20050425lome togo emmanuel akitani bob

O enredo de Togo


 Emmanuel Akitani Bob, clic para aumentar
A saída electoral trouxo ó país un albisco de esperanza: un cambio pacífico e lexítimo era posible. Unha fronte conxunta de seis partidos decidiu apoiar ó mesmo candidato da oposición para asegurar un cambio de rumbo en Togo. Emmanuel Akitani Bob (á esquerda na foto) foi o elixido para arrebatar o poder á Agrupación do Pobo Togolés, o partido no poder.
 

Togo é un pequeno país de África occidental situado entre Ghana e Benin, unha rexión maioritariamente agrícola que sobrevive duramente grazas ás exportacións cara estados próximos ó seu territorio. O porto principal e capital, Lomé, constitúe unha entrada estratéxica cara a África occidental. O xeneral Gnassingbé Eyadema, no poder dende 1967, exerceu o poder de forma autoritaria dende o comezo do seu mandato ata o día da súa morte, acontecida en febreiro último.

O intento de Gnassingbé Eyadema, logo de detentar o poder durante 38 anos, de deixar como sucesor ó seu fillo, Faure Gnassingbé, apoiado polo exército, feito considerado un golpe de Estado, desbordou a paciencia dos togoleses. A pretensión frustrouse rapidamente, grazas ás presións internas e internacionais (CEDAO, Comunidade Económica de Estados de África Occidental, e a Unión Africana), accedendo a convocar uns comicios para elixir un novo presidente, anque as protestas foron a máis a medida que se achegaban as elecións.

A saída electoral trouxo ó país un albisco de esperanza: un cambio pacífico e lexítimo era posible. Unha fronte conxunta de seis partidos decidiu apoiar ó mesmo candidato da oposición para asegurar un cambio de rumbo en Togo. Emmanuel Akitani Bob foi o elixido para arrebatar o poder á Agrupación do Pobo Togolés, o partido no poder.

Akitani xa vencera nas eleccións de 2003 ó antigo dictador Gnassingbé. O dirixente de Forzas Unidas para o Cambio, principal partido da oposición, colleu as rendas do partido ó sufrir un intento de asasinato o anterior candidato, refuxiado en París desde 1992.

Outros candidatos foron Harry Olympo e Nicolas Lawson. Este último renunciou á súa candidatura en previsión dun masivo fraude que xa se viña prognosticando por diferentes instancias e observadores.

Os resultados das eleccións deron como vencedor ó fillo do xeneral falecido, Faure Gnassingbé, cunha maioría absoluta e o 60% dos votos. O líder da oposición radical, Akitani, conseguiu o 38,19%; Harry Olympo, un 0,55%; e Nicolas Lawson, aínda que retirado da carreira presidencial, obtivo pouco máis do 1% dos votos.

As disputas electorais entre os poucos candidatos ás presidenciais son unha burbulla privilexiada se temos en conta que a metade da poboación de Togo vive baixo o limiar da pobreza e unha grande porcentaxe vive en condicións de extrema indixencia. Moitas persoas están contaxiadas do virus da SIDA, e un dos males endémicos no país é o tráfico de nenos, que vai da man da pobreza.

A pesar dun réxime autoritario e unha poboación sumida na máis profunda pobreza, iso que se da en chamar “comunidade internacional” non insinúa ningunha revolución de color e mesmo ve con optimismo que Togo celebre unhas eleccións a todas luces fraudulentas, tan só para lexitimar formalmente ó fillo do ditador e usurpador do poder. ¿Pode gardar algunha relación o feito de que Togo asinara no 2002 cun consorcio de EEUU e Malaisia un acordo para a exploración de xacementos nas augas territoriais togolesas?

O día despois das eleccións, os tres candidatos viaxaron con urxencia a Nixeria para reunirse co presidente Olusegun Obasanjo, presidente de turno da Unión Africana, para buscar unha saída á crise en Togo. Logo das conversas, Obasanjo sentenciou que todos os candidatos debían aceptar un “goberno de unidade nacional”, deixando de lado as disputas, se ben a oposición rexeitou este acordo ó comprobaren os resultados dos comicios. ¿As conversas foron realmente encamiñadas a resolver os enfrontamentos e disturbios ou tivo algo que ver o interese de Nixeria en instalar unha refinería en Togo?

Indicios hai que revelan a existencia dun xogo sucio, onde os intereses persoais quedan por enriba dos intereses dunha poboación que malvive maioritariamente na miseria, unha poboación marcada polo tráfico de nenos para traballar coma escravos e de nenas para as adopcións irregulares en Gabón, Nixeria, Camerún, Bangui ou Lagos.

Mentres os disturbios crecen, nun país en ruína, cos cidadáns crispados e sen nada que perder, na revista francesa L’Intelligent, Faure Gnassingbé, exhibe as belezas do seu avión privado. Agora, as fronteiras terrestres de Togo están pechadas, hai dificultades para saír do país, e moitos problemas para comunicarse telefonicamente. O vaticinio dunha activación incontrolada da violencia é mais ca unha simple hipótese de traballo.