Entrevista publicada orixinalmente en Praza, o 30 de xuño do 2024
Na fotografía, de esquerda a dereita, Rubén Lois (USC), Tino Santiago (IGADI), Bichara Khader, Daniel González Palau (IGADI) e David Rodríguez (Fundación Araguaney)

Entrevista a Bichara Khader “O espertar da sociedade, tamén da galega, é útil para o pobo palestino”

Bichara Khader (Zababdeh, Palestina, 1944), profesor emérito da Universidade Católica de Lovaina, é especialista nas relacións euro-árabes. De pai protestante e nai católica, a súa vila natal do norte da actual Cisxordania tiña catro igrexas e dúas mesquitas, con musulmáns, católicos, ortodoxos ou melquitas convivindo no día a día. Unha situación moi diferente ao conflito permanente que se vive en oriente próximo desde hai décadas e a cuxa solución tenta contribuír Khader coas súas reflexións desde o mundo académico.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Palestina Israel Xenocidio

Khader estivo esta semana en Compostela, invitado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en colaboración coa Fundación Araguaney e a Universidade de Santiago, para presentar o seu último ensaio, Palestina: A traxedia permanente (1948-2024), publicado en galego polo Igadi grazas a unha tradución da Universidade de Vigo. Khader tamén participou en varios actos na USC e no Concello, irmandado en 2002 con Belén.

Como está a vivir persoalmente un conflito que parece eterno?

Eu saín estudar fóra, fixen unha carreira de profesor en Lovaina, onde tamén meu irmán Naïm, que tiña catro anos máis, fixo a carreira de Dereito. Os nosos camiños académicos separáronse e el elixiu a carreira política, nomeado por Arafat representante en Bélxica da Organización para a Liberación de Palestina (OLP). Fixo un traballo fantástico, moi intelectual, foi moi querido na sociedade belga, e o Mosad [servizos secretos israelís] asasinárono en 1981. Escribín un libro, como unha carta ao meu irmán, no que lle conto o que pasou despois da súa morte e tento contestar a pregunta de se foi unha morte inútil. Se permitiu promover a causa palestina. 

A esperanza dos acordos de Oslo de 1993 entre Israel e a OLP esvaeceu, o proceso descarrilou. No relato israelí son os palestinos quen o fixeron. Pero os observadores internacionais saben que Israel e [o primeiro ministro] Benjamin Netanyahu sempre rexeitaron a idea dun estado palestino independente. Pero non só. Todos os partidos israelís colonizaron e anexionaron territorios ocupados. O problema é a política israelí que non recoñece o dereito do pobo palestino á autodeterminación. Agora as poboacións en Cisxordania, cos asentamentos, están totalmente mesturadas e o proceso continúa, con ministros actuais que din abertamente que os palestinos teñen que marchar. Eu escribín artigos de esperanza en 1993. Foi para min unha gran decepción. Por iso con este libro, Palestina, a nakba permanente [nakba é desastre ou traxedia] quero dicir que a nakba é continua. En 1948, na Guerra dos Seis Días, agora en Gaza, sempre hai palestinos desprazados. Agora estou decepcionado, e con este Israel non vexo unha luz no horizonte. 

Como vai acabar a guerra de agora e como vai acabar o conflito?

É unha pregunta para un historiador. Netanyahu está xordo e illado. Toda a comunidade internacional quere un cesamento do fogo, do sufrimento do pobo palestino. Así que agora Netanyahu di que rematou o traballo en Gaza porque quere lanzar unha mensaxe aos israelís de que tivo unha vitoria total. Pero Israel foi incapaz de derrotar a Hamas, porque non é simplemente unha organización, é unha ideoloxía. Non se pode derrotar unha ideoloxía de resistencia con bombas. Agora di que hai tensión na fronteira co Líbano e quere desprazar parte do exército en previsión dunha nova guerra que sería un erro pola posibilidade de contaxio rexional, de efecto dominó. Netanyahu non obtivo a vitoria total en Gaza e quere prolongar o conflito coa esperanza de que o seu amigo Donald Trump poida gañar as eleccións en Estados Unidos e lle permita afianzarse. En Gaza non hai moito máis que facer, rematou o asunto, pero queda unha terra queimada, coa xente desprazada, co 85% das casas destruídas. E no Líbano as cousas poden empeorar. Para Líbano pero tamén para Israel, porque a forza de Hezbola é diferente da de Hamas, con efecto dominó pola intervención de Irán e outros actores. 

