O culebrón norcoreano

Pyongyang, como era de esperar, reaccionou de forma airada á resolución unánime do Consello de Seguridade de Nacións Unidas ampliando o seu catalogo de sancións pola proba nuclear do 25 de maio. Corea do Norte non da indicio algún de amedrentarse e, pola contra, asegura que vai producir máis armas atómicas. A obsesión nuclear, unida ao lanzamento experimental de mísiles teledirixidos e a retirada do Acordo sobre o Armisticio, aumentan as preocupacións na rexión e no mundo, aínda que son poucos os que consideran posible unha guerra na península coreana.

A necesidade de armas nucleares é argumentada polo réxime norcoreano aludindo ás crises dos Balcáns e Iraq: EEUU non ataca a países nucleares. A garantía de seguridade, xunto a axuda económica e o diálogo directo, estivo sempre sobre a mesa das negociacións a seis bandas pilotadas por China. Pese aos esforzos de Beijing, nin EEUU nin Xapón, por unhas e por outras, cumpriron o pactado nunha negociación que todos admiten como complexa e revirada. Tampouco Corea do Norte deu cumprimento ao principio de “acción por acción”. E, en Seúl, a vitoria de Lee Myung-bak a finais de 2007 significou a volta a unha política de maior dureza con Pyongyang. Pese a todo, a proba nuclear e os xestos belicistas do Norte non anuncian, de entrada, propósitos de guerra, senón unha reivindicación de apertura de negociacións, especialmente con EEUU. Así de expresivos son os norcoreanos.

O flanco máis perigoso do actual contexto é Xapón. Nin China, nin Rusia, nin EEUU, nin sequera Corea do Sur, están no punto de mira de Pyongyang. En cambio, a antipatía cara Xapón, por razóns históricas e pola súa intransixencia actual (motivada, entre outros, pola negativa a considerar a demanda de liberación dos xaponeses secuestrados polo réxime norcoreano), explica que os seus ensaios de mísiles teñan cidades niponas como destinatarios predilectos e tamén que Tokio, a modo de reacción, argumente a conveniencia dunha actualización do seu arsenal defensivo. Por outra banda, en ningunha cabeza cabe que Corea do Norte, co cuarto exército do mundo por volume de efectivos, vaia a ser atacada por ninguén. Nin China, nin Rusia, nin Corea do Sur consentirían unha acción militar na proximidade das súas fronteiras. En Washington, o carpetazo á Administración Bush e os seus métodos afastan a hipóteses de resolver o problema coreano por medios militares. Aquel “eixe do mal” pasou a mellor vida.

Outra cousa é que tan tensa situación rexional non poida derivar inesperadamente nun conflito aberto, mesmo en contra das intencións de todas as forzas presentes na zona. A interceptación e o exame de barcos norcoreanos no mar, unha das medidas que ven de extremar o Consello de Seguridade, pode provocar conflitos serios. Os ingresos de Pyongyang dependen en boa medida da exportación de armas, o que pode dar lugar a consecuencias imprevistas se as súas capacidades neste eido vense afectadas. Corea do Norte, inmersa agora en plena transición sucesoria en favor de Kim III, non pode permitirse xestos de frouxedade fronte a propios ou estraños.