Os resultados electorais deste domingo en Dresde, que lle outorgan unha cadeira adicional ós representantes conservadores da CDU-CSU, son un respiro psicolóxico para Ánxela Merkel. Os socialdemócratas, enrocados na súa teima de non ceder a chancelería estaban a preparar o terceiro encontro exploratorio que terá lugar o mércores 5 de outubro, coa intención de impulsar a Gerhard Schröder, no pulso polo temón xermano. Agora, cunha vitoria máis ben sectorial, simbólica e psicolóxica "logo de que se frustraran as expectativas dos conservadores, que gañan por unha vantaxe irrisoria e que obtiveron o terceiro peor resultado dende a posguerra", os conservadores alemáns, poden permitirse poñer sobre a mesa (e impoñer) unha das dúas esixencias previas, a que tiña unha maior forza mediática: a faciana do Chanceler para os próximos catro anos.
Nas discusións que configuran o futuro goberno alemán, hai dous puntos singulares que se conxugan establecendo liñas de diálogo dentro do que é o pacto de conformación do novo executivo: o nome da persoa que ocupará a chancelería, e o programa de goberno. Non obstante, os temas de discordia non ocultan o que a ollos dos profanos é algo excepcional e contra-natura: a formación dunha grande alianza entre os dous grandes partidos da dereita e da esquerda.
En efecto, a columna que vertebra o cisma ideolóxico "o nadir e o cénit da democracia" é o eixo esquerda-dereita, no que se basean as democracias occidentais modernas. Na práctica, só en momentos cruciais de reforma das regras, establecemento de sistemas electorais ou en circunstancias de excepcionalidade nacional, ou de afectación de decisións sobre a soberanía "como por exemplo, durante os referendos sobre a Constitución Europea", se chegar a cruzar esta ponte, que asenta obxectivos comúns de campaña, ou consensúa posturas intermedias de acordo.
Nestas eleccións lexislativas anticipadas alemanas do 18 de setembro, a reacción inmediata despois dos comicios, foi unha atracción política, practicamente irresistible, entre a esquerda do SPD e a dereita CDU-CSU, sen barallar profundamente, unha alternativa tripartita, que puidese acaer mellor ós postulados ideolóxicos de cada corrente. A poderosa patronal xermana apelaba á concentración nacional.
Descartada outra alternativa, tal vez pola complexidade maximalista dos "partidos gonzo", as forzas bisagra, Óscar Lafontaine, Gregor Gysi, Fischer e Guido Westewelle "todos eles líderes de partidos minoritarios", quédanse por tanto, no "paro". Fóra de toda participación no poder executivo, e asumindo, suponse, unha oposición dura, pero non sempre doada, ás medidas do futuro macrogoberno, que pretende consensuar unha política de man á tesoira, recortando ese estado do benestar que os socialdemócratas din querer respectar como prioridade nas medidas propostas por medio da Axenda 2010, que Merkel, dende unha aproximación estratéxica, desexa compaxinar coas necesarias condicións de flexibilidade para a empresa.
Que non teñamos alternativa ó macrogoberno alemán, que crea un precedente do que é posible para outras democracias, só é comprensible pola existencia dunha desmitificación ideolóxica que veu a luz no fin da guerra fría, ou ben polo dirixismo económico e a imposición de directrices por parte do capital internacional especulativo, que non deixa marxe de manobra ós gobernos nun contexto de indiferencia entre as cores políticas, ou "o que parece menos convincente", polo conservadorismo da masa electoral que non aposta por alternativas ós poderes tradicionalmente gobernantes. O achegamento programático, entre os partidos que limitan co centro político, tanto pola dereita coma pola esquerda, é un segredo a voces, e ninguén pode afirmar honestamente, que a terceira vía existe. Cando menos nesta Alemaña.