diálogo Norte-Sur –sexa para tratar o problema das empresas transnacionais, sexa para aproveitar novas fontes de enerxía non tradicionais, ou para tratar da desertización ou do abastecemento de auga– non se pode comparar co que podería ter lugar nun parlamento nacional onde os representantes do pobo dun país defenden intereses inmediatos dos seus representados. Na Asemblea Xeral e nas outras instancias das Nacións Unidas os participantes son diplomáticos que defenden intereses dos seus respectivos gobernos. O diálogo tén poucas posibilidades de acadar grandes resultados. Sucédense as declaracións e os programas, mais os problemas non se resolven por completo. Por exemplo, no caso da proporción do PNB que os países ricos dedicarían á axuda do terceiro mundo, falouse nun principio do ún por cento, logo rebaixado ao 0,7 por cento; mais, en realidade, nunca tén chegado a superar, coma promedio, o 0,35 por cento.

Un aspecto relacionado co desenvolvemento é o da asistencia humanitaria e o da intervención en casos de catástrofes, sexan naturais ou provocadas pola acción humana. Entre os órganos encargados desas cuestións, os que teñen maior importancia inmediata son o Alto Comisionado para os Refuxiados, o UNICEF, o Programa Mundial de Alimentos, o Organismo de Obras Públicas e Socorro para os Refuxiados de Palestina e a Oficina para a Rexión Sudanosaheliana. Dentro do limitado dos seus recursos, eses órganos cumplen unha función moi notábel, mais a sua acción soamente pode atender a unha pequena parte das situacións de emerxencia en casos de desprazamento de persoas, de fame xeralizada ou de explotación laboral da infancia. O feito de que os países ricos canalicen por conducto das Nacións Unidas unha parte importante da axuda humanitaria, alén de servir para tranquilizar as conciencias, ten servido para a formulación do "dereito á inxerencia por razós humanitarias", inclusive con medios militares, para prestar axuda en casos urxentes. Mesmo así, o panorama do mundo non da motivos para nos felicitar polos resultados da acción humanitaria: millóns de nenos siguen sendo explotados nas usinas de Asia ou abandonados nas ruas da América Latina sen esperanza de recibiren axuda, a seca no Sahel ou na Etiopia, combinada con absurdas loitas fronteirizas ou con gobernos dictatoriais, segue matando xente a moreas, e seguen medrando os asentamentos precarios na veciñanza das grandes cidades.

Unha das primeiras realizacións importantes das Nacións Unidas foi a Declaración Universal de Dereitos Humanos, aprobada pola Asemblea o 10 de decembro de 1949, coma "ideal común polo que deben esforzarse todolos povos e nacións". Máis adiante, e a partir da Declaración, encetouse a elaboración de dous pactos internacionais co fin de dar forma xurídica aos dereitos proclamados na Declaración. Así naceron o 16 de decembro do 1966 o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, completado este derradeiro por un Protocolo Facultativo. No 1989 aprobouse un Segundo Protocolo Facultativo. Todos eses instrumentos constituen o que se denomina Carta Internacional de Dereitos Humanos.

Os órganos encargados dos dereitos humanos son, por unha parte, a Comisión de Dereitos Humanos, principal foro de debate, que pola sua parte estableceu mecanismos para investigar problemas de dereitos humanos en determinados países e territorios, así coma temas específicos. Conta endemáis coa colaboración da Subcomisión de Prevención de Discriminacións e Protección ás Minorías, integrada por 26 expertos de todas as rexións do mundo e que investiga casos de discriminación por motivos étnicos, relixiosos ou lingüísticos. Por outra parte, un Comité de Dereitos Humanos, nacido dos Pactos Internacionais, de caracter independente e integrado por xuristas especializados, é o único órgano que pode tramitar denuncias de persoas particulares contra Estados.

Mesmo se o panorama internacional en materia de dereitos humanos é desolador, as Nacións Unidas teñen acadado importantes resultados nese dominio. Por unha parte, tén lexitimado a loita dos militantes de dereitos humanos en todo o mundo por mediación das ONGs especializadas neses temas; por outra parte, os mecanismos de que dispón exercen unha auténtica presión sobre os gobernos sometidos a investigación. E –cousa de gran mérito– tén contribuido a que se teña conciencia da importancia dos dereitos humanos.

