Foi o profesor estadounidense Graham Allison, director do Centro Belfer de Ciencias e Asuntos Internacionais na Kennedy School de Harvard, e autor do libro " Destined for War: Can America and China Escape Thucydides's Trap”, quen alertou sobre o perigo que axexa a sociedade mundial contemporánea nun contexto en que a alternancia na hexemonía global semella estar en xogo. Allison reflexiona a propósito de se a China e os EUA poden evitar caer na trampa de Tucídides, é dicir, nunha resolución violenta e traumática para dirimir a súa rivalidade. Dos 16 casos estudados nos últimos 500 anos, en 12, as tensións estruturais que abaneaban a posición dominante dun determinado país derivaron en guerra.

Arredor da emerxencia chinesa e o declive estadounidense tense escrito moito nos últimos tempos. A guerra comercial, a tecnolóxica, etc. veñen informando dun incremento significativo das tensións ata o punto de non se considerar improbable o estoupido dun conflito armado. Unha das principais reformas introducidas por Xi Jinping apuntou ao exército. Foi a maior dende os anos cincuenta e o seu principal obxectivo é prepararse para “librar guerras e gañalas”. Aquela hipótese está na axenda.
Os escenarios dun conflito violento entre Beijing e Washington apuntan principalmente en dúas direccións: o mar da China meridional e Taiwán. En ambos os dous casos, a tensión aumenta día a día. Un aseguramento por parte de China dos seus obxectivos estratéxicos nesta parte do mundo afectaría á presenza da armada estadounidense en Asia-Pacífico, onde hoxe campa ás súas anchas, a milleiros de quilómetros das súas augas territoriais. O control efectivo destas rutas estratéxicas por parte de Beijing daría inicio a un mundo baixo a éxida chinesa….
Ora ben, a pandemia global da Covid-19 introduce un novo factor que igualmente pode incidir na aceleración da alternancia hexemónica afastando a hipótese dun conflito armado como mecanismo detonante. Aínda que non exclusivamente, vai depender en boa medida de dous factores. Primeiro, da fortaleza de cada quen á hora de saír desta crise. Segundo, da fragmentación das lealdades que se deriven do necesario repensamento das relacións internacionais de países clave e da correlación de forzas resultante.
China tranquiliza aos que pensan que nos atopamos ante o comezo da fin da orde mundial comandada por Occidente. Pero Europa está descabezada. E no caso dos EUA, incapaz de liderar calquera resposta dentro e fóra do propio país, a pandemia está a gangrenar máis aínda a súa imaxe enfermiza en todo o mundo. A factura que pagará non vai ser pequena. No caso chinés, cumpriría discernir canto hai de mito propagandístico e canto de realidade ao cabo na xestión da crise. Relanzar a súa economía tampouco será tarefa doada cunha pandemia que ten paralizados os seus mercados tradicionais como os EUA e Europa (40 por cento das súas exportacións) e unha parte dos asiáticos (49 por cento). Tamén haberá que ver como se resolve a fenda aberta entre as autoridades e a sociedade, se esta pasa páxina ou non. Os primeiros momentos da epidemia deixan un rastro catastrófico que tamén ten responsables na China.
A pandemia aínda non dixo a derradeira palabra. Pero Tucídides está á escoita.