O colapso de Ucraína

O 22 de febreiro en Kiev produciuse a toma do poder pola oposición coa evidencia dun golpe de Estado e co apoio de algúns gobernos de Occidente. Os deputados da Rada ou Parlamento cesaron ao presidente Víktor Ianukóvich (elixido democraticamente en 2010) sen observar as normas previstas pola Constitución para destituír a un xefe de Estado. Posteriormente disolveron tamén o Tribunal Constitucional e introduciron importantes emendas na Carta Magna. Estes feitos sucedíanse pouco despois de asinaren un acordo ambas as dúas partes, goberno e oposición, con mediación occidental.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

O 22 de febreiro en Kiev produciuse a toma do poder pola oposición coa evidencia dun golpe de Estado e co apoio de algúns gobernos de Occidente. Os deputados da Rada ou Parlamento cesaron ao presidente Víktor Ianukóvich (elixido democraticamente en 2010) sen observar as normas previstas pola Constitución para destituír a un xefe de Estado. Posteriormente disolveron tamén o Tribunal Constitucional e introduciron importantes emendas na Carta Magna. Estes feitos sucedíanse pouco despois de asinaren un acordo ambas as dúas partes, goberno e oposición, con mediación occidental.


Con Ianukovich en fuga, segundo confesou posteriormente por temer pola súa vida, non todas as rexións recoñeceron como lexítimas as autoridades autoproclamadas na capital. Pese aos repetidos intentos desde Kiev de establecer o control administrativo sobre as rexións que maioritariamente estaban en desacordo co novo poder, unha alianza de nacionalistas e extrema dereita, as tensións e enfrontamentos derivaron na alternancia no control de sedes de gobernos provinciais relevantes como os de Donetsk e Odesa. O Parlamento da república autónoma ucraína de Crimea adoptou unanimemente a decisión de pasar a formar parte da Federación de Rusia. 

Unha longa pugna

Cando en 2010, Ianukóvich gañou as eleccións tralo seu fracaso seis anos antes, a súa vitoria reflectiu un re-equilibrio interior entre o oeste nacionalista e o Leste proruso. En boa medida, foi o resultado do apoio dos decepcionados polo percorrido da “revolución laranxa” de 2004 e sería igualmente imposible sen a colaboración indirecta da primeira ministra Iulia Timoshenko e o seu presidente Victor Iutchenko, inmersos nunha guerra de mutuo desgaste.

Desde 1994, Ucraína, ao pouco de independizarse da URSS, ven manifestando o seu interese por un achegamento á UE. En 1999 comezou a negociación dun acordo complementario sobre comercio transfronteirizo que se remataría nada menos que en 2012, trece anos despois. Nese intermedio, Rusia, desfeita nos 90, foi quen de se recompoñer minimamente do punto de vista do seu poder e da súa política exterior. Nese transcurso, en varias ocasións, as autoridades rusas utilizaron o petróleo e o gas para influír na marcha dos acontecementos en Ucraína, co momento mais álxido no inverno de 2004-2005. Mal que pese, a posición de Rusia neste sentido é comprensible: os acordos preferenciais que existían no tempo da URSS non podían manterse tralas independencias e os novos estados debían ser tratados como clientes ou espazos de tránsito pois esa era, no fondo, a lóxica do sistema económico liberal que tanto defendían europeos como estadounidenses.

En abril de 2010, Medvedev, entón na presidencia en Moscova, e Ianukovich asinaron un acordo que afastaba os perigos de ruptura e incluía o arrendamento por 25 anos do porto de Sebastopol en beneficio da mariña rusa. Daquela, Ianukovich culminaba tamén a súa vinganza contra Timoshenko, acusándoa de corrupción polo acordo do gas asinado con Rusia en 2009, saldando contas con relación á súa derrota de 2004.

Esta secuencia de intrigas rasputinas, peticións á UE insuficientemente correspondidas, unha crecente ambición rusa por recuperar terreo no seu estranxeiro próximo, a persistencia das corruptas elites que viñan do réxime anterior e das novas igualmente avariciosas, cunha economía en pésimo estado, foron levando a Ucraína ao colapso, situación agravada polo aumento das tensións xeopolíticas globais.

Despois do fracaso do cumio de Vilnius do 28-29 novembro de 2013 no que Ianukovich amosou a súa preferencia por Moscova e o seu proxecto de creación dunha Unión Eurasiática, un espazo económico de libre comercio que nun primeiro impulso reagruparía a Rusia, Kazajstán e Bielorrusia, facilitando o tránsito de mercancías e reducindo os obstáculos aduaneiros, coa mirada posta nun proxecto mais ambicioso similar ao da UE con libre circulación de persoas, bens e servizos e unha moeda propia, Bruxelas e Washington decidiron tomar cartas no asunto. Trala vitoria diplomática na crise siria, Moscova podía exhibir un segundo triunfo de gran alcance estratéxico para se consumar como novo actor dunha trilateralidade global.