Con todo, hai reaccións contrarias á idea da universalidade dos dereitos humanos proclamados na Carta, reaccións que procuran escudarse no argumento de que se trata de dereitos humanos entendidos dende unha perspectiva occidental que non tén en conta "diferencias culturais". Diferencias sospeitosas, cando se trata, por exemplo, da ablación do clítoris practicada en moitos países africanos.

Unha das funcións da Asemblea Xeral é a de "impulsar o desenvolvemento progresivo do dereito internacional e a sua codificación". No curso do medio século transcorrido dende a sua fundación as Nacións Unidas conseguiron a concertación de máis de 450 tratados multilaterais que abarcan prácticamente todas as esferas das relacións entre Estados e das actividades humanas.

A lista de convenios e convencións é moi impresionante, mais, en opinión dos críticos, a natureza do dereito elaborado é máis de codificación que de anovación. Cando se tratan problemas de nova índole –coma o dereito do mar, o dereito do espacio ultraterrestre, as armas nucleares ou a ecoloxía– os métodos utilizados para establecer novas normas son os mesmos que se viñeron aplicando noutros dominios dende o século XIX con absoluto respecto da soberanía dos Estados. E se aparecen novas ideas, coma foi o caso do dereito do mar, as grandes potencias conseguen transformalas en favor dos seus propios intereses. Fronte á idea de definir un "patrimonio común da humanidade", que permitiría ser aproveitado en igualdade de condicións polos países ricos e polos pobres, a resistencia oposta polas grandes potencias, e principalmente polos Estados Unidos, deixou valeira de contido a Autoridade dos Fondos Marinos, creada pola Convención do Dereito do Mar. E outro tanto poderíase decir das iniciativas encamiñadas ao establecemento dunha Corte Internacional de Xustiza Penal, cuia ratificación está en curso, mais que non tén o respaldo de boa parte dos Estados, coma China e os Estados Unidos.

A recente decisión do Presidente Clinton de aprobar a adhesión dos Estados Unidos ao Tratado desa Corte Internacional non pasa de ser un xesto valeiro de contido. Primeiro, porque o Senado – e máis concretamente o poderoso Senador Jesse Helms, enemigo decrarado de todo canto teña que ver coas Nacións Unidas, e Presidente da Comisión de Relacións Exteriores – nunca vai permitir a ratificación do Tratado. E, segundo e agora dato fundamental, porque o Presidente Bush non lle vai dar curso á iniciativa de Clinton.

Pódense reformar as Nacións Unidas para que poidan cumplir o mandato consagrado na Carta? Reformas, ou proxectos de reforma, teñen aparecido pouco menos que anualmente, nos períodos de sesións da Asemblea, do Consello Económico e Social e do Consello de Seguridade. Mais, polo xeral, limítanse a recomendar pequenas reformas do organigrama da organización. Certo é que sería posíbel (cousa que nunca se ten feito en profundidade) mellorar a ONU aplicando métodos de programación máis refinados ou recrutando e formando funcionarios máis competentes. Mais non abonda con eso. O problema é de natureza política.

Convén sinalar que, dende o momento en que a maioría na Asemblea Xeral pasou de estar nas mans dos países desenvolvidos aos países do terceiro mundo, teñen sido os occidentais, e principalmente os EstadosUnidos, os propulsores dese tipo de reformas superficiais. Cada vez –e tén habido moitas– que na Asemblea Xeral se aprobaba algunha resolución que non conviña á política das grandes potencias, incluidas a Unión Soviética no seu tempo e China, coma podía ser o caso das resolucións condenatorias de Israel ou as relativas a unh nova orde económica internacional, apadroadas polos países do Terceiro Mundo, aparecía o problema da ineficacia da Organización debida á sua deficiente xestión interna. Por exemplo, a entón Representante Permanente dos EE.UU., Madeleine Albright, dicía que o fracaso das operacións de mantemento da paz en Somalia ou Angola debíase á falta de profesionalismo das Nacións Unidas nese campo, e que si se reformaba a metodoloxía aplicada sería posíbel acadar resultados positivos. E as reformas pasaban, e pasan, sempre por unha reducción dos recursos financeiros da Organización (por non falar da retención das contribucións ao orzamento, que practican os Estados Unidos coma represalia).

