20080328 mosquera alvaro uribe velez

O caudillismo de Uribe

 Ãlvaro Uribe Vélez; clic para aumentar
O presidente colombiano, Álvaro Uribe Vélez (na foto), concreta outro proxecto a mediano prazo. Cunha maioría contundente do seu partido no Congreso, é notoria a presenza de xuíces "uribistas" no Tribunal Supremo que permitan adiantar nos próximos meses a aplicación doutra reforma constitucional, habilitando o camiño para unha segunda reelección no 2010. Poderosos sectores políticos, institucionais e da opinión pública semellan apoiar esta idea.
 

Dende altas instancias do poder presidencial en Colombia estase a adiantar unha posible emenda constitucional que lle permita ao mandatario Álvaro Uribe Vélez presentarse para unha segunda reelección no 2010. Así, Uribe lexitimaría unha perigosa concentración de poderes nunca antes vista na política colombiana.

O actual presidente colombiano foi electo en xullo de 2002, dentro dunha conxuntura enmarcada polo fracaso das negociacións políticas entre o goberno do entón presidente Andrés Pastrana coa guerrilla das FARC e salpicado por acusacións de vínculos con grupos paramilitares nos seus tempos de gobernador do estado de Antioquia.

Amparado na cooperación estadounidense estipulada no Plan Colombia iniciado no 2000, a política de "seguridade democrática" de Uribe permitiulle presentar determinados logros na loita contra as FARC, con especial énfase na derrota da guerrilla, que dera paso a unha posterior desmilitarización e negociacións de paz.

Paralelamente, Uribe iniciaba un proceso de desmobilización dos paramilitares a partir de 2005, avaliado pola polémica Lei de Xustiza e Paz, que permitiu a deposición de armas de cerca de 15.000 paramilitares, sen poder evitar os efectos causados polo escándalo da "parapolítica", que vinculaba ao seu goberno e o estamento militar na cooperación con altos xefes paramilitares.

Non obstante, a solidez do crecemento económico e unha alta popularidade do seu goberno persuadiron a Uribe da necesidade de afrontar unha reforma constitucional, finalmente aprobada polo Congreso e o Tribunal Supremo, permitindo a súa contundente reelección no 2006. En Colombia xa se falaba sen ambigüidades da "era do uribismo" como modelo político.

A recente crise diplomática con Venezuela e Ecuador tralo asasinato do segundo ao mando das FARC, Raúl Reyes, permitiu descifrar a razón principal do plan de Uribe: afondar na súa unilateral pero firme convicción de continuar a fondo co seu proxecto de derrota militar da guerrilla, a fin de presentar un proceso político de pacificación baixo parámetros favorables.

Actualmente, o presidente colombiano concreta outro proxecto a mediano prazo. Cunha maioría contundente do seu partido no Congreso, é notoria a presenza de xuíces "uribistas" no Tribunal Supremo que permitan adiantar nos próximos meses a aplicación doutra reforma constitucional, habilitando o camiño para unha segunda reelección no 2010. Poderosos sectores políticos, institucionais e da opinión pública semellan apoiar esta idea.

Así, o "uribismo" tería a posibilidade de gobernar Colombia ata o 2014, unha tentativa tan similar co fracasado proxecto de reforma constitucional impulsado no 2007 polo seu veciño presidente venezolano Hugo Chávez, que estipulaba a polémica "reelección indefinida". A diferenza de Uribe, moito mais silencioso nas súas tentativas, Chávez formulara publicamente a súa intención de proxectar o seu mandato e modelo socialista alén do 2021.

Dende a perspectiva netamente militar, Uribe ven alcanzando notorias vitorias fronte as FARC, especialmente no apartado do "descabezamento" da cúpula dirixente da guerrilla. O fortalecemento do poder estatal e das súas forzas armadas no territorio nacional permitiu a Uribe desprazar o radio de operacións da guerrilla, moi probablemente cara as fronteiras con Ecuador e Venezuela.

Non obstante, son notorias as acusacións de violacións de dereitos humanos e da polémica aplicación da Lei de Xustiza e Paz por parte de diversas organizacións civís colombianas. O drama dos desprazados segue a ser unha triste realidade en Colombia mentres diversos sectores políticos acusan o "caudillismo" con pinceladas de lexitimación democrática que Uribe está asentando na política colombiana.

Como no caso de Chávez, o proxecto de Uribe semella prolongarse por varios anos, acusando o risco de fondas deficiencias na calidade democrática do seu país e a rexión. A diferenza estriba en que Uribe conta co total respaldo estadounidense.