Entre medias, para Kiev, o dilema era acercarse á UE pechándose aos mercados deste novo conxunto ou non. Rusia é o principal socio comercial de Ucraína (25% das súas exportacións). Por outra banda, o estado económico da zona euro non esperta moito entusiasmo en ninguén nin se podía asegurar con certeza que fose suficiente para compensar as perdas do mercado do Leste. A realidade dos países da Europa oriental que forman parte da UE non é para botar foguetes. Moscova recordaba estes datos a Kiev. Por outra banda, China anunciaba a posta en marcha da revitalización da Ruta da Seda, avalado por grandes investimentos, ao tempo que presentaba en Bucarest un foro de cooperación cos países de Europa Central e Oriental, non todos da UE, co propósito de xerar novos mercados. Kiev podería tirar proveito do impulso que chegaba de Oriente. Bruxelas minguaba.

Tampouco debe descartarse que a decisión de Ianukovich tivera en conta o destino das redes de canalización do gas e do petróleo, coas emblemáticas South-Stream e Nabucco. Nesta competencia, Rusia ía por diante coa previsible posta en marcha en 2015 e con acordos bilaterais negociados que lle permitirían o tránsito dos seus recursos contando coa anuencia xeoestratéxica da Turquía onde unha viraxe que da as costas á UE tamén está en curso. Nabucco vive horas baixas desde que o consorcio SDC optou por Trans Adriatic Pipeline para a explotación do xacemento de Shah Deniz II en Azerbaidzhan. A forza de Rusia no eido enerxético e o medo tanto á súa reacción como a desconfianza a propósito da capacidade da UE para resistir a presión de Moscova vista a súa dependencia do gas, decantaba tamén as opcións de Ianukovich.

Por outra banda, cómpre ter en conta que Ucraína arrastra un serio problema de débeda desde mediados de 2013. En setembro, Moody´s degradou a cualificación soberana. Nese momento, Rusia premeu en Kiev de novo para evitar que se unira ao acordo comercial coa UE. En outubro, o goberno ucraíno, para evitar o impago da petroleira estatal Naftogaz, tivo que desembolsar 22 mil millóns de dólares e as súas reservas de divisas ascendían a 20 mil millóns. A finais de 2013, a débeda externa de Ucraína excedera os 100 mil millóns, equivalente ao 70% do seu PIB. A falta de fondos levou a Ianukovich a buscar axuda externa para afrontar a débeda e solventar as súas necesidades de financiamento, pero ninguén asentiu. Tanto Rusia como a UE e o FMI poñían demasiadas condicións. Isto tivo dúas consecuencias. Primeiro, o presidente ucraíno tivo que reorientar a súa política inicial a favor dunha aproximación á UE, agudizando as tensións no país ao se negar a asinar o acordo de asociación. Segundo, viaxar a China para tentar un acordo con Pequín, con crecentes intereses estratéxicos, económicos e comerciais na rexión. Pero a tensión estaba desbordada e o goberno, superado, simplemente colapsou.

As protestas deixaron máis de 80 mortos e centos de feridos entre manifestantes e policías en medio de altas doses de manipulación informativa que recordaban episodios de crises similares. O país quedou ao bordo da guerra civil ao destituír ao presidente lexíitimo, cambiar a Constitución e convocar eleccións anticipadas para o 25 de maio.

Especialmente reveladora é a conversa filtrada entre o ministro de asuntos exteriores de Estonia, Urmas Paet, e a xefa da diplomacia europea, Lady Ashton, confirmando que os francotiradores responsables de numerosos asasinatos durante as xornadas de protesta foron contratados pola oposición e non por Ianukovich. As noticias sobre a escura traxectoria de moitos dos integrantes do novo goberno foron pasadas por alto por todos aqueles que celebraron cegamente a ruptura do acordo logrado con mediación exterior e que abrira unha canle de solución pacífica.

Un pobo vítima da incompetencia dos seus líderes e das voracidades externas

O papel de EUA, a UE e Rusia foi determinante para o colapso de Ucraína. Todos pugnaron e pugnan por unha xestión da crise que resultara nunha saída favorable aos seus intereses xeopolíticos. A mesma UE e EUA que agora piden a Rusia que deixe de interferir nos asuntos de Ucraína nunca deixou de facer o propio, avalando coa súa presenza as accións dunha oposición heterodoxa e de moi dubidosa cualificación democrática. Con recoñecida astucia, Moscova, sen disparar un tiro, tamén moveu os seus fíos asegurando o libramento dun pulso longo e de incerto resultado.

