Quen ousaría negar ou discutir o dereito á alimentación1? Semella unha noción intrínseca ao dereito á vida, mais segue sen cumprirse. Segundo os datos oficiais do último informe anual da ONU de 2023 sobre o Estado de Inseguridade Alimentaria (coñecido como SOFI), ata 783 millóns de persoas, preto de unha de cada dez, pasaron fame en 2022 en todo o mundo.
É dicir: que se alimentaron dun xeito insuficiente para poder levar unha vida normal, activa e saudable; que, durante períodos prolongados, non souberon cal, nin cando, sería a súa próxima comida.
Máis grave aínda é a tendencia negativa desde o 2020, que quebrou dúas décadas de progreso notable. Malia algunha leve mellora rexional en Asia e Sudamérica no último ano, a prevalencia da subnutrición subiu do 7,9% ao 9,2% desde 2019, sumando 122 millóns de persoas. As zonas rurais (33%) seguen sufrindo a inseguridade alimentaria2 en maior medida que as cidades (26%). O paradoxo máis perverso é que os medios de vida da maioría (70%) dos que pasan fame dependen directamente do sector agrícola.
O dereito á alimentación fracasa tamén porque catro de cada dez persoas, máis de 3.000 millóns de persoas en todo o mundo, non poden permitirse unha dieta saudable, coas consecuencias físicas e mentais que supón, de xeito especial na crianza.
O SOFI destaca as mesmas causas de anos precedentes: o aumento de conflitos e guerras, as crises económicas (entre elas, as consecuencias da pandemia de COVID-19 ), a intensificación dos efectos da crise climática sobre a variabilidade climática e eventos extremos; todas elas combinadas coa desigualdade e a consecuente inaccesibilidade aos alimentos saudables. Os factores agrávanse uns aos outros.
Aínda que poida semellar contrario ao sentido común, a produción agrícola, a escaseza material, non é a clave do fracaso do dereito á alimentación. A escaseza de xustiza na distribución e ao acceso é a razón principal que impide cumprir co dereito á alimentación… porque hai comida para todos. Estímase que hai alimentos para uns 10.000 millóns, a repartir entre máis de 8.000 millóns de seres humanos. De feito, entre 1960 e 2016, a produción calórica mundial incrementou en 217% mentres que a poboación medrou nun 142%. Non obstante, cumprir co dereito á alimentación vai máis aló dun satisfacer un saldo calórico; por iso mesmo, sen vontade política nunca se realizará.
Non entramos neste artigo na perda de alimentos desde a colleita ata o consumo (14% do total), así como o desperdicio por parte do consumidor (17%), nin tampouco en cómo as dietas inflúen no reparto.
2023: Consenso no novo foco
En 2023, a comunidade internacional, liderada pola ONU, profundou no enfoque de sistemas alimentarios, que supera o tradicional énfase sobre o incremento da produción agrícola e a produtividade. O foco vense ampliando aos sistemas agroalimentarios que abranguen toda a cadea alimentaria. Desde qué se produce e cómo se produce, ata o consumo de alimentos, pasando polo seu procesamento, almacenamento ou transporte. Tamén inclúen calquera aspecto ambiental. Trátase dunha visión de conxunto que pretende acompasar esforzos coa acción climática. Os sistemas alimentarios son responsables dun terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), dun 80% da perda de biodiversidade, e dun 70% do consumo de auga; e polo tanto son elemento fundamental na solución.
Tras o segundo cumio de Sistemas Alimentarios celebrado en xullo (UNFSS+2), a FAO publicou en decembro un informe sobre o verdadeiro custo dos alimentos para transformar os sistemas alimentarios, para que sexan resilientes, inclusivos e equitativos. O informe salienta a necesidade de pór prezo a cada un dos factores, especialmente os medio ambientais; e estima que os custos ocultos dos sistemas agroalimentarios atinxen os 10 billóns de dólares, equivalentes a case un terzo do valor engadido da produción agrícola. Os custos, por exemplo, refírense aos problemas de saúde relacionados coas dietas non saudables que, ademais, rebaixan a produtividade laboral, sobre todo en países de renda media e alta. Os custos medio ambientais representan un 20%. Eses custos ocultos supoñen unha carga maior nos países pobres (27% do seu PIB).
