A decisión tomada polo presidente Lucio Gutiérrez en decembro pasado de alterar a conformación do Tribunal Supremo con xuíces aparentemente afíns á súa xestión, revelou unha deriva autoritaria que provocou unha crise institucional, a mobilización nas rúas e a marcada oposición do Congreso á súa xestión. A oposición nunca recoñeceu a legalidade deste Tribunal Supremo e, incluso, o poderoso movemento indíxena da CONAIE, noutrora aliado político de Lucio, pasou a ser un dos seus principais opositores. Neste sentido, o presidente Lucio comezou a refuxiarse no estamento militar. (Foto: Lucio Gutiérrez saúda na clausura do XVII Cumio do Grupo de Río no sítio arqueológico Sacsayhumanan, fortaleza inca na cidade de Cuzco, Perú, o 24/05/2003). | |
Que a rexión andina transita por un sendeiro de inestabilidade resulta un escenario tan evidente como preocupante. A presión social, con tintes secesionistas, intereses gasíferos e petroleiros mediante, que encendeu Bolivia hai unhas semanas, e que estivo a piques de acabar co seu goberno, é un panorama que agora se completa coa crise política e institucional en Ecuador. Todo isto sen esquecer que o presidente peruano, Alejandro Toledo, afronta tamén tempos difíciles, que existe unha perigosa rexionalización do conflito colombiano e tamén un incerto transitar da convulsionada revolución bolivariana en Venezuela.
De todos estes escenarios, Ecuador conforma o microcosmos desta inestabilidade rexional. Ningún país, incluída a inestábel Bolivia, tivo tantos cambios de goberno, eleccións aparte, desde 1997. Por esta orde, Abdalá Bucaram, Gustavo Noboa, Jamil Mahuad, Alberto Dahik e, agora, o ex coronel Lucio Gutiérrez, pasaron polo palacio de goberno de Quito nos derradeiros anos, nalgúns casos por triunfos electorais, outros por caídas de gobernos tras presión social, golpes de Estado ou inhabilitación xudicial.
A decisión tomada polo presidente Lucio Gutiérrez en decembro pasado de alterar a conformación do Tribunal Supremo con xuíces aparentemente afíns á súa xestión, revelou unha deriva autoritaria que provocou unha crise institucional, a mobilización nas rúas e a marcada oposición do Congreso á súa xestión. A oposición nunca recoñeceu a legalidade deste Tribunal Supremo e, incluso, o poderoso movemento indíxena da CONAIE, noutrora aliado político de Lucio, pasou a ser un dos seus principais opositores. Neste sentido, o presidente Lucio comezou a refuxiarse no estamento militar.
Ante o choque de poderes entre o Lexislativo e o Poder Xudicial, coa presidencia de por medio, e o descontento popular nas rúas, Gutiérrez, secundado polo poder militar, adoptou o venres 16 a implementación do "estado de excepción", co seu compoñente de suspensión de liberdade de asociación e circulación. Se ben foi eliminado un día despois, trala presión realizada pola Unión Europea a través de España, o Parlamento dictaminou o domingo 17, nunha sesión extraordinaria, a "inconstitucionalidade" da medida adoptada por Gutiérrez en decembro, e a supresión do actual Tribunal Supremo de Xustiza.
O que revela a crise é unha extraña amalgama de poder no país andino. Para complicar o pulso político, o presidente do TSX aprobou unha medida na que suprimía os xuizos contra os ex presidente Abdalá Bucaram (un amigo íntimo), Gustavo Noboa e Alberto Dahik, que regresaron ao país dende os seus exilios. O caso de Bucaram foi significativo: considerado un personaxe pintoresco, foi recibido por unha grande multitude e anunciou a necesidade dunha "revolución bolivariana" como a de Chávez en Venezuela.
O extraño paralelismo é significativo: o presidente Lucio sempre mativo gran empatía co seu homólogo venezuelano e, incluso, as súas carreiras políticas transitaron por episodios similares. A medida xudicial de Lucio foi a mesma que implementara, tamén en decembro pasado, Chavez en Venezuela. Pero nos derradeiros tempos, Lucio buscou afastar a súa imaxe con respecto a Chávez e plegarse aínda máis ás medidas monetaristas do Fondo Monetario Internacional. Precisamente, unha das claves da crise ecuatoriana xira en torno ás medidas do FMI e a impopularidade das mesmas.
O ex coronel Lucio se enfronta agora a un Parlamento abertamente na súa contra e á inmediata e influínte mobilización popular, que xa acabara cun presidente, Jamil Mahuad, en xaneiro de 2000, precisamente cando Lucio Gutiérrez e a CONAIE provocaron un alzamento cívico-militar. Do mesmo xeito, o presidente ecuatoriano observa un poder xudicial dividido entre os seus partidarios e os seus opositores. Tan só resta saber con quén se alineará o estamento militar e se a súa posición poderá implementar o retorno da normalidade institucional no país.