Tralo asasinato de Benazir Bhutto e o retardo electoral para o próximo 18 de febreiro, o panorama político paquistaní transita cara un inevitable escenario de convulsión, nun delicado punto de inflexión para o goberno do xeneral Pervez Musharraf e para a estratexia de Washington en Asia Central, especialmente de cara a Afganistán, India, China e Irán.
A posibilidade dun espallamento do caos paquistaní, en gran medida determinado polos dilemas políticos de Musharraf e EEUU, ameaza con incrementar un foco de inestabilidade rexional con amplo alcance para a seguridade global. Cun escenario político seriamente atomizado, aumentado ante a obsesión de Washington por manter o control do programa nuclear e do risco de violencia política e terrorista, semella complicado modelar un escenario estable.
As claves do actual conflicto paquistaní atópanse na ardua confrontación entre o poderoso estamento militar, o verdadeiro factor de poder no país aparentemente controlado por Musharraf e do servicio de intelixencia ISI, e diversos grupos civís e políticos que avogan por un cambio político democrático. Con Bhutto fora de escena, a variable da seguridade nacional, en clave de manter o control do programa nuclear e o poder político do estamento militar, segue a explicar a estreita alianza entre Musharraf e Washington.
Paralelamente, Paquistán asiste a focos de fragmentación étnica e territorial en diversas rexións baixo o control de xefes tribais rebeldes, outros vinculados co “yihadismo salafista” e cos talibáns, principalmente dentro da etnia pashtuna e na veciña Afganistán. Paquistán é considerado en Occidente como o berce do yihadismo fundamentalista islamista.
O temor occidental e da clase militar paquistaní á “talibanización” do país limita tamén a operatividade dos diversos movementos islamitas paquistanís que avogan por un necesario cambio político democrático, así como dos grupos civís opositores a Musharraf.
Así, as cartas electorais que se barallan de cara aos comicios do próximo 18 de febreiro colocan a Nawaz Sharif, da Liga Musulmán de Paquistán, ex primeiro ministro deposto tralo golpe de Musharraf e actualmente única cabeza visible da oposición, con determinadas posibilidades de concentrar o electorado de Bhutto e do seu movemento, o Partido do Pobo de Paquistán (PPP). Velaí que a clave está en descifrar a evolución do voto do PPP, en caso de que se manifeste a favor de presentar ao fillo de Bhutto, Bilawal Bhutto Zardari, como aparente continuador dunha dinastía política marcada pola traxedia, ou de propiciar o apoio a Sharif.
Nas próximas semanas, Musharraf tentará orientar o proceso electoral cara unha especie de plebiscito sobre a necesidade de garantir a seguridade nacional, buscando lexitimar un candidato títere. Pero, no caso de espallamento da violencia, os militares poderían verse persuadidos a activar o estado de excepción ou, incluso, un golpe contra Musharraf, coa posterior suspensión das eleccións e as súas perigosas consecuencias políticas. Unha delicada balanza dentro do avespeiro paquistaní.