O cambio alemán

Finalmente, non houbosorpresas. Tal como viñan anunciando as enquisas, o SPD de Schröder e Lafontaine (40.9%) puseron fin ós 16 anos da era Kohl (35.2%). A mellora das previsións do crecemento do PIB, os anuncios dunha nova etapa de recuperación, o lixeiro descenso do desemprego, non influiron finalmente no abultado número de electores indecisos (25%). Os comicios de Baviera, celebrados a só duas semanas das eleccións xerais, acurtaran sensiblemente a vantaxe dos socialdemócratas. Pero esta vez as enquisas non foron derrotadas. Foi máis forte o desexo de cambio.

Ao pouco de coñecerse os resultados oficiais, Schröder desbotou a posibilidade dunha coalición dos dous grandes partidos, adiantando a proposta dunha alianza cos Verdes de Joschka Fischer (6.7%) sobre a base da elaboración dun programa de goberno "razonable". Se o SPD descansa boa parte da súa victoria nun progresivo achegamento a posicións centristas, Os Verdes veñense esforzando por dar unha imaxe moderada e responsable. É previsible que o relevo na chancelería non afecte ó posicionamento xermano nos grandes temas da política europea e internacionacional, se ben cabe defaudarían se non aportan novas ideas en materia de emprego, políticas enérxeticas, medio ambiente, etc. Ó igual que o FDP (liberais), Os Verdes experimentaron un lixeiro retroceso con respecto ás eleccións de 1994. Os neonazis quedaron fora.

Pero xunto a Schröder, o gran vencedor destes comicios foi sen dúbida Gregor Gysi e o seu Partido do Socialismo Democrático (PDS). Os neocomunistas resultaron a forza maioritaria en catro estados do leste e conservaron os tres escanos directos que xa detentaban (2 en Berlín-Este e 1 en Mecklenburgo-Pomerania). En Berlín, pese ós intentos de criminalización da súa actividade política, Gysi recibía un 26% máis de votos que Schröder. Pero o máis importante é que a agrupación liderada por este marxista e reformista acadou algo máis do 40% dos seus votos na Alemaña occidental.

Asi pois, á vista dos resultados electorais, case dez anos despois da caída do muro, imponse un cambio de actitude a respecto dunha formación que nestes comicios conseguía asentarse firmemente, contra todo prognóstico, no escenario político. O PDS deixou de ser un partido da ex-RDA, o partido dos Ossis, para convertirse nunha forza política mais do arco parlamentario. A fin da era Kohl non será tal de non pecharse algunhas feridas que non poden perdurar indefinidamente abertas. Nalgúns estados, o SPD deberá contar cos seus votos para poder gobernar.