O anuncio do reinicio das actividades nucleares en Irán, coincidindo coa investidura de Mahmud Ahmadineyad, o novo presidente, tamén acusado de formar parte da brigada de ocupantes da embaixada estadounidense en Teherán durante a crise de 1979, e a nova rolda de conversas hexapartitas arredor da cuestión norcoreana, sitúa novamente a proliferación nuclear no epicentro dos debates internacionais.
Obviamente, aínda que as necesidades enerxéticas constitúen o argumento de ambos países para sustentar a opción atómica, na súa mente tamén está a necesidade de proverse das maiores garantías para afrontar unha crise armada con EEUU e as potencias occidentais. Washington incluíu a estes dous países no eixe do Mal e en Teherán a preocupación medrou nos últimos meses ao transcender que un dos debates principais na reunión do Clube de Bilderberg na xuntanza deste ano foi a expansión do conflito en Oriente Medio que abriría o capítulo iraniano. Para moitos, o conflito está decidido e só cabe agardar a batería de argumentos preparados para xustificar unha agresión.
A opción nuclear adquire así a tonalidade propia dunha blindaxe en toda regra que preserve non soamente as necesidades enerxéticas do país, que poden ser certas, senón igualmente as expectativas de supervivencia e de soberanía política de determinados réximes. Na súa defensa argumentan ademais a cuestionable vara de medir que se aplica a uns e outros países, en función do seu aliñamento coas posicións occidentais. Os casos de Israel ou Paquistán son ben coñecidos, pero igual podemos falar do mesmo en relación a Xapón ou a Taiwán, por exemplo, que dispoñen da tecnoloxía necesaria para producir a arma atómica en calquera momento.
O Tratado de Non Proliferación perdeu credibilidade desde o momento en que foi concibido para evitar a proliferación de estados nucleares, empeño loable, pero que debía ir acompañado dun severo compromiso das potencias nucleares de avanzar nun desarme progresivo que poida permitirnos pensar na súa erradicación da face do planeta. Ao non facerse así, a posesión do arma nuclear converteuse nun privilexio duns poucos poderosos e nunha garantía de seguridade que pode servir de amparo a todo tipo de réximes.
Durante a guerra fría, o diálogo nuclear representaba un expoñente singularísimo da complicada pero encarreirada relación entre as superpotencias. Despois dela, o factor nuclear –e militar en xeral– debía perder peso nas relacións internacionais, permitindo a transformación do dividendo da paz en oportunidades para o desenvolvemento e o progreso da maioría da humanidade. Pero os bos propósitos case sempre se trabucan, e para desgraza de moitos, aquel residuo nuclear, ostentado como monopolio, pretende ser obxecto de exclusividade por aqueles que aspiran a conservar unha posición hexemónica nas relacións internacionais e a debuxar un mundo acorde cos seus intereses. Como xa comprobamos en Bagdad ou en Kabul, esa política é tan perigosa como a de Teherán ou a de Pyongyang e pode conducir a crises dunha enorme envergadura que compre evitar. ¿Por que non se fala de desarme ademais de non proliferación? ¿Ou acaso non son todas armas de destrución masiva?