Este libro, os actos destes días en Santiago, outros actos similares doutros intelectuais, intentan concienciar á cidadanía para que pare xa a guerra. Pero a prolongación do conflito, agora co Líbano, pode facer que se enquiste máis e que a xente perda interese? Que a ONU perda a iniciativa? Como facer que non sigan pasando máis anos?

Quizais é unha das razóns polas que Hamas lanzou o seu horroroso ataque en Israel. Toda a política de Netanyahu consistía en marxinar a causa palestina, enterrala, e Hamas tentou demostrar ao mundo que segue viva. Fíxoo dun modo letal, que non comparto, porque sempre apelei aos medios pacíficos. Estados Unidos quere un plan para Gaza, pero non sabemos de que Gaza imos falar nuns meses. Era unha cárcere ao aire libre e agora é un inferno, unha terra queimada. Hai plans, o estadounidense, que rexeita unha ocupación duradeira de Israel en Gaza. Queren que volva a Autoridade Nacional Palestina (ANP) a Gaza coa axuda da ONU e eventualmente con observadores árabes de países que normalizaron relacións con Israel. Esta solución paréceme ben, un control da ANP pero reformada con axuda da ONU. O problema é que Israel destruíu Gaza e agora Estados Unidos pide aos árabes que financien a reconstrución.

Hai catro solucións. Un estado binacional único, de árabes e xudeus cos mesmos dereitos, pero esta solución é rexeitada por Israel porque significa a fin do soño sionista dun estado exclusivamente xudeu entre o río Xordán e o Mediterráneo. Intelectualmente é unha solución que me atrae, igual que a outros intelectuais amigos. Sería unha vía para acabar con esta guerra continuada. 

A segunda solución que defenden algúns ministros israelís é a purificación étnica, desprazar 5 millóns de palestinos fóra de Palestina. Pero a comunidade internacional non pode autorizar tal solución. Podes desprazar mil, 200.000 persoas, pero non 5 millóns. E hai dous millóns de palestinos no propio Israel, que son cidadáns. 

A terceira solución sería a non solución, que Israel non recoñeza os dereitos palestinos e acabe co tema enterrándoo. 

E a última solución, da que falan americanos e europeos, é a dos dous estados. Esta defendíaa eu hai quince, trinta anos. Pero agora é moi difícil. Como podemos ter un estado palestino a carón de Israel con 750.000 colonos? Con estradas para uso exclusivo dos colonos, con asentamentos que fragmentan o territorio. Por que non se fixo nada ata agora para evitar isto que dificulta a solución dos dous Estados? Agora estamos nunha trampa e non vexo como se vai arranxar este asunto.

Que pode facer un cidadán da rúa, dun país pequeno como é Galicia, para axudar a resolver o conflito?

Durante moitas décadas Israel tivo un relato dominante en moitos países europeos. Menos en España, pero si en Francia ou Alemaña. Os europeos apoiaban Israel como un estado moral, un estado democrático, como un de nós. Agora hai un espertar ético e solidario das sociedades civís en Europa, coas manifestacións, cos campamentos nas universidades. Israel está illado, o seu relato xa non é crible. A xente ve que o pobo palestino ten dereito á autodeterminación, pero a dificultade é como crear un estado palestino independeente, contiguo e viable.

Con este goberno de Israel non hai unha posibilidade de negociar. Pero o feito de que os palestinos vivan, sigan a existir nos territorios ocupados, é unha forma de resistencia. Eu daríalles o premio Nobel. Penso que a sociedade civil galega foi sempre solidaria co pobo palestino, ou co saharaui. É moi sensible co dereito á autodeterminación do pobo palestino. É quizais un dos resultados positivos destes acontecementos, que a xente, o home de a pé, tomou nota do sufrimento do pobo palestino baixo ocupación desde 1967. Este espertar é útil para o pobo palestino. 

Podes acceder á entrevista en Praza nesta ligazón.

Podes descarregar desde a ligazón, o ensaio de Bichara Khader “Palestina: A traxedia permanente (1948-2024). Unha chamada para espertar Europa”