A outra cara da moeda son as oportunidades. Segundo o recente informe Global Policy Report: The Economics of the Food System Transformation, transformar os sistemas alimentarios traería un beneficio económico de 5 billóns de dólares ademais de se convertiren nun sumidoiro neto de carbono. Como vén insistindo o FIDA, o custo da inacción e moito maior có de poñerse mans á obra: financiar a transformación custa o equivalente ao 0,5% do PIB mundial. Mais os sistemas alimentarios seguen quedando atrás en financiamento. Os fondos do clima medraron no seu conxunto entre 3 e 4 veces máis cós fondos específicos para os sistemas agroalimentarios. Unha vez más, é unha cuestión de vontade política.
Por outra banda, este enfoque holístico para realizar o dereito á alimentación, que goza dun forte consenso internacional, enfróntase contra un tsunami de intereses nacionais e privados, nun contexto de descenso xeralizado do financiamento público. Como se vén sinalando nas últimas edicións do SOFI, só poderemos rematar coa fame, inseguridade alimentaria e malnutrición se fortalecemos a resiliencia aos principais factores e causas citadas anteriormente, namentres abordamos as desigualdades para lograr que as dietas saudables sexan accesibles para todos. Engadiría: co compromiso, colaboración e participación activa do sector privado —outro factor con grande marxe de mellora— e coa redirección do apoio público cara o incremento de dispoñibilidade de alimentos nutritivos.
2024: Incerteza e volatilidade
O Foro Global de Alimentación e Agricultura celebrado en xaneiro en Berlín devolveu o dereito á alimentación, como formulación expresa, á primeira plana no comunicado final da 16ª Conferencia de Ministros de Agricultura, ligado á transformación dos sistemas alimentarios e reforzou o consenso de 2023.
E ata aquí, a análise; agora, a realidade. De onde sae o financiamento? Ou quen lidera a transformación… nun taboleiro xeopolítico axitado que semella dirimir un delicado cambio de orde mundial (que trata de evitar unha gran guerra)? Ao igual que na Guerra Fría, os peóns das grandes potencias móvense lonxe dos seus territorios, principalmente en África e Oriente Próximo e Oriente Medio. Todo iso acontece mentres os científicos non deixa de soar as sirenas ante unha situación, a crise climática, que pon en xaque o estilo de vida humano (ou occidental) baseado no consumo e no crecemento ilimitado (nun mundo de recursos finitos). A maior parte dos prognósticos da ciencia seguen a cumprirse e mesmo a quedárense curtos, mais o ser humano, ou o capitalismo, semella non ter a visión de futuro necesaria para chegar a acordos globais, e abordar en conxunto os retos que transcenden os intereses particulares ou nacionais.
Neste contexto xeopolítico volátil e tenso, priorizar o dereito á alimentación sobre a crecente necesidade de axuda humanitaria (Gaza, países do Sahel, Somalia, Sudán, Sudán do Sur, Yemen… só por citar as crises máis agudas) semella unha utopía, mesmo sabendo que os beneficios compensan amplamente o custo de abordalo. Quizais talvez esa dicotomía sexa o maior erro. A axuda humanitaria non debería lastrar os investimentos de longo prazo. Infelizmente, a realidade cotiá é que os fondos saen da mesma hucha. Non falemos xa de xustiza.
- 1 “O dereito á alimentación é un dereito inclusivo. Non é simplemente o dereito a unha ración mínima de calorías, proteínas e outros nutrientes específicos. É o dereito a todos os elementos nutritivos que unha persoa que precisa para vivir unha vida activa e saudable, e aos medios que permitan o acceso aos mesmos”.
- 2 A inseguridade alimentaria é un termo máis amplo que a fame. Abrangue unha escala de grises que van desde a falta de acceso constante a comida, cualificada como inseguridade alimentaria moderada, até a inseguridade alimentaria severa, que corresponde coa descrición da fame feita no primeiro parágrafo do texto. A clasificación IPC desglosa as distintas fases e características, desde mínima a catastrófica (condicións de fame ou gran fame).