O entendemento amosado na última rolda do diálogo hexagonal celebrado en Pequín e no cumio das Coreas en Pyongyang presaxia unha nova etapa na península, sempre e cando, claro está, os feitos acompañen as palabras. Os malogros de precedentes ocasións xustifican o escepticismo que outros, á vista das previsións da declaración conxunta de Kim Jong Il, líder do Norte, e Roh Moo-hyun, do Sur, desterran por completo. A expansión da cooperación económica, adobada cun plan máis detallado e de maior alcance ca os pasados, semella a clave desta nova fase, que deberá coexistir aínda por un tempo, máis ou menos longo, con escenarios de tensión noutros dominios. Kim Jong Il descartou a posibilidade dunha inminente retirada de unidades militares na fronteira Sur, medida que cualificou de “prematura”.
O “pavimento” (en expresión de Roh) que debe evitar a reprodución de actitudes hostís e rebaixar a tensión militar, inclúe a creación de zonas de paz en áreas de pesca común, a posta en marcha dun servizo regular ferroviario de mercancías, a construción de dous asteleiros, a creación dunha zona económica especial en Haeju, ou a entrada en funcionamento dun servicio marítimo. Renovación de autoestradas e ampliación da comunicación por vía aérea complementan a axenda de proxectos que será obxecto de seguimento especial a través de contactos ministerais bilaterais que se iniciarán o mes próximo. Por outra banda, o anuncio do compromiso de Pyongyang de dar firmes pasos no proceso de desmantelamento do seu programa nuclear (que financiará e supervisará EEUU) facilita a consolidación dun claro ambiente de distensión na zona.
A reunificación está lonxe aínda, tanto como afastados están os niveis de desenvolvemento económico das dúas Coreas e os propios intereses das grandes potencias involucradas no contencioso. Pero se o entendemento calla esta vez e non se producen sobresaltos, tanto no Norte como no Sur, as posibilidades dunha implicación activa de Seúl no desenvolvemento do Norte son considerables. Non só a través da axuda, senón de grandes investimentos.
A situación en Corea de Norte, é ben dramática en numerosos aspectos. Un rebaixamento da tensión podría dar paso a unha nova realidade, asinando ese acordo de paz pendente dende hai máis de cincuenta anos. Salvar ese primeiro obstáculo non significa que todo estea feito, pero si pode facilitar e asentar a cooperación económica e os intercambios políticos que hoxe, pese ao pomposo das declaracións, penden dun fio. Haberá visita de Kim Jong Il a Seúl? A proximidade das eleccións no Sur deixan entreaberta a posibilidade dun horizonte de alternancia nun tema onde as posicións defendidas por Roh non son compartidas na súa totalidade pola oposición conservadora, hoxe en cabeza nas enquisas. Pero é improbable que se dean pasos atrás pois electoralmente, como demostra a celebración agora do propio cumio, a normalización das relacións co Norte é un obxectivo electoralmente rendible.
Saltos substanciais, por tanto, os que se están producindo na zona e que poden deixar atrás o clima de guerra fría que aínda predomina (xustificando a presenza no Sur de milleiros de soldados norteamericanos), pero que abren tamén novos interrogantes, en especial no Norte, pois a tensión é o argumento do réxime para negarse a reformar unha economía obsoleta e afrouxar un clima asfixiante no eido das liberdades individuais e colectivas.