20060709 88inmigrantes motril

O espírito de Rabat


 Llegada inmigrantes a Motril, clic para aumentar
Europa buscou lexitimar a súa política de seguridade e de control de fronteiras, xa que non se trataron vías alternativas para implementar un auténtico progreso en África. (Foto: Un inmigrante é atendido por membros de Salvamento Marítimo no buque Salvamar Mirfak que ten base en Motril, Granada).
 

Tras das avalanchas no valado fronteirizo de Ceuta e Melilla entre agosto e outubro do pasado ano, nas que perderon a vida alomenos catorce persoas, e tras recentes chegadas de caiucos ás Canarias procedentes de Mauritania, Senegal e Gambia, tivo lugar en Rabat, o 10 e o 11 de xullo a primeira Conferencia Euroafricana de Migración e Desenvolvemento a nivel de Ministros de Asuntos Exteriores.

A Conferencia que