O debate corso

A primeira exploración da "vía irlandesa" iniciada por L. Jospin o pasado 13 de decembro ao recibir, no Palacio de Mantignon, aos deputados corsos rachaba coa longa tradición de ignorar ás Asembleas Rexionais. Os intentos de Jospin de resolver a "cuestión corsa" provocou un rebumbio considerable en toda Francia. Primeiro foron os reclamos dun trato semellante por parte de cataláns, occitanos, vascos, bretóns, flamencos e alsacianos. Logo as disensión no seo do goberno da "esquerda plural" que rematou coa dimisión de Chevènement.

O que en principio era unha tentativa de pacificación da tensa vida corsa, converteuse nun amplo debate sobre a estructura de Estado unitario francés, ao que non é allea a proposta de Joschka Fischer sobre unha Europa Federal. As posicións son variadas. Uns, os dirixentes dos movementos culturais e/ou políticos que reclaman un trato semellante ao ofrecido aos corsos, quen non deixar de sinalar a contradicción entre facer concesións aos que empregan a violencia e seguir negando dereitos aos que sempre os reclamaron sen recorrer á mesma. Outros, van máis alá e non deixan de indicar que o camiño aberto vai na dirección da Europa das rexións, e mesmo que a Francia que soubo sacar bo proveito do Estado-nación centralizado debe decatarse de que hoxe é ese modelo o que a fai feble, polo que debe prepararse para a inmediata rexionalización de Europa.

As diferencias entre uns movementos e outros e grande. Mentres na Bretaña hai unha importante reivindicación cultural, a actividade política, autonomista ou independentista, é escasa e mesmo aparece lastrada polo historia despois de caer nas redes das falsas promesas da Alemaña nazi. Na Alsacia, a maioría da poboación fala alsaciano e as reivindicacións do ensino desta lingua teñen moito máis que ver coa abafante presencia da potencia económica alemana que coa reivindicación nacionalista, coutada tamén pola lembranza das dúas guerras europeas o que non empece para que se reclame, cada día con máis forza, unha Asemblea Rexional. Na Cataluña, a situación da lingua e bastante peor mais mantense forte entre os sectores populares, mentres, os sectores empresariais non deixan de mirar gorentosos cara a formidable Barcelona e reclamar unha maior proximidade dos poderes políticos. O caso que máis preocupa en París é o vasco, nomeadamente polo que ocorre ao outro lado da fronteira, aínda así a creación dun departamento vasco é contemplada como unha posibilidade por Jospin mentres que para Michèlle Alliot-Marie, alcaldesa de Saint-Jean de Luz e líder do RPR, sería unha ameaza para a paz civil ao tempo que ataca con dureza a "solución corsa" apuntada por Jospin.

No debate introduciuse de xeito explosivo Jean-Pierre Chevènement ao dimitir como Ministro do Interior. O líder do Movemento dos Cidadáns (MDC), quen xa descualificara a proposta de Fischer sobre a Europa Federal, ven de afirmar que os nacionalistas corsos, aos que comparou con Le Pen pero con bombas, son antifranceses e polo tanto deben ser combatidos con todas as forzas. Chevènement pretende converterse na referencia da tradición republicana e de esquerdas, no referente do xacobinismo máis radical. Apoiado polo intelectual Sami Naïr, vicepresidente do seu pequeno partido, quere polarizar ao redor do MDC a idea de Francia como "comunidade de cidadáns" tomada de teóricos do s. XIX como Sieyés ou Renan. Sabe que o seu populismo é ben recibido en amplos sectores da opinión pública e mesmo lle pode axudar a limitar o ascenso dos Verdes, partidarios dunha maior descentralización, e restarlle así influencia nunha posible reedición do goberno da "esquerda plural", xunto cos dous grandes, PSF e PCF.

Ao debate tamén se sumou o ex primeiro ministro Michel Rocard, quen nun clarificador artigo, significativamente titulado Corse: jacobins, ne tuez pas la paix!, publicado en Le Monde, apoia o proxecto de Jospin e a súa valentía.

A xestión de Jospin é difícil de poñer en cuestión. Cando ninguén apostaba por el, foi quen de concretar un proxecto común da esquerda, sacar ao PS do marasmo no que o tiña deixado o período de Mitterrand, manter un crecemento económico sen seguir as receitas económicas dominantes (xornada de 35 h., reducción de impostos, cautela nas privatizacións, etc.) e mesmo promover a reducción do mandato presidencial. Agora impulsa unha suave reforma do Estado e preparase para gañar as presidenciais e asegurar a continuidade dun goberno de esquerdas.