Noxo á democracia

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Ten boas razóns Chomsky para soster que, das filtracións debidas a WikiLeaks, se segue a dramática revelación do amargo noxo que a democracia produce no Goberno dos EE UU e no seu servizo diplomático. Ao mellor, o feito é moito máis xeral, case diriamos que universal.

Chomsky  pon o exemplo do desprezo que ao Goberno dos EE UU lle merece a poboación árabe, cando se sabe que un 80 por 100 dela pensa que a máxima ameaza son os EE UU e Israel e só un 10 por 100 cre que o é Irán. E, aínda así, prefire escoitar e atender aos ditadores árabes amigos.

O medo e o noxo á democracia son algo moito máis xeral nos nosos días, como o acredita, por exemplo, a permanente chantaxe da banca –os mercados- aos Gobernos democráticos –se ben coa colaboración, conivencia ou pasividade destes- producindo un dos maiores desgobernos da historia.

O noxo ao equilibrio de poderes, esencia da democracia, non é novo no mundo contemporáneo, dende os réximes totalitarios do século pasado ata os neocón dos EE UU e os seus amigos europeos, en especial o noxo do poder executivo ao contrapeso do poder xudicial e aínda ao mesmo Parlamento.

Unha simplificación moi perigosa para unhas sociedades tan complexas como as actuais, unha visión “empresarial”  que non entende de complexidades e que pensa que a eficacia está na simplificación. Hai un Berlusconi para a rexouba, pero hai moitos outros que, sendo no fondo como el, fan o que poden para non parecérselle moito..nas fotos.