iraq412

O avance da multipolaridade

 Iraq, clic para aumentar
Resulta evidente que EEUU non pode seguir actuando de xendarme do mundo. A crise de confianza nunha política erixida sobre o uso sistemático da forza e a violación dos dereitos humanos vai agravarse nos próximos meses e esa ocasión podería permitir impulsar unha nova axenda internacional nunha conxuntura máis favorable á aposta nun proxecto que garanta a paz e a seguridade nun contexto dunha prosperidade máis compartida socialmente.
 

En 2006 cumprirase o primeiro lustro do 11S, o brutal atentado que brindou a EEUU a ocasión propicia para relanzar unha estratexia de dominación mundial baseada no liderado militar. As fendas aparecidas dende entón na primeira e inquebrantable adhesión internacional co país vítima dos atentados de Washington e New York son evidentes para todos. Non obstante, o destino final desta estratexia, inicialmente exitosa pero a largo prazo en extremo insostible, podería recibir agora os seus primeiros sinais de liquidación. A administración Bush deberá afrontar a posibilidade dunha retirada progresiva de Iraq, un país que non é quen de controlar e no que se acumulan os mortos propios e alleos, e deberá facelo nun tempo en que podería agravarse a crise con Teherán (e Damasco), escenario non descartable de tensión, tamén militar, na mesma atribulada rexión. En conxunto, a piques de cumprirse un lustro despois do 11S, confírmarse o fracaso da estratexia privilexiada: a realidade internacional confírmase como máis desigual e insegura; pero o equipo instalado na Casa Branca, asociado ao complexo militar industrial e ás grandes transnacionais do petróleo, aínda vai dar guerra.

Noutro enredo, aínda que de perspectivas distintas, todo indica que o proceso europeo seguirá no seu impasse e tardará en reencontrar o seu camiño. A medias entre o estancamento e a involución, a UE parece non ter dúbidas á hora de optar por unha unión monetaria, financeira e mercantil, deixando de lado o proxecto político que comezou a naufragar en serio coa ampliación ao Leste. A actual Europa, asentada na busca da competitividade e cada vez mais virada de costas ao modelo social que a fixo atractiva en todo o mundo, semella padecer o síndrome Gorbachov: é mais popular no exterior do que dentro das propias fronteiras.

Mentres, EEUU non desaproveita esta crise de confianza para incrementar a súa influencia no continente alargado. Fóra da Unión, Belarús está no punto de mira por se a ocasión se presenta para colorear algunha "revolución", pero mimará Romanía que xa se converteu no primeiro país de Europa Oriental con bases militares norteamericanas despois de que a secretaria de Estado Condoleezza Rice e o seu homólogo romanés, Razvan Ungureanu, firmaran o 6 de decembro un pacto para establecer bases militares no país dos Cárpatos. Para Washington, establecerse en Romanía, onde a loita contra presuntos terroristas experimentábase nos cárceres secretos, significa controlar o Mar Negro. A posición xeográfica deste país é de vital importancia para unha gran potencia que intenta exercer a súa hexemonía no mundo. Ese proxecto vai seguir en vigor.

En América Latina, a conxuntura política presenta síntomas dunha gran efervescencia. Haberá eleccións en México (presidenciais), Costa Rica (presidenciais), Haití (presidencias e lexislativas), Nicaragua (presidenciais e congreso), Venezuela (presidenciais), Colombia (presidenciais e congreso), Ecuador (presidenciais e congreso), Perú (presidenciais), Brasil (presidenciais e congreso). Con tantos países afectados, o mapa político pode mudar e moito en 2006, ben para consolidar as tendencias actuais que apuntan ao fortalecemento de procesos de integración autóctonos e de considerable sensibilidade social, ben para frear as ansias de cambio pacífico que se respiran en amplos sectores da rexión latinoamericana. Consolidado Chávez en Venezuela, en Brasil, Lula deberá encarar a data do 1 de outubro como todo un desafío e unha oportunidade para reforzar a dimensión transformadora da súa política, tanto no plano exterior coma interno. O peso de Lula, Chávez, Kirchner, Tabaré, etc da para pensar nunha América Latina diferente, e esa pluralidade nos seus líderes achega equilibrios e sensateces que enriquecen o proceso de cambio e poden axudar a facelo tan amplo coma irreversible, sumando alianzas para conter a inxerencia de EEUU.

Na outra punta, en Asia, mentres Xapón comeza a dar sinais de certa recuperación económica, en China, sempre a crecer, os problemas sociais prometen un tempo difícil de xestionar. Mais encamiñado o asunto das relacións con Taiwán, as problemáticas internas, cun considerable incremento do malestar no campo pola exacerbación das desigualdades, pode multiplicar as tensións nun país de dimensións complicadas a todos os niveis e onde a converxencia dos problemas pode producir unha onda expansiva de graves consecuencias desestabilizadoras. Os negativos efectos do período de Jiang Zemin comezan agora a evidenciarse nun malestar crecente no medio rural, no que aínda reside o 70 por cento dos seus 1.300 millóns de habitantes.

Desgraciadamente, nos tradicionais puntos quentes da política planetaria (Chechenia, Palestina, etc) non cabe agardar cambios sorprendentes, como tampouco nos de baixa intensidade (do Sahara a Asia central), se ben algúns que se daban por pechados (Etiopia-Eritrea, por exemplo) poderían reabrirse de forma violenta. A falla de vontade e de audacia para inspirar procesos de diálogo e negociación política que senten as bases para unha desactivación definitiva destas crises crónicas é unha característica que o cambio de milenio non conseguiu alterar. Tampouco da ONU, fracasado o cumio da súa reforma, cabe agardar un empeño significativo, mais alá do interesado ocasionalmente polas grandes potencias que manexan os seus fíos entre bastidores. A perda de credibilidade na defensa do dereito internacional, na loita contra a tortura e polo respecto aos dereitos humanos, pesa cada vez mais como unha lousa sobre o desexable liderado moral da ONU. Deberían reverterse os preocupantes retrocesos habidos nesta materia.

Para compensar esas hipotecas, de cando en vez, algún organismo do sistema onusino, amósanos unha faciana diferente, que pode servir de acicate para reivindicar outro sistema internacional máis digno. O modelo actual de globalización non reduce a pobreza, sentenciou recentemente a Organización Internacional do Traballo (OIT). En efecto, o crecemento económico global non se está traducindo en novos e mellores empregos que conduzan a unha reducción da pobreza. A metade dos traballadores do mundo aínda non ganan o suficiente como para que tanto eles como as súas familias superen a liña da pobreza de dous dólares diarios.

Facendo un necesario exercicio de optimismo, o ano que agora comeza podería lanzar as bases para un progresivo asentamento da multipolaridade. Resulta evidente que EEUU non pode seguir actuando de xendarme do mundo. A crise de confianza nunha política erixida sobre o uso sistemático da forza e a violación dos dereitos humanos vai agravarse nos próximos meses e esa ocasión podería permitir impulsar unha nova axenda internacional nunha conxuntura máis favorable á aposta nun proxecto que garanta a paz e a seguridade nun contexto dunha prosperidade máis compartida socialmente. Esa é a mutación profunda que o mundo precisa e o tempo escasea.