20050324kirghizstan bishkek asalto sede governo

O enredo euroasiático

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Clic para aumentar
Todos os indicios que apuntan á actual confusión que se vive en Kirguizistán rememoran os acontecementos ocurridos en Xeorxia en novembro de 2003 e en Ucraína en decembro pasado. A isto se lle pode engadir a turbulenta situación que viven o Líbano e Siria. Semella claro que existe unha estratexia, minuciosamente estudiada e aplicada dende Washington e apoiada por Bruxelas, para provocar as variopintas e coloridas “revolucións” no antigo espazo ex soviético. (Foto: Momento do asalto á sede do Goberno no centro de Bishkek, capital de Kirguizistán, o 24 de marzo de 2005. A sede foi abandonada polas forzas policiais e militares, que se negaron a opor resistencia á multitude).
 

É unha constante, nas análises e referencias actuais sobre a situación que se percibe no espazo ex soviético euroasiático, particularmente trala crise en Kirguizistán, facer balance dunha sostida “estratexia de dominó” deseñada dende Occidente para restar, ou ben conter, a influenza rusa nas antigas repúblicas ex soviéticas. Se ben isto semella un escenario evidente, outros factores tamén destacan como claves importantes para analizar as convulsións existentes dende o Cáucaso ata Asia Central.

Todos os indicios que apuntan á actual confusión que se vive en Kirguizistán rememoran os acontecementos ocurridos en Xeorxia en novembro de 2003 e en Ucraína en decembro pasado. A isto se lle pode engadir a turbulenta situación que viven o Líbano e Siria. Semella claro que existe unha estratexia, minuciosamente estudiada e aplicada dende Washington e apoiada por Bruxelas, para provocar as variopintas e coloridas “revolucións” no antigo espazo ex soviético. Pero esta estratexia non é nova: trala desintegración da ex URSS, as nacentes repúblicas euroasiáticas serviron de escenario para as actuacións de diversos organismos internacionais, como a OSCE ou Radio Free Europe, na súa tarefa de implementar o modelo da democracia occidental en países con estruturas socio-políticas mesturadas entre o legado soviético e a crónica debilidade das élites na construcción de identidades étnicas e nacionais homoxéneas.

O resultado foi o ascenso das catalogadas “autocracias post-soviéticas” como modelos de goberno en países atomizados pola sórdida puxa de intereses estratéxicos entre actores esóxenos, principalmente Rusia, EEUU, Europa, China, India, Paquistán, Turquía e Irán. A isto é importante engadir o ascendente movemento islamista, cuxo principal expoñente foi o réxime talibán en Afganistán e, actualmente, o Movemento Islámico de Uzbekistán, mellor coñecido como Uzb ut Tahrir. Do mesmo xeito, a inestabilidade rexional aumentou pola loita das multinacionais estranxeiras no seu interese por controlar unha área abundante en petróleo, gas natural, auga e minerais, además do evidente tránsito de opio e estupefacentes.

Vista a actual situación en Kirguizistán, é particularmente certo que o novo obxectivo xeopolítico occidental apunta directamente ao estratéxico espazo euroasiático, vencellado tamén aos acontecementos en Oriente Medio. Neste apartado, Washington xoga o papel principal: apenas caiu o goberno do presidente kirguizo Askar Akáyev, na Casa Branca recibiron con beneplácito o cambio de réxime, aínda que a situación política non estaba esclarecida. No que se reflicte á política rusa na crise kirguiza, a diferenza do rexistrado en Xeorxia e Ucraína, a inación e a perplexidade foron o común denominador.

No apartado da retórica e dos discursos, é importante descrifralos cada vez que o presidente George W. Bush fai referencia á nova doutrina da política exterior estadounidense. Tralo 11/S de 2001, a clave estivo no ataque preventivo, formulado no discurso pronunciado na base militar de West Point en 2002, como móbil para vertebrar a estratexia da guerra contra o terrorismo internacional. Hoxe, no seu segundo período, o péndulo varía cara o que Bush catalogou ante o Congreso estadounidense en xaneiro pasado, como a “guerra contra as tiranías”. Entón, o mandatario estadounidense apuntou a Irán, Corea do Norte, Birmania, Belarús, Siria e Cuba.

Hoxe, o que se consideraba un país relativamente estábel como Kirguizistán acolle un escenario confuso que podería potenciar unha expansión rexional das “revolucións de veludo”, coa súa carga de inestabilidade, confirmando a importancia xeopolítica do espazo euroasiático. A diferencia dos seus veciños, o réxime de Akáyev, se ben nepótico nun país maioritariamente pobre, non se achegara aos niveis de autocracia despótica similares aos que hoxe gobernan en Uzbekistán, Kazajstán e Turkmenistán. Kirguizistán foi socio importante na guerra de Washington contra os talibáns, e acolle unha base militar estadounidense, ademáis doutra rusa. Na veciña Uzbekistán do despótico presidente Islam Karímov, aliado de Washington, tamén existen tropas norteamericanas. Na actualidade, o panorama semella diferente e o presidente Bush ansía a remoción dos que anteriormente foran os seus aliados circunstanciais.

A confusa rebelión popular en Kirguizistán tamén semella revelar as tensións políticas e étnicas existentes no país entre as élites duns e doutros. Tamén se constatan as tensións entre a maioría kirguiza e a minoría uzbeka. Do mesmo xeito, os recursos naturais revelan fontes de conflito rexional: o país non posúe reservas petroleiras nin gasíferas, pero é rico en auga natural. Segundo un estudo das Nacións Unidas, Kirguizistán concentra o 40% dos recursos acuíferos na rexión. Isto derivou en tensións limítrofes con Uzbekistán, Kazajstán e Tadyikistán polo control e distribución destes recursos, e tamén fai ao país apetecíbel para potencias como Rusia, China ou EEUU.

Estamos presenciando o verdadeiro final da era post-soviética? En Xeorxia, Ucraína, Líbano e Kirguizistán, o cálculo xeopolítico non se afasta dos cánones da “guerra fría”, aínda que o escenario internacional semella diferente.