Artigo publicado orixinalmente na Revista Eco Dixital do mes de maio do 2024
summit of the future

O Cumio do Futuro e a reforma das Nacións Unidas

En xaneiro do 2024, durante o o Terceiro Cumio do Sur en Kampala (Uganda), António Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas (NNUU), reuniuse cos líderes do G77 e nel apelou a que deben ser eles, os países emerxentes e en desenvolvemento, os que deben liderar os esforzos para reformar as institucións e marcos internacionais obsoletos. Os países membros do G77 representan o 80% da poboación do planeta.

Antonio Guterres foi máis lonxe e declarou “Aceptémolo: os que máis se benefician do actual sistema de goberno global é improbable que lideren a súa reforma. Por iso, o impulso ao cambio debe vir de vós”, dixo aos dirixentes. “Pídolle que continúe estes esforzos”.

Tanto o Cumio de Kampala como as declaracións de Guterres débense enmarcar no moi complexa e difusa gobernanza global das distintas crises que o planeta atravesa. O retroceso na consecución dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, a incapacidade para deter as guerras e os conflitos armados ou o avance dos efectos da crise ecolóxica e enerxética, derraman as preocupacións das últimas décadas sobre as debilidades de NNUU. En febreiro do 2024, durante a 54ª sesión plenaria da Asamblea Xeral Guterres centrou o foco “A paz é a nosa razón de ser. Non obstante, mentres miras a paisaxe do mundo actual, o que máis falta é a paz”.

Todas esas preocupacións están por detrás do documento “A nosa axenda común”, presentado no 2021, en coincidencia co 75 aniversario da creación das NNUU. O documento, máis alá de activar potenciais mecanismos para acelerar a implementación dos ODS, pon luces longas, por medios de recomendacións para abordar as lagoas estratéxicas nos acordos de gobernanza global. Xa naquela altura o documento solicitaba un Cumio do Futuro para forxar un novo consenso mundial sobre solucións multilaterais aos problemas actuais e futuros. Posteriormente no 2023 o secretario xeral da NNUU, lanzou “Unha nova axenda para a paz”, un sumario de políticas centrado no futuro da cooperación multilateral en materia de seguridade.

Con estes condimentos o Cumio do Futuro que se celebrará o 22 e 23 de setembro deste 2024 proxéctase como a cita máis relevante do sistema das NNUU nos últimos anos. Tanto o texto como o subtexto do Cumio pon sobre a mesa a necesidade de abrir conversas que catalicen a toma de decisións para unhas novas regras internacionais, que coiden as interdependencias planetarias, económicas, medioambientais, tecnolóxicas ou de seguridade. Cómprenos neste marco, a nós mesmos, ao mundo occidental, reforzar a visión da cooperación integral e asumir a complexidade e as diferenzas da sociedade internacional actual, para que deste proceso atopemos pontes de cooperación e non máis ameazas á seguridade e a prosperidade colectiva.

Criticado por moitos analistas por ter un discurso rimbombante e lonxe das expectativas reais, o Cumio terá como temas máis relevantes, por exemplo, a creación dunha Plataforma de Emerxencia (pensando en situacións de caos global como o da pandemia), o Pacto Dixital Global (da intelixencia artificial, a desinformación ou a ciberseguridade) ou a Plataforma polo Espazo Exterior (abrindo ás portas a unha exploración espacial por parte das NNUU). Ademais o Concepto 2.0 da ONU, para redefinir e empoderar o papel da organización no futuro ou a definición dunha nova arquitectura financeira internacional, son algúns dos temas que xeran máis expectativas. Con todo isto e ao final da sala, a necesaria reforma de Nacións Unidas, para atender ao mundo novo no que xa nos atopamos.

Desde os confinamentos globais pola pandemia do 2020 o mundo non parou de acelerar o seu rumbo de colisión. Aínda que dificilmente o Cumio consiga resultados sólidos, cómpre agradecerlle ao SX das NNUU, perfilar unha folla de ruta que apunte, desde o estado crítico do planeta, aos retos e as potenciais solucións dos mesmos.