Bandeira que é deturpación non autorizada da de Sergio del Molino. Ensaísta que, sen querelo, lanzou un cento de plataformas. Desde aquela, acordáronse unhas Directrices sobre o Reto Demográfico -termo politicamente máis aséptico que tamén inclúe a sobrepoboación, co ollo posto na financiación autonómica-, varias leis autonómicas, estratexias e congresos, ata una Vicepresidencia do goberno central. Co gallo dos fondos europeos 2021-2023 acuñaramos en Bruxelas, tras moita resistencia, a primeira definición europea de despoboamento como descenso demográfico – unha caída do 1% interanual, a nivel de provincia ou concello-. Sobrepasouse asimilar despoboamento a pouca densidade, intrínseca a moitos sitios remotos, usada para dar fondos a Escandinavia. É tempo se analizar que quedou tralo suflé político-emocional destes anos.
Xerais publicou en novembro “A Galicia do século XXI”, obra colectiva de profesores da facultade de Socioloxía da Coruña que da conta das grandes transformacións económicas, medioambientais, demográficas e culturais que está a experimentar o noso país. Tendencias maiormente inevitables ou coma mínimo (caso do declive do idioma) só reversibles aplicando enormes esforzos.
Semanas despois, o Consello de Contas dictaminou que as actuais políticas contra o declive demográfico non é que sexan ineficaces, é que realmente nin tentan afrontar o problema. Ante esta conxuntura cabe preguntarse se queremos tomar decisións por nós mesmos, ou ben que “Madrid” ou “Europa” nos solucionen os problemas. Ou que se solucionen por si mesmos: no caso demográfico, decidir a política de non facer nada e fialo todo aos inmigrantes económicos de ultramar…e aos futuros refuxiados climáticos do sur de España. Mesmo unha non-política precisa xestionar os cambios.
O Consello de Contas, na súa crecente liña de non só fiscalizar o gasto senón tamén a eficacia das políticas, publicou este dezaoito de decembro un informe , froito da colaboración cos homólogos de Aragón e Navarra, sobre as medidas de concellos, deputacións e Xunta para abordar o reto demográfico. Centrouse nos noventa e catro concellos de menor poboación que se axustan á nova definición europea. Os resultados non son sorprendentes: desde 2010 a poboación galega descendeu un 3,83% pero un 20,85% nestes concellos. Os concellos máis despoboados son o 30% do total de concellos de Galicia pero recibiron un 13,78% dos fondos europeos en 2021. E só un 5,10% dos fondos do Plan de Recuperación, malia ser o único con liñas de financiamento específicas para este problema.
Cabe pensar se en clave galega este é un debate que nos pilla de rebote, por reflexo de cando o activismo territorial sobre todo de Soria, Teruel e Cuenca chegou á cámara de eco madrileña. A fusión de concellos coma escusa para evitar a comarcalización en áreas funcionais, que si recomenda Europa. A Lei galega 5/2021 fala de garantir servizos básicos pero queda en programática. Os fondos europeos de Galicia non articulan medidas específicas para eses territorios, malia as orientacións recibidas da Comisión Europea. Non falemos dun Plan para o Interior, xestionado con deputacións e concellos.
O despoboamento é un problema se queremos que o sexa. Non está claro que a elite político-económica e a propia cidadanía teñan unha visión que non sexa a de concentrar a poboación do país dos 40,000 asentamentos e 4.000 parroquias -que seguen sen ter existencia xurídica, coma en Portugal, malia o previsto no Estatuto- nunha ducia de zonas urbanas inzadas de mazacotes verticais, e non por iso planificadas conxuntamente. Iso ou emigrar -en AVE- traballar nunha das catro torres de Madrid. Se ese é o santo que queremos, podemos pedirlle á OCDE que nolo vista: “smart shrinking” é o abandono programado da maioría do territorio.
O que a OCDE chama “contracción intelixente” é prever a retirada progresiva do territorio: anticipar, con moito tempo, cando hai que pechar servizos no Hospital de Verín ou as escolas rurais, que alternativas e medidas compensatorias tomar (por exemplo, inversión en infraestrutura xeriátrica ante a bomba de senilidade que nos vén enriba, e onde). Para que, sabendo que servizos esenciais hai hoxe e existirán (ou non) no futuro, o cidadán poida libremente decidir onde quere vivir. Ignorar o “dereito a quedar” que a Comisión Europea recolleu do Informe Letta.
A demografía ten un enfoque complexo e continxente no contexto europeo, con moi poucos Estados Membros e menos as institucións comunitarias entendendo o concepto “despoboamento” tal como o coñecemos no contexto español. Algo mellor se entende o máis aséptico “reto demográfico” no eido institucional pero a nivel de activismo político e territorial a noción española de despoboamento ten que facerse valer verbo da moito máis apoiada de “fuga de cerebros” (Leste de Europa) que entende o problema desde unha perspectiva macro e social e non micro e territorial coma a noción española. Pero o que está claro e que sen ter a entidade coma a deriva do estado de Dereito e a xeopolítica xa non é unha cuestión menor. De feito o despoboamento/demografía conéctase con eses dous outros desafíos: a inseguridade económica e o desafecto político (que leva a mirarse no espellismos autoritarios) está a miúdo enraizado na chamada xeografía do descontento dos territorios que non importan.É por iso polo que existe dunha estratexia europea xa en formación (demographic toolbox), da que o “dereito a quedar” de Letta é a última manifestación.
Xestionar a decadencia e abandonármonos ao fatalismo é unha opción. A outra é gobernarmos para tódolos galegos. Levamos catro décadas de pensamento máxico con cargo aos fondos europeos: diñeiro regalado para inversións suntuarias sobre todo en infraestruturas (por exemplo, inzar de parques infantís onde non hai nenos) esperando que por si soas contrarresten o pulo das enormes forzas ás que estamos sometidos. Moita inversión pero pouca coordinación. Sen consensos entre forzas políticas, administracións, actores económicos e sociedade civil. Podemos seguir así ou facer algo revolucionario: acordar as grandes liñas para os próximas décadas. Iso é o que pide a UE: Galicia ten un plan para cada fondo europeo que hoxendía non prevén case nada, nin onde se investirá, e que malia cubrir o período 2021-2027 a xaneiro de 2025 ten gastado o 2%. Dito plan, malia cubrir varias lexislaturas, nunca se acordou no Parlamento. Apenas foi consultado coas forzas socioeconómicas. Coma noutros territorios, independentemente da cor do goberno, é unha billeteira a disposición da Consellería de Economía correspondente para ir gastando en función das necesidades. O “ti vai facendo” aplicado á política económica. Resultado: ao final, coma en períodos anteriores, os cartos iranse gastando na súa maioría (do período 2014-2020 quedou un 5%) nas zonas máis urbanizadas, en grandes inversións que absorban rápido os fondos. Sen unha avaliación obxectiva de se as inversións afectaron directamente os desafíos que afrontamos.
A alternativa: anticipar esas transformacións e decidir onde investir. No caso do declive demográfico no interior galego – das zonas máis afectadas de Europa- pór en marcha un “Plan Interior” conxestionado con concellos e deputacións, no que se definan e se prevexan a futuro -vinte, trinta anos- servizos esenciais. Gobernar é decidir.

