1. O Convenio Europeo e o seu gardián xudicial: unha arquitectura de protección dos dereitos humanos
O Convenio Europeo de Dereitos Humanos (CEDH) conforma o marco xurídico no que se articulan os principios fundamentais do Consello de Europa. Non se trata dunha simple declaración de intencións, senón dun tratado vinculante cuxo cumprimento é supervisado polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), con sede en Estrasburgo.
Este deseño institucional outórgalle ao TEDH a competencia para determinar se un Estado membro vulnerou algún dos dereitos recollidos no Convenio. A singularidade do sistema reside en que calquera persoa —e non só os Estados— pode presentar unha demanda individual, sempre que esgote previamente os recursos xudiciais internos. As sentenzas do TEDH son obrigatorias, e levaron a múltiples países a reformar leis, revisar procedementos e indemnizar vítimas de violacións de dereitos. A relación entre o Convenio e o Tribunal configura, así, un modelo supranacional sen precedentes, que garante o acceso directo á xustiza europea.
2. Salvagardas para a democracia: observación, asesoramento e renovación institucional
O Consello de Europa exerce unha función de vixilancia democrática mediante misións de observación electoral, informes periódicos e asistencia legal. Destaca especialmente o labor da Comisión de Venecia, órgano consultivo composto por persoas expertas en dereito constitucional que asesora os Estados membros sobre reformas lexislativas, marcos legais e procesos electorais.
Tras o Cumio de Reikiavik (2023), o Consello reforzou esta dimensión coa creación do Comité Director para a Democracia, un novo espazo institucional destinado a consolidar os estándares democráticos fronte ao avance de tendencias iliberais. Esta iniciativa responde ao impulso do actual secretario xeral, Alain Berset, quen sinalou como prioridade estratéxica a preparación dun novo pacto europeo pola democracia. Esta folla de ruta procura establecer compromisos concretos entre os Estados membros para protexer as institucións representativas.
3. Estado de dereito: transparencia, independencia xudicial e loita contra a corrupción
A defensa do Estado de dereito é outro dos piares centrais do Consello de Europa. A través do Grupo de Estados contra a Corrupción (GRECO), monitorízanse as prácticas institucionais nos países membros e emítense recomendacións específicas sobre transparencia, prevención de conflitos de interese e rendición de contas. GRECO actúa non só como ferramenta de diagnóstico, senón tamén como instrumento de presión normativa e política.
O Consello tamén promove a independencia xudicial mediante mecanismos de avaliación e cooperación técnica. Nun contexto europeo no que algúns gobernos tentaron interferir no poder xudicial, a acción do Consello resulta esencial para preservar a separación de poderes como base do sistema democrático.
4. Educación, cultura e memoria: unha cidadanía democrática dende as aulas
O Consello de Europa parte dunha premisa fundamental: a democracia non se sostén unicamente sobre institucións formais, senón tamén sobre unha cidadanía educada en valores cívicos, pensamento crítico e respecto mutuo. Neste sentido, destaca o labor do Observatorio do Ensino da Historia en Europa, que promove unha educación de calidade orientada a fortalecer a cultura democrática entre a mocidade.
O informe “Multiperspectividade na educación para a memoria e a historia para unha cidadanía democrática”, presentado pola deputada española María Luz Martínez Seijo ante a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa destaca a importancia de incorporar a memoria histórica na educación como ferramenta para promover a inclusión, a reconciliación e os valores democráticos. A iniciativa defende un enfoque participativo e crítico da historia, no que o alumnado analice e reconstruía os feitos do pasado, co obxectivo de previr novas violencias e fortalecer unha cultura democrática dende as aulas.
5. Un labor persistente e discreto
O Consello de Europa non dispón do poder económico nin da proxección mediática doutras organizacións internacionais, pero a súa forza reside na constancia, na lexitimidade normativa e na ampla rede de cooperación intergobernamental tecida ao longo de máis de sete décadas. A súa influencia maniféstase menos nos titulares e máis nas reformas legais, nas decisións xudiciais e nos marcos educativos que perduran no tempo.
6. Conclusión: unha brúxula ética para unha Europa en crise
Nunha Europa sometida a tensións xeopolíticas, retrocesos democráticos e campañas de desinformación, o Consello de Europa reafírmase como unha brúxula ética, política e xurídica. O seu legado —e a súa actualidade— residen en ofrecer unha infraestrutura institucional capaz de protexer a democracia, os dereitos humanos e o Estado de dereito en todo o continente. Facer máis visible o seu labor non é só unha cuestión de xustiza histórica, senón tamén unha esixencia democrática para soster os principios que dan sentido a construcción europea.

