Por Harley D. Nygren, Wikimedia

O Ártico: xeopolítica da última fronteira

Durante séculos, o territorio Ártico foi percibido como un espazo remoto, inhóspito e marxinal no taboleiro global. Porén, no século XXI converteuse nun espazo central da competencia estratéxica entre as grandes potencias que queren impoñerse nos novos tempos, mais existe un factor que pode trocar os desexos de dominio e instalación no polo norte, o cambio climático.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Palabras chave Ártico

A fronteira conxelada está, paradoxalmente, en movemento, mais as potenciais novas rutas marítimas e a exportación de vastos recursos enerxéticos e minerais que permitiría o control deste espazo glacial, transforma a rexión nun enclave de alto valor xeopolítico, económico e ambiental.

Rusia, con máis da metade da liña costeira ártica, leva vantaxe nesta nova carreira polar. O Kremlin aplica unha estratexia de control integral da rexión: reactivación de bases militares, desenvolvemento de proxectos extractivos e promoción da Ruta Marítima do norte como alternativa ao Canal de Suez. Trátase dunha política de Estado que combina soberanía territorial, interese económico e proxección de poder na que o Ártico opera como unha plataforma dende a que Rusia busca reforzar o seu papel global nun contexto de crecente illamento internacional tras a invasión de Ucraína.

Os Estados Unidos, durante anos reticente a comprometer recursos na rexión, deu un xiro nos últimos tempos coa administración Trump. A crecente presenza de Rusia activou os resortes da súa doutrina de seguridade nacional, reforzando a capacidade naval en Alaska, impulsando a reapertura da embaixada en Groenlandia e chegando mesmo a formular a posibilidade dunha adquisición territorial, non exenta de insinuacións coercitivas que contemplaban a ocupación do territorio soberano groenlandés ante unha eventual negativa diplomática.

Nun escenario de crecente tensión xeopolítica, países como Canadá, cunha extensión no Ártico que abrangue arredor do 40% do seu territorio, impulsan iniciativas de colaboración multilateral no seo do Arctic Council, establecido en 1996. Así mesmo, os países nórdicos —Noruega, Suecia, Finlandia, Islandia e Dinamarca— desempeñan un papel central na configuración dunha gobernanza ártica que aposta pola cooperación, a sustentabilidade ambiental e o recoñecemento dos dereitos das poboacións indíxenas. Esta visión compartida, orientada a conter as dinámicas unilaterais e expansionistas suxeridas polo mandatario estadounidense nos seus discursos, materialízase na defensa dun enfoque multilateral orientado ao consenso e á estabilidade institucional.

Pola outra banda China, sen acceso directo, actúa con paciencia e constancia. Autodefinida como “Estado próximo ao Ártico”, impulsa a Ruta da Seda Polar mediante investimentos en infraestrutura, cooperación científica e diplomacia estratéxica en diferentes países. A súa penetración en Groenlandia ou Islandia, por medio de acordos comerciais e investimentos, revela un interese orientado a garantir presenza nun espazo chave para o comercio do século XXI e para o seu ascenso como potencia con interese global.

Deste xeito, o Ártico sintetiza os dilemas do noso tempo: explotación ou conservación, soberanía ou cooperación, seguridade ou desenvolvemento. É o espello xeopolítico dun mundo en transición, onde a ambición territorial convive cunha crecente tensión estratéxica. A forma en que esta fronteira sexa administrada nos vindeiros anos terá consecuencias decisivas para o equilibrio global nos vindeiros anos.

Referencias

Huebert,R.,Exner-Pirot,H.,&Lajeunesse,A.(2019). “ArcticSecurityinan Age of Climate Change”. Wilfrid Laurier University Press.

Keil,K.,&Knecht,S.(2020). “ArcticGovernance:PowerinCross-Border Cooperation”. Routledge.

Lind,A.(2021). “Geo-Economicsand the Arctic: China’s Commercial Investments in Greenland”. Naval Postgraduate School.