A UE pretende que até 2010 os países membros engadan o 5,75% de biodiesel nos seus combustíbeis tradicionais, e para 2020 o 20%. Os EUA tamén decidiron substituír o 10% da súa gasolina con etanol para 2010. Baixo esta "ecolóxica" teima hai un novo e rendíbel mercado, no que as grandes enerxéticas, biotecnolóxicas e químicas xa colleron posicións de monopolio futuro, e un medo terríbel a unha crise do petróleo que xa se cheira, pois as reservas poderían esgotarse en 50 anos.
Alén disto, os EUA tratan tamén de afastarse da súa dependencia do petróleo de países do "eixe do mal", coma Venezuela e eses do Oriente que eles mesmos desestabilizan a cotío, tratando de propor a gobernos neoliberais como o brasileiro unha especie de OPEP dos biocombustíbeis, como afirma Eric Holtz-Giménez no âLe Monde Diplomatiqueâ de xuño. Xeopolítica pura.
Os biocombustíbeis "menos enganoso é agrocombustíbeis" proceden de plantacións de cereais, caña de sucre e palma aceiteira, entre outras, polo que as necesidades de superficie agraria para cumprir eses obxectivos son abraiantes. Moitos científicos din que a UE debería mobilizar o 70% das súas terras de cultivo e os EUA o 121%. Máis do que legalmente "sen invasións militares" ten. Como prescindir de terras para producir alimentos de persoas e animais é imposíbel, a solución será a de sempre, o Sur. Pensarán que aló embaixo a xente está afeita á fame, á explotación nas plantacións, a engrosar as listaxes de refuxiados polas invasións de transnacionais paramilitarizadas e aos desastres ambientais.
Novo engano pois para os de aquí enriba. Se cadra é certo de que os agrocombustíbeis a producir en Europa poderían valorizar terras inmobilizadas pola política agraria común, e tamén convertir a labregos que producen excedente de alimentos "paradoxos do global" en agricultores enerxéticos. Mais sabendo da codicia deste capitalismo que nos aparva, a cousa non vai parar aí, e o risco para a soberanía alimentar dos habitantes do planeta, que non somos só nós, para o acceso aos alimentos "demostrado isto xa coas subas do prezo do millo en México" ou para os bosques tropicais arrepía. Agrocombustíbeis si, pero nas mans dos labregos e da sustentabilidade das explotacións, non das empresas. Para o do CO2 por agora só nos quedan aforro e eficiencia.