Nos anos 60 e 70, no momento de maior forza do Movimento dos Países Non-Aliñados e do chamado Grupo dos 77, cando maior prestixio tiveron os modelos de desenvolvemento económico, foi cando se propuxeron reformas radicais da estructura das Nacións Unidas. Por exemplo, aumento do número de membros dos diferentes consellos e comités para dar entrada aos países en desenvolvimento. Mais as reformas non fixeron maior camiño: a Carta aparece coma un texto intocábel e ninguén é quén de prantexar seriamente o problema do dereito de veto no Consello de Seguridade.

Porque, de feito, non hai posibilidade de reformar o Consello de Seguridade sen aturar a cuestión do veto. Por moito que se fale de ampliar o número de membros permanentes e dar entrada nese grupo a países coma Alemania e o Xapón, tamén sería necesario incluir entre os permanentes a algún representante de África, de Asia e da América Latina. Aquí comeza a disensión. Tense proposto ao Brasil, mais por qué razón non habería de ser México, ou Arxentina, o representante latinoamericano? Ou por qué escoller a India, e non Indonesia, ou Nixeria, e non Sudáfrica coma representantes dos seus continentes? Mais ainda no caso de que se chegara a un consenso nesa cuestión, o Consello seguiría desprovisto de poderes reais para intervir en situacións de conflicto.

Ata hoxe, as propostas e consideracións sobre a reforma das Nacións Unidas non teñen influido nos gobernos dos países que poderían levar adiante as reformas. En realidade, nos se lle recoñece unha gran prioridade real á reforma e tampouco faltan voces contrarias á existencia da Organización. A actitude dos Estados Unidos, malia controlaren de feito a ONU e de mantela "secuestrada" mediante a retención das suas contribucións, en nada contribúe a repensar o sistema, aparte de pedir máis eficacia e menos gastos. Para seren os "policías" da vida internacional, os EE.UU. non teñen necesidade real das Nacións Unidas.

O presente Secretario Xeral ten artellado unha serie de propostas para a reforma en profundidade da Organización. Un elemento interesante das suas ideas é o das "redes mundiais de promoción de políticas", que xa comezan a aparecer e que están constituidas por unha combinación de institucións internacionais, organizacións da sociedade civil e do sector privado e gobernos nacionais, con obxectivos comúns. Consideraba o Sr. Kofi Annan que esas redes, ou coalicións flexibeis e orixinais, dan novo siñificado á expresión "nós, os povos".

Este noso parladoiro arredor da fantasía e a realidade dunha orde internacional coincide con dous acontecementos de moita trascendencia nese mesmo dominio: dunha banda, a xuntanza do “Foro Económico Mundial” na vila suiza de Davos; doutra, a do “Foro Social Mundial” na brasileira Porto alegre. En Davos concéntranse anualmente, dende hai varias décadas os dirixentes políticos e os grandes financeiros, “os novos donos do mundo” (como lles chama Ignacio Ramonet no derradeiro número de “Le Monde diplomatique”). En Porto Alegre, por vez primeira, xúntanse políticos, economistas e intelectuais que non están conformes coa versión ultraliberal da globalización e queren chantar as bases doutro concepto da globalización ou mundialización, que, sen negar a importancia do capital e do mercado, teña realmente en conta aos pobos. En Porto Alegre – dí Ramonet – “algúns novos soñadores do absoluto van facer lembrar que non só a economía é mundial; que tamén son mundiais a protección do medio ambiente, a crise das desigualdades sociais e a preocupación polos dereitos humanos. E que chegou o momento de que sexan os cidadáns do planeta os que se fagan cargo desas tarefas.

As “redes” sociais de que fala o Secretario Xeral da ONU e as propostas para o protagonismo dos cidadáns nunha globalización de novo estilo do Foro Social Mundial de Porto Alegre veñen coincidir con aquel pensamento de Plácido Ramón Castro de que a paz só será posíbel na medida en que os cidadán sintan necesidade dela. Quer dicir, na medida en que os cidadáns sexan protagonistas.

Con todo, o ideal dunha orde internacional auténticamente democrática fica ainda relegado ao mundo da utopía. "Os povos das Nacións Unidas" seguen sin teren voz.