Aínda que Zbigniew Brzezinski fale agora a favor dunha finlandización de Ucraína con respecto a Rusia como unha opción de encontro para todos, ninguén pode crer nun compromiso de Occidente. O camiño da UE marcado para Kiev era o mesmo que conduciría á participación de Ucraína na OTAN, co propósito de conter a Rusia, unha dinámica que a UE sempre supeditou á conformación dunha área de intereses específica e afastada do atlantismo que a somete.

Tralo triunfo dos seus partidarios en Kiev, o FMI amosouse sorprendentemente disposto a estudar a petición de axuda financeira, asegurando as novas autoridades en Kiev estaren dispostas a asumir as súas esixencias para obter a axuda, por un monto arredor de 15 mil millóns de dólares. As débedas ás que debe facer fronte Ucraína este ano ascenden a 17,4 mil millóns de dólares, a satisfacer cun déficit orzamentario do 4,3% do PIB e o nivel máis baixo de reservas de divisas desde hai oito anos.

As negociacións de Ucraína co FMI sobre axuda financeira estaban conxeladas desde febreiro de 2011. Nas últimas discusións, en abril de 2013, o FMI saudaba algúns avances na estabilización do sistema financeiro pero non accedía a conceder o préstamo en tanto o goberno non aceptara aumentar as tarifas do gas doméstico e a introducir a taxa de cambio flexible para a hryvnia, a moeda ucraína.  

A efémera independencia de Crimea

A mediación dos países occidentais para lograr un acordo, cristalizado no documento do 21 de febreiro, quedou obsoleto ao día seguinte. Alguén alentou a destitución pola forza do goberno lexitimo e a volatilización do calendario pactado. En verdade, isto impide a Occidente moralizar sobre a conduta dos demais actores da crise, moi especialmente tamén cando se trata de cuestións relativas a respectar a soberanía dos países. O resultado desa política foi que a alegría primeira por ver instalado en Kiev un goberno democrático e prooccidental vai camiño de converterse nun galimatías que nin Bruxelas nin Washington teñen capacidade nin sabedoría para poder resolver. A máxima que impera é que a legalidade ou ilegalidade dunha determinada conduta ou acción non depende do respecto á legalidade internacional ou do consenso senón exclusivamente da forza de quen o proclame. Neste marco, todo é posible.

A reacción de Rusia condenando a ruptura do acordo do 21 de febreiro entre goberno e oposición coa clara vitoria dos proeuropeos, desatou os conflitos no este e sur do país onde se denuncia que Ucraína está en mans de neofascistas. Unha semana mais tarde, os puntos neurálxicos de Crimea pasan a ser controlados por afíns a Moscova mentres o Senado ruso autoriza o envío de tropas a Ucraína. Estímase que pode ter uns 15.000 soldados en Crimea.

Á vista da situación en Kiev, o Parlamento da república autónoma de Crimea adoptou unanimemente a decisión de pasar a formar parte de Rusia. Un referendo, a celebrar o 16 de marzo (e adiantado con respecto ao 30 inicialmente previsto) debe sancionar a volta á Constitución de 1992 e a súa reconsideración como suxeito da Federación Rusa. Moscova, de facto, nunha operación de libro, fíxose co control deste enclave estratéxico que lle pertencera desde 1783 ata 1954 cando Jruschev, no marco da URSS, decidira cedela a Ucraína.

Para Rusia, a idea dunha Ucraína na órbita occidental –e antirusa- é inaceptable, de igual xeito que sabe que nin a UE nin EUA están en condicións de provocar unha guerra con Moscova por causa de Ucraína. Poderá haber sancións económicas, políticas, etc., pero unha intervención está descartada. Os pedidos neste sentido das novas autoridades de Kiev á OTAN son brinde ao sol. Nin Alemaña nin Reino Unido secundarían unha guerra. Rusia denuncia entón as ambicións de Occidente, acusándoo de actuar de maneira irresponsable.  

Tanto Bruxelas como Washington subestimaron a vontade de Rusia de protexer os seus intereses xeopolíticos en Ucraína. A súa situación non é óptima, pero tampouco o é a de Occidente cunha autoridade moral en entredito e un tesouro minguante. O fracaso en Ucraína sumarase á longa ringleira de desastres dos últimos anos (Iraq, Afganistán, Libia, etc), e como neses outros lugares quen apandará coa maior desgraza é o propio pobo, neste caso o ucraíno, cun gran país desfeito pola satrapía dos seus líderes e as cobizas dos seus veciños. Magoa que Europa siga ausente de si mesma.