O debate sobre a ampliación da UE queda aberto

A Comisión Europea aprobou, o pasado mércores, a estratexia de ampliación da UE. Sobre a proposta da Comisión deberá decidir o Consello Europeo a celebrar en decembro en Helsinqui. Aínda que non se estableceron datas definitivas para as negociacións sinalouse que as primeiras novas adhesións poderían producirse o 1º de xaneiro do 2003 sen que esto supoña obriga ningunha. O Executivo proporá ao Consello o inicio das negociacións con seis estados (Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Letonia, Lituania e Malta) que se sumarían aos seis cos que neste momento xa se teñen conversas (República Checa, Polonia, Hungría, Eslovenia, Estonia e Chipre). Turquía quedou fora deste grupo mais pasa a ser candidata.

A Comisión Prodi, empurrada polo comisario de Ampliación, o alemán Günter Verheuguen, amosouse disposta a acelerar o proceso de integración de novos estados segundo o proceso deseñado, hai meses, polo chanceler Schröder. Deste xeito establécense tres niveis na ampliación, o dos estados cos que xa existen negociación, o daqueles cos que que se van comezar e un terceiro con Turquía á espera.

As teses alemanas favorábeis a acelerar o proceso de ampliación conta co apoio de Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Holanda. Luxemburgo e Suecia. Tamén co de Italia e a Gran Bretaña, aínda que estas son máis restrictivas e reducen o primeiro grupo de seis a tres (Eslovenia, República Checa e Polonia) que poderían incorporarse a comezos do 2003 ou 2004.

As diferencias entre París e Berlín, que en última instancia reflicten as diverxencias entre a socialdemocracia europea, van en aumento. Francia négase a entrar en detalles técnicos sobre o proceso e insiste en que antes de comezar a negociar sobre unha futura ampliación compre iniciar un debate interno para avanzar nos aspectos sociais e na construcción dunha Europa dos cidadáns e saír, deste xeito, da parálise política actual que contrasta cos avances económicos, monetarios e comerciais da Unión. A posición francesa conta co apoio tímido de Portugal e Irlanda, mentres que o español non se ten pronunciado con claridade. A polémica semella aberta.

A extensión da proposta a doce estados ten a virtude de incorporar a algúns que non teñen unha gran dependencia da economía alemana, se ben incorpora a todos aqueles nos que os intereses alemáns son substanciais, agás algunhas repúblicas ex iugoslavas. As posibilidades destas e Albania dependerían das condicións políticas, do recoñecemento mutuo de fronteiras e de que demostren ser capaces dunha integración económica rexional. Cuestión esta que semella ir para longo.

Con Noruega e Suíza fora por desexo propio, quedarían ao marxe desta estratexia de ampliación Rusia e Bielorrusia, polas súas dimensións, as repúblicas caucásicas e os países do Magreb, cos que se propoñen diversos xeitos de asociación. O máis complexo caso da Ucraína queda tamén fora deste deseño de ampliación.

Unha UE de 28 membros ou máis, si se incorporan os estados balcánicos, demanda unha transformación radical do funcionamento da Unión, ou mellor, como ten exposto Jacques Delors, unha "nova fundación" da mesma. En todo caso a UE camiña cara o Leste.