Mercenarios houbo sempre, ao menos ata o século pasado. Pero a guerra, en Afganistán e no Iraq, produciu unha privatización crecente, con contratos de contía astronómica, poñendo en mans privadas, e ás veces fóra de todo control, funcións como os interrogatorios dos detidos e outras operacións policiais.
Só no Iraq pasan de 25.000 axentes, polo que veñen ser a segunda forza de ocupación, por diante do exército británico. As peores violacións dos dereitos humanos proveñen destes novos mercenarios, que nunca se soubo que fosen obxecto de procedementos xudiciais, e ás sociedades que os empregan sempre se lle anovaron os seus contratos.
Aos ocupantes non lles convén render contas a ninguén sobre dereitos humanos. Prefiren manter espazos libres de toda norma seguindo a doutrina de Bush, agora invalidada polo Tribunal Supremo, unha vez máis, isto é, a súa obsesión en salientar suposta seguridade sobre liberdade, e estimando que, por iso, son boas e axustadas a dereito as súas decisións. Hitler tamén pensaba así.