20050324kyrgyz bishkek

O “alzamento” da democracia en Kirguizistán


 Clic para aumentar
A principal escusa das protestas en Kirguizistán, que está na raíz do cambio político, foi, dende o principio, o fraude electoral. Xa se viña prognosticando que as elecións ían ser fraudulentas, mesmo antes da primeira volta dos comicios parlamentarios. O clima de crispación aumentou na segunda volta, cando os partidarios de Akayev conseguiron a maioría na Asemblea, sen deixar oportunidades para unha oposición doída e máis predisposta a rebelarse ca nunca.
 

Os titulares de prensa, tanto en Europa Occidental coma nos Estados Unidos, afirman que a revolución dos tulipáns en Kirgizistán determina a vitoria da democracia neste país centroasiático. Nesta “revolución”, as protestas nas rúas foron crecendo pouco a pouco ata derivar na ocupación da sede do goberno en Bishkek, a capital, coa conseguinte fuxida do agora ex presidente ó veciño Kazajistán.

Antes da revolución dos tulipáns, Kirguizistán era un país moi pouco coñecido pola opinión pública, un Estado que non daba moitos problemas, onde a prensa era bastante libre, a oposición relativamente tolerada, con algunhas noticias ás que se lle daba pouca importancia sobre os conflitos no val do Fergana… Nada que ver cos réximes ditatoriais das patrias veciñas de Uzbekistán, Kazajistán e, sobre todo, Turkmenistán.

A principal escusa das protestas en Kirguizistán, que está na raíz do cambio político, foi, dende o principio, o fraude electoral. Xa se viña prognosticando que as elecións ían ser fraudulentas, mesmo antes da primeira volta dos comicios parlamentarios. O clima de crispación aumentou na segunda volta, cando os partidarios de Akayev conseguiron a maioría na Asemblea, sen deixar oportunidades para unha oposición doída e máis predisposta a rebelarse ca nunca.

Sen embargo, se afondamos un pouco, podemos decatarnos de que a poboación non só estaba preocupada polo fraude. Despois das reformas e contrarreformas económicas que privatizaron diversos sectores, chegouse a unha situación na que o 55% da poboación vivía por debaixo do limiar da pobreza. O país é rico en recursos naturais como gas ou petróleo, e ademais é un Estado de paso da droga provinte de Afganistán (unha das maiores fontes de diñeiro). Polo tanto, se máis da metade da poboación é pobre, e o diñeiro, tanto de forma legal como ilegal, circula en relativa abundancia polo país, ¿quen se queda con el? Os máis beneficiados son un grupo de elites locais da capital, Bishkek, e o círculo pechado de amizades no cumio da pirámide: o expresidente Askar Akayev.

O presidente interino, Kurmambek Bakiyev, asegurou que tentaría eliminar a corrupción, moi omnipresente, así como a compra de cargos públicos ou en base á pertenza a un clan específico, discurso e compromiso propagandístico para que a sociedade comece a ter confianza neste antigo vicepresidente encarcerado por corrupción. O reparto de cargos no novo goberno fíxose entre os clans máis influentes de Kirguizistán, excluíndo evidentemente o formado por Akayev e a súa familia. Falar, falase pronto.

Aparte da situación de pobreza da poboación e do estatus privilexiado da elite política, cómpre salientar o apoio estranxeiro para propiciar un cambio político. Desde primeiros de ano, algúns activistas orixinarios de Ucraína e financiados por Estados Unidos foron chegando á capital kirguisa. Edil Baysolov, o director dunha das ONGs locais, recoñeceu que o Instituto Nacional Democrático estadounidense financiou as súas actuacións. O interese amosado polos norteamericanos podería explicarse pola desconformidade coa suposta política multilateral que viña manifestando Akayev.

Había uns meses, o ex presidente kirguís asinara uns tratados coa Organización de Cooperación de Shangai e coa Organización do Tratado de Seguridade Colectiva, con China e Rusia, algo que podería minar a influenza dos Estados Unidos na zona. O interese principal norteamericano consiste en dispor dun Estado afín que non incomode os seus propósitos, con recursos naturais, e co que poda premer noutros Estados. Incluso o embaixador norteamericano na rexión, Stephen Young, recoñeceu sentirse orgulloso de ter apoiado á oposición para favorecer a revolución dos tulipáns. No dicir de The New York Times, Estados Unidos intenta perpetuarse en Asia Central financiando ás oposicións e as publicacións críticas cos réximes que non lle son leais incondicionamente.

Kirguizistán ten reservas de gas e petróleo e unha fronteira con China de máis de mil quilómetros. Os oleodutos e gasodutos que pretender ir cara a China teñen que pasar por territorio kirguís. ¿Será unha forma de premer ó xigante asiático? En Kirguizistán, os estadounidenses contan cunha base aérea situada en Manas, preto da capital Bishkek, onde poden residir uns tres mil soldados. A base instalouse para apoiar a invasión de Afganistán no 2001, e rivaliza coa existente en Kant, baixo control ruso. Poderíase dicir que ambas potencias intentan manter a súa influenza en Kirguizistán. Putin, en calquera caso, acepta con resignación que Akayev se refuxie en Rusia e que haxa un novo presidente en Kirgizistán, con tal de que non dane as relacións con Moscova. O tempo dirá.

Nembargante, segue habendo datos que chaman a atención sobre os apoios prestados polos norteamericanos. Antes das eleccións, o goberno de Akayev denegou o permiso a Estados Unidos para despregar avións espía Awac na base de Manas, mentres que a Rusia se lle permitía ampliar as pistas de aterraxe da base de Kant para permitir a chegada de todo tipo de avións. Quizais sexa unha explicación rocambolesca sobre o desenlace da crise e o interese de Estados Unidos, pero este dato, para algúns observadores, resulta clarificador e mesmo determinante.

¿Chegada da democracia en Kirguizistán? Cunha revolución dos tulipáns parcialmente orquestrada por Estados Unidos, unha superpotencia ávida de poder, ben podería ser simplemente a escusa para facerse co control deste estratéxico país de Asia Central, sen que ninguén erga unha voz crítica. Claro, todos estamos a favor da democracia. Anticipar que unhas eleccións son fraudulentas antes incluso de que se realicen os comicios, financiar medios de comunicación opositores, financiar partidos opositores, financiar viaxes de activistas estranxeiros, etc, fai pensar nun plan para subverter un país. Despois de conseguilo, ese 55 por cento da poboación que vive baixo o limiar da pobreza, probablemente seguirá ausente nas preocupacións dos grandes estrategas.