O cárcere de Maze, fechado

O símbolo de tres décadas de violencia política no Ulster quedou baleiro. Os catro últimos presos abandonaron, na noite do pasado venres, a prisión de máxima seguridade de Maze. Dous días antes o goberno británico anunciaba a retirada de 5.500 soldados. Os acordos de paz consolídanse e a vía políticas imponse. Aínda que a violencia siga presente na vida cotiá dos norirlandeses cada vez máis é un fenómeno marxinal.

Os pavillóns H foron o escenario das duras e cruentas loitas que tiveron como protagonistas aos presos nacionalistas na década dos oitenta, en plena era Thatcher. Alí tivo lugar a folga das mantas, cando os presos do IRA se negaron a levar as roupas dos presos comúns; a folga sucia, cando enzoufaron os calabozos cos seus propios excrementos e a folga de fame que lle custou a vida a Bobby Sands e aos seus compañeiros. Alí formouse o actual grupo dirixente do Sinn Fein e alí foi Mo Mowlam, ao pouco de ser nomeada ministra para o Ulster, a entrevistarse cos presos para demandarlle confianza nas súas propostas.

O proceso foi longo dabondo e, por momentos, estivo preto de estragarse. Dende as conversas de 1992, impulsadas polo gabinete de John Major, entre representantes de Dublín e dos unionistas, tanto os xestos de boa vontade de Londres (inicios de conversas co Sinn Fein, permitirlle a Adams pisar solo británico, desmilitarizacións parciais), como as declaracións do Sinn Fein a favor dunha negociación e as treguas unilaterais do IRA indicaban que o camiño emprendido poderíase percorrer con éxito.

A debilidade do goberno "tory" de Major impedía avanzar no proceso con decisión e convencer aos unionistas de David Trimble de que non podían quedarse ao marxe. A abafante maioría dos "laboristas" de Blair en 1997 permitiulle a Londres mudar a situación. As conversas aceleráronse e o resultado foi o acordo de "Venres Santo" de 1998. Iniciábase unha nova xeira. Atrás quedaban as indecisións de Londres, as resistencias dos unionistas e as rupturas da tregua por parte do IRA coa súa secuela de atentados e mortos.

O camiño iniciado en abril do 1998 tampouco foi doado: paralización do proceso polos unionistas, atentado de Omagh, interpretacións diverxentes do acordado en Stormont, tensións provocadas polas marchas dos "orangistas", cumprimento de acordos no límite dos prazos e mesmo suspensión temporal da Asemblea do Ulster.

A vía política sigue a ter fortes opositores, nomeadamente entre os unionistas mais tamén entre sectores do nacionalismo irlandés. O proceso non está rematado e non se pode falar dunha normalidade absoluta. Poderá haber tensións, mesmo paróns no proceso, mais a paz está preto para a illa de San Patricio.

Nestes anos as mutacións políticas foron considerables. A República de Irlanda modificou a Constitución de 1937 para abandonar a reivindicación do Ulster como territorio irredento. O Reino Unido recoñeceu o dereito de autodeterminación do pobo de Irlanda do Norte e polo tanto cando a maioría desexe deixar de ser parte do Reino Unido non se oporá. Ambos estados recoñecen que na actualidade a maioría do pobo de Irlanda do Norte quere seguir sendo parte do Reino Unido e que só se poderá modificar esta situación por medios electorais e pacíficos. Mesmo se crearon novas institucións que deixan entrever unha nova concepción da "soberanía" afastada da tradición decimonónica como o Consello Ministerial Norte- Sur, o Consello Británico- Irlandés e a Conferencia Intergubernamental Británico-Irlandesa. Sobre estes aspectos é de sumo interese a análise elaborada por Fernando Pérez-Barreiro durante a "I Conferencia Anual Plácido Castro", organizada polo IGADI e que pode ser consultada na nosa páxina na sección Presencia/Nacionalismos.