Os EEUU presentaron unha proposta de resolución á ONU para, iso din, devolver a soberanía a Iraq. Tan mal lle vas as cousas neste país que está claro o que se procura: mellorar a imaxe de Bush, que perderá as eleccións de novembro de seguir á baixa a súa popularidade, e que a ONU xustifique a ocupación. Non hai ningunha outra finalidade nesa proposta.
O submiso Blair foi axiña corrixido polo país propoñente: nada de retirada das forzas invasoras, como de primeiras dixera. As forzas invasoras manteranse no país invadido o tempo que faga falta: nin sequera se incluíu na proposta presentada á ONU a posibilidade de que as tropas deixen Iraq. Convén non esquecelo.
As principais obxeccións feitas ó plan norteamericano por Francia, Alemaña, Rusia e China, centráronse nos poderes que se reservan os ocupantes e no tempo que van permanecer no país. Michel Barnier, ministro de Relacións Exteriores francés, dixo que a proposta é un borrador que pode ser discutido e mellorado. Máis alá foi Chirac, quen chamou a Bush por teléfono para facerlle presente que a soberanía de Iraq ten que ser algo "real" e que os propios iraquís deben percibila así. Pola súa banda, Schroeder sinalou que un novo goberno iraquí ten que ser quen de tomar decisións sobre a seguridade do país, pois do contrario non será un goberno verdadeiro.
Así as cousas, é lóxico que o proxecto norteamericano mereza a desconfianza da comunidade internacional. E que o goberno ad hoc agora instalado en Iraq, saudado con varios e simultáneos atentados mentres se constituía, se reduza a política de lavado de imaxe para a campaña electoral de Bush. As tropas, pois, quedaranse para garantir os beneficios que da guerra se agardan e para os que foi proxectada. Non é unha guerra altruísta, senón máis ben un dos grandes negocios do século.
A comunidade internacional debera esixir a retirada das forzas invasoras e á par implicar ós países árabes para garantir a seguridade no país, que tanto preocupa ós invasores para os seus negocios. Que sexan os demais países árabes os que se coiden da seguridade non debera ser refugado polos iraquís: o sospeitoso será que ese labor o queiran para si os invasores. En calquera caso, esta tutela ilexítima e inmoral debe ser refugada.