O efecto tango traspasa o Río da Prata

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Arxentina segue mergullada nesa paz tensa, propia dos cimeterios, presaxio dun temido estoupido colectivo. Na quietude da impotencia foron repousando as caceloradas, os piqueteiros, as folgas…convencidos que non existe un máis alá mellor, ou alomenos non se ten a perspectiva adecuada para ollalo a traveso do corralito, da inflación, do paro, da recesión superior ao 10% agardada para o 2002.

Pero o fatalismo do efecto tango, que irradia a capital porteña xa navega polo Río da Prata para cubrir de malos agoiros ao Uruguai. Crise, incerteza e caceloras xa non son patrimonio do país austral.

Nos catro primeiros meses do ano, as exportacións que chegan á Arxentina dende a outra banda do Río da Prata, teñen minguado nun 70%, a respecto do mesmo período do 2001, segundo informa o xornal El País da capital Uruguaia. Un dos piares da economía deste pequeno país do Mercosur é o turismo, pero para o 2002 está previsto unha reducción de ingresos neste sector superior ao 50%. Xa no ano pasado se tiña rexistrado unha forte diminución de visitantes arxentinos, que tiñan por costume tomar masivamente as praias de Punta del Este, coas billeteiras repletas de pesodólares.

Segundo o informe do Instituto de Economía, no que se lle toma a tensión á economía arxentina, se detecta que dende o ano 1999 teñen baixado en 20 puntos as pulsacións do PIB, e coa apertura do corralito témese un paro cardíaco no corazón da economía, no seu sistema financeiro. Nesta suma debilidade non é ten nada estraño que Arxentina caese nestes tres últimos anos ata o cuarto posto da escala de socios comerciais, cando estaba situado nun privilexiado segundo lugar.

Como medida preventiva o goberno Batlle puxo en marcha un duro plano de axuste que inclúe alzas xeneralizadas de prezos nos servicios básicos e un aumento dos impostos. Pero o custe do impacto na maioría da poboación ten levantando ondas crecentes de descontento que periodicamente axitan as cacerolas, tomando o relevo daquelas que na transición do 2001 ao 2002, soaban do outro lado do Río da Prata , fronte a Casa Rosada.

Os dous puntos porcentuais que pode caer o PIB uruguaio, arrastrado pola crise arxentina, sumado a caída en 470 millóns de dólares na exportacións, son demasiado lastre para un país, que pasou de aspirar a ser a Suíza de América á ser a Bruxelas do Mercosur.

Apertada polas dúas potencias do Mercosur, Uruguai depende, en demasía do futuro de Brasil e Arxentina.

Pouco pode axudar a xenerar un clima de confianza as declaracións da máxima autoridade uruguaia á cadea Bloomberg, nas que manifestou "Os políticos arxentinos son unha manga de ladróns, desde o primeiro ao último. Isto levou o país á ruína".

O presidente Batlle soña cunha abrir unha vía de respiración directa cos EEUU, mediante un TLC (Tratado de Libre Comercio). No seu haber ten haber apadriñado o documento de condena a Cuba, distanciarse criticamente do goberno arxentino, e ser un bó discúpulo do FMI… pero terá que pórse a cola das outras prioridades norteamericanas no continente.