20040629vladimir voronin euro atlantic partnership council

O camaleón moldavo

 Clic para aumentar
Os 56 escanos acadados deixan nun lugar privilexiado ó presidente da República de Moldava, Vladimir Voronin. O presidente, de orixe rusa, gañou as eleccións anteriores grazas ó seu achegamento a Moscova, ó ser este un dos sinais de identidade principais da súa política. Esta relación baseábase na suposición de que o Kremlin deixaría así de apoiar ós separatistas do Transdniéster, rexión secesionista moldava situada xunta Ucraína. (Foto: Vladimir Voronin na reunión do Euro-Atlantic Partnership Council o 26 de xuño de 2004).
 

O pasado 7 de marzo rematou o escrutinio do cen por cento das papeletas da votación rexistrada nas eleccións lexislativas á Asemblea de Moldava, estado con fronteiras movedizas entre a Romanía e a URSS, en distintas épocas. Os comunistas (PCRM) obtiveron o 45,98% dos votos, mentres que os outros dous partidos que obteñen representación sumaron un 28,53% (Bloque Democrático de Moldava, BMD) e un 9,07% (Partido Popular Cristiano-Demócrata, PPCD), cun reparto de 56, 34 e 11 escanos respectivamente, que deixa ós comunistas co dominio da Cámara aínda que cunha perda salientable de escanos, explicado polo cambio nos intereses da política exterior, que pode mesmo repercutir na reelección de Voronin, o actual presidente. Na Cámara moldava se requiren tres quintas partes dos escanos, 61, para elixir ó xefe do estado. Se despois de tres intentos non hai un presidente electo, se produciría a disolución da Cámara e convocaríanse novas eleccións.

A barreira de mínimos diferenciados fai que máis partidos teñan moi difícil a obtención de representación na Cámara moldava. A barreira é do 3% no caso de candidatos independentes, 6% no caso de partidos, e 12% no caso de bloques, polo que houbo bastantes formacións que quedaron fóra do Parlamento, coma o Bloque "Patria Rodina" (4,97% dos votos), o PSDM (2,92%), o Movemento "Ravnopravie" (2,83%), o PCDPM (1,37%) e o PSEJM (1,66%).

Cos sons da balalaica

Os 56 escanos acadados deixan nun lugar privilexiado ó presidente da República de Moldava, Vladimir Voronin. O presidente, de orixe rusa, gañou as eleccións anteriores grazas ó seu achegamento a Moscova, ó ser este un dos sinais de identidade principais da súa política. Esta relación baseábase na suposición de que o Kremlin deixaría así de apoiar ós separatistas do Transdniéster, rexión secesionista moldava situada xunta Ucraína.

Pero a Federación Rusa fixo o requirimento de que dita provincia, rusófona, formase unha federación co resto Moldava, mentres que Moscova mantería unha presenza militar na zona por outros vinte anos. Esa sería a base do arranxo pacífico.

O presidente moldavo sempre creu que o desentendemento co Kremlin se pode solucionar facilmente a través dun diálogo continuado ca Federación Rusa. En Moldava, o rexeite do uso da forza é mais ca unha declaración para a galería, pois precisa de paz e sosego para non perder, ante a evidente inferioridade en medios e capacidades de todo tipo.

Estrañou por iso que a tradicional liña de cooperación que mantiña Moldava coa Federación Rusa dese paso a políticas inesperadas antes das eleccións como a deportación duns 150 cidadáns rusos e bielorrusos que tiñan como propósito actuar coma observadores de ditas eleccións a través dunha ONG que ten presenza nos países da CEI. Se ben non se permitiu a presenza de observadores da CEI nestas eleccións, cabe salientar que si houbo observadores rusos e bielorrusos pero coma observadores da OSCE e da PACE. Tamén foron detidos dous analistas rusos que colaboraban coa oposición.

O xiro cara Europa

Os países occidentais destacaron, sen embargo, a limpeza das eleccións (con diversos erros "asumibles", segundo a OSCE, como as presións ós medios de comunicación) e decidiron aceptar as explicacións moldavas que explicaban os feitos argumentando que as actuacións oficiais responderon a que determinadas forzas no país intentaron organizar unha resistencia á autoridade.

A cuestión de fondo, que exacerbou os ánimos e os intereses, centrouse nas consecuencias políticas da decepción pola actuación rusa na rexión de Transdniéster. Vladimir Voronin opta entón por alentar un xiro europeísta, propiciando un claro golpe ós intereses rusos, que trae coma consecuencia que os comunistas perdan bastantes escanos con respecto ás anteriores eleccións (dos 71 escanos no 2001 ós 55 no 2005). Voronin perdeu o ata entón seguro apoio da poboación rusa, residenciada no medio urbano e disconformes coas anunciadas políticas antirrusas e proccidentais.

O país máis pobre de Europa agora pretende integrarse na Unión Europea, e tendo en conta que vai crecendo na orde de entre seis e sete puntos porcentuais, un crecemento económico bastante forte, é posible que dentro duns anos poida ter posibilidades de adhesión. A próxima entrada de Romanía xunto con estados coma Bulgaria, Turquía ou Croacia, deixaría a Moldava ás portas, xa que o país é fronteirizo con Romanía e incluso pertenceu a ese Estado ata os anos corenta.

A desconfianza exterior

Sen embargo, diversos problemas afectan a esta pequena república, entre os que cabe citar o baixo nivel de vida dos moldavos e os problemas territoriais coa rexión de Transdniéster, que non deixan lugar a dúbidas: ningún Estado con problemas territoriais como Moldava pode entrar na Unión Europea. A vitoria de Voronin posibilita o estreitamento de lazos coa UE e cos Estados Unidos, pero non asegura a estabilidade, problema que podería agora emerxer pola converxencia da delicada situación interna na orde social e os intereses do poderoso veciño.

O "cambio" de orientación dunha política exterior prorrusa a unha pro-UE, conleva desconfianza tanto europea coma rusa, ó non ser suficientemente explicada, quizais por responder a situacións de conxuntura e oportunidade mais que á interiorización dunha necesidade concreta por parte do conxunto das forzas políticas ou dunha maioría folgada. A aposta de Voronin asemella a unha maioría de idade, que pode obrigar a Rusia a practicar unha relación mais respectuosa con este pequeno país, coa outra man posta no convencemento de Bruselas da sinceridade do cambio, que non pasará por alto un detalle: auspiciado por uns que se autodenominan comunistas en Europa dezaseis anos despois de derrubado o muro de Berlín…