20051101csu edmund stoiber

O desgoberno alemán

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Edmund Stoiber, clic para aumentar
Logo das dimisións de Müntefering e Stoiber (na foto), a incerteza é tanta que as pitonisas comezan a augurar unha reedición das eleccións para marzal do 2006, onde poderían consolidarse os conservadores cunha maioría máis sólida, ou ben a reformulación da coalición, abandonando as conversas cos socialdemócratas para abrirse a novas metas cos liberais e os verdes no que se deu en chamar a opción "xamaicana".
 

Que se esconde detrás do conxunto de dimisións "tanto a esquerda como a dereita" dentro da mesa negociadora do futuro goberno alemán? Chegada a posibilidade de gobernar para o tándem cristián demócrata da CDU/CSU, e de manterse no poder no caso dos socialdemócratas do PSD, Franz Müntefering, o presidente deste último, e Edmund Stoiber, o primeiro ministro do länder de Baviera e presidente da CSU, decidiron saírse do guión, deixando atrás un panorama negociador incerto, para uns, e claramente despexado para a candidata a Chanceler, Ánxela Merkel, segundo outros. Dende a distancia, resulta dificilmente incomprensible que dous meses despois da celebración das eleccións nunha das máis importantes democracias occidentais, e nun dos países máis avanzados do mundo, non exista goberno nin se saiba aínda con certeza cal podería ser a coalición que sosteña o futuro chanceler.

En definitiva, a paisaxe diante da candidata con máis posibilidades a dirixir o goberno "Ánxela Merkel" preséntase de forma ambivalente. Dunha banda, a situación está igual que despois do resultado electoral do 18 de setembro, e por outra, algo nos fai percibir que houbo cambios respecto daquelas datas. Todo está igual, porque a pesares de que se trata de convencer ó publico de que hai avances nas negociacións, aínda non se sabe ben con quen se gobernará. Logo das dimisións de Müntefering e Stoiber, a incerteza é tanta que as pitonisas comezan a augurar unha reedición das eleccións para marzal do 2006, onde poderían consolidarse os conservadores cunha maioría máis sólida, ou ben a reformulación da coalición, abandonando as conversas cos socialdemócratas para abrirse a novas metas cos liberais e os verdes no que se deu en chamar a opción "xamaicana".

Máis aló das aparencias, a paisaxe cambiou para Merkel porque a saída de Stoiber aclaroulle a confianza no seu equipo e debilitou ó negociador rival "o PSD" , dada a boa sintonía que existía entre Stoiber e o presidente do SPD, Franz Müntefering. Aínda que poida parecer paradoxal, dous representantes bávaros da dereita alemana, Stoiber e Horst Seehofer, estaban máis próximos á defensa do rol do Estado e da protección social do SPD, que da promoción das medidas liberalizadoras dos compañeiros cristián demócratas, e en concreto da corrente máis reformista que dirixe Merkel. A evidente rivalidade Merkel-Stoiber estivo presente en toda a campaña, e non era o momento de abandonala en plena negociación. Sen embargo, o illamento de Stoiber, que nunca acabou de encaixar a derrota contra Schroeder no 2002, faríase patente nun goberno cheo de inimigos agora que perdía a contraparte no SPD.

Sen oposición na súa propia casa, Merkel será capaz de impoñer de forma contundente as súas prioridades, reforzada polos resultados electorais en Dresde e as ultimas baixas durante as negociacións que cortaron as pontes entre cristián demócratas do CSU e social demócratas do PSD. Stoiber foi recambiado por un home da casa favorable a Merkel, Michael Gross (o vicepresidente do grupo parlamentario CDU-CSU), a quen coñece ben. Stoiber obstaculizara a entrada de Michael Gross nas quinielas encamiñadas á formación dun futuro goberno. Sen este atranco, consolidase unha plataforma de centrodereita homoxénea á hora de negociar as contrapartidas nos acordos de goberno.

Coa ruptura de equilibrios na mesa negociadora, co fortalecemento da CDU-CSU e da perda de firmeza negociadora no SPD, a Merkel ábreselle a posibilidade de decidir como goberna e con quen. Guido Westerwelle, o líder dos liberais volve aparecer nos medios dulcificando as súas posturas programáticas nun intento de parecer atractivo, e atraer a formación dun goberno con eles e cos verdes. E curiosamente, o PSD que parece desincharse, substituíu a baixa de Franz Müntefering por un home da Alemaña do leste (como Merkel), que é o actual ministro-presidente de Brandenburgo, Matthias Platzeck. Deste xeito, trátase de convencer a Merkel de que a gran coalición é posible en vista de que este home xa goberna en coalición cos cristián demócratas no seu länder.

A fin de contas, o "appeal" da dereita incrementouse simplemente co cambio de perfil (e de intereses) das persoas que negocian por parte de cada coalición. Agora, todos parecen cortexar á dereita alemana con vistas á participación no próximo goberno.