Schröder anda estes días por Moscova. Poderá falar a solas co seu anfitrión, quen domina ben o alemán aprendido cando desempeñaba funcións como oficial do KGB no Berlín dividido de 1989. En agosto de 1999, Ieltsin nomeaba xefe do goberno a un descoñecido tenente coronel dos servicios secretos. O día de noitevella do mesmo ano entregáballe a Presidencia da Federación Rusa. O 26 de marzo era confirmado como inquilino do Kremlin, despois de gañar as presidenciais. Hoxe é o líder soviético ou ruso que máis poder concentra nas súas mans dende os tempos de Stalin.
Vladímir Vladímirovich Putin herdou unha Rusia caótica que enchía paxinas de xornais coas excentricidades de Ieltsin. Dividida, como noutros moitos momentos da súa historia, entre a atracción por Occidente e a afirmación eslava. Nostálxica da grandeza soviética, con enfrontamentos permanentes entre o executivo e o lexislativo, o poder dividido entre o centro e as rexións e unha guerra no Cáucaso.
Un ano despois a Duma é un remanso de paz que aproba obediente a reforma fiscal, os presupostos, a restauración do himno soviético e a aguia bicéfala do tsarismo. Os executivos das repúblicas e rexións están controlados. A influencia dos plutócratas ieltsinianos diminuída. Só a guerra de Chechenia segue atragoándoselle a un Putin que mesmo é quen de saír de crises vergonzosas como a do submarino Krusk sen ver afectada a súa popularidade. Ao tempo a inflación está controlada, o rublo tense estabilizado, o PIB aumenta e tamén as reservas de divisas, a recadación de impostos e o nivel de vida. A boa marcha da economía ten un segredo: o petróleo caro.
Séguese sen coñecer o seu programa político. Pouco lle debe importar. Putin goberna en base á cadea de mando e á dictadura da lei. Claro que a imposición da legalidade varía segundo os casos. Nuns é firme e decidida. Gusinski é derribado despois dun férreo acoso e atópase en liberdade vixiada en España; Berezovski autodeclarouse exiliado político. O resultado: nun futuro próximo os dous canles de televisión, a NTV (Gusinski) e a ORT (Berezovski), pasaran a integrarse na cadea de mando. Noutros, a lei é benévola; aos membros da Familia dos tempos de Ieltsin non se lles molesta, nin sequera a Borodín, reclamado pola xustiza suíza.
A cadea de mando é efectiva. Despois de excluír aos xefes dos executivos de repúblicas e rexións do Consello da Federación, o Kremlin promove a estes cargos a xenerais do Exercito ou dos Servicios Secretos. A reforma administrativa, que dividiu a Federación en sete grandes distritos, puxo ao fronte dos mesmos a militares que responden só ante Putin e que teñen máis poder que os xefes dos executivos. O proceso de concentración do poder elevou aos postos clave a ex membros do KGB, entre os que destaca o secretario do Consello de Seguridade, Serguéi Ivánov. Este organismo, consultivo do presidente, acapara cada vez máis funcións, que perden Exteriores e Defensa, e é o encargado de aplicar o único documento ideolóxico elaborado neste ano por Putin, a Doutrina de Seguridade. Ivánov é, na práctica, o número dous do réxime e mesmo falase del para substituír ao xefe de goberno Kasiánov.
A visita de Schröder chega nun momento doce para Putin. O chanceler alemán, en parte vencedor en Niza, confirmaralle que os ollos de Alemaña miran para o leste. Máis alá dese leste está Rusia coa que terá que entenderse. En Moscova, Putin falaralle dun Sistema de Defensa alternativo ao modelo deseñado pola futura administración republicana dos EE UU. Schröder non prestará moita atención a esta cuestión. Máis si se entenderan en todo o referido á enerxía (petróleo e gas): Alemaña e o centro europeo necesita esta enerxía; Rusia depende destes clientes para manter un crecemento que unha caída dos prezos podería deter.