O ‘amigo’ portugués de Feijóo

O 29 de xaneiro do ano pasado o presidente da Xunta, o conservador Alberto Núñez Feijóo, era recibido no palacio lisboeta de São Bento, residencia do primeiro ministro portugués, polo socialista José Sócrates. Feijóo propúxolle ao Goberno luso naquel encontro, segundo relatou na súa comparecencia posterior en solitario ante a prensa galega, o impulso conxunto de varios proxectos.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

O 29 de xaneiro do ano pasado o presidente da Xunta, o conservador Alberto Núñez Feijóo, era recibido no palacio lisboeta de São Bento, residencia do primeiro ministro portugués, polo socialista José Sócrates. Feijóo propúxolle ao Goberno luso naquel encontro, segundo relatou na súa comparecencia posterior en solitario ante a prensa galega, o impulso conxunto de varios proxectos. Porén, 16 meses despois pouco ou nada se sabe da maioría daquelas iniciativas, cuxo cumprimento quedará agora en mans dun goberno conservador saído das eleccións do domingo que, á espera de ser denominadoamigo, semella máis afín á ideoloxía do PPdeG que o Partido Socialista de Sócrates.

En mans do Goberno que encabece agora Pedro Passos Coelho, do centrodereitista PSD –probablemente en coalición co tamén conservador CDS-PP do nado en Tui Paulo Portas– quedan agora catro grandes peticións da Xunta de Feijóo ao Portugal de Sócrates en materia viaria, ferroviaria, enerxética e de financiamento europeo. Ademais, por suposto, do aínda non resolto conflito polo complexo pagamento das novas peaxes implantadas nas autovías lusas principalmente no norte do país.

FINANCIAMENTO EUROPEO

Das catro propostas orixinais de cooperación Galicia-Portugal, a de financiamento é na que máis se avanzou e máis futuro semella ter, aínda que non tanto pola flutuante relación directa entre a Xunta e o Goberno portugués senón grazas á estabilidade de anos acadada na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, agora estendida a través da macrorrexión a Castela e León. Feijóo propúxolle a Sócrates no seu encontro de xaneiro do ano pasado que Galicia en particular e España en xeral pelexaran xuntos por manter o nivel dos últimos anos nos orzamentos europeos do próximo período de contas comunitarias, 2013-2020, e nesa liña traballan xa Galicia e o Norte de Portugal.

GASODUTO DE REGANOSA

Canto a proxectos concretos, Feijóo propuxo hai 16 meses a construción dun novo gasoduto que complemente as liñas de enerxía que xa cruzan a fronteira. Sería, dixo o presidente galego, “unha infraestrutura clave para Galicia e clave para Portugal” ao levar ao país veciño a produción da planta ferrolá de Reganosa. As conversas quedaron entón en mans dos conselleiros e ministros respectivos, que nada volveron informar sobre o proxecto. Agora a sintonía ideolóxica de ambos gobernos podería rescatalo.

PONTES EN GOIÁN E AS NEVES

Feijóo tamén puxo sobre a mesa de Sócrates a necesidade de ampliar conxuntamente a actual ponte Goián-Vila Nova de Cerveira de dous a catro carrís para conseguir así unha conexión de alta capacidade entre a autovía que a Xunta xa constrúe paralela ao Miño do lado galego e a continuación da infraestrutura semellante que do lado portugués xa chega desde o Porto a Caminha.

Porén, se as dificultades económicas lusas fixeron implantar peaxes nas autovías xa construídas, semella difícil que Portugal acometa nos vindeiros anos as obras de prolongación da súa infraestrutura desde Caminha ata Valença, como estaba previsto no proxecto inicial e, polo tanto, a vía seguirá rematando a varios quilómetros da ponte internacional.

Igualmente, a Xunta propuxo a construción dun novo paso sobre o río Miño á altura da Plataforma Loxística Intermodal de Salvaterra-As Neves (PLISAN). Do lado galego as obras tanto da zona industrial como da vía que a conectará coa Autovía das Rías Baixas (A-52) avanzan a ritmo lento. Do lado portugués, a posible construción dunha ponte que conecte coa PLISAN é vista como unha porta aberta á posible fuga de empresas lusas ao novo espazo loxístico galego, o maior da zona, o que fai dubidar do interese que podería ter o Goberno portugués por construír ese novo viaduto. Pero a maiores, o futuro primeiro ministro conservador comprometeuse a pór en corentena todos os proxectos de infraestruturas do país á espera de analizar a súa viabilidade.

Así as cousas, as negociacións entre a Xunta e o novo goberno conservador portugués en materia viaria semellan agora máis necesarias se van enfocadas ao conflito do pagamento das peaxes que ao deseño de novas infraestruturas de difícil execución nos próximos anos polo seu custe.

DATA DE INICIO AO AVE VIGO-PORTO

O último proxecto conxunto proposto por Feijóo a Sócrates en xaneiro do ano pasado semella o que máis dificultades ten de saír adiante incluso con gobernos da mesma cor política. O presidente galego asegurara ao remate do encontro que o portugués lle transmitira a “decisión estratéxica” do seu Goberno de construír o AVE Vigo-Porto. Feijóo apelou entón á necesidade de que España e Portugal asinasen un compromiso público, a semellanza do Pacto do Obradoiro para o AVE galego, no que se explicitase “a data de comezo” das obras.

Pero tras aquelas palabras de boa vontade, tanto España como Portugal enviaron a obra ao caixón dos proxectos futuros obrigados pola crise económica e o candidato que con máis forza prometeu paralizar todas as liñas de AVE, mesmo a Lisboa-Madrid, foi Passos Coelho.

VIAXE DE SÓCRATES A GALICIA

Por último, ao remate daquel encontro en Lisboa no que se falou das anteditas catro iniciativas transfronteirizas, Feijóo dixo que Sócrates tentaría visitar Galicia ao longo da lexislatura. Ese é xa o primeiro dos proxectos conxuntos frustrado pola crise do país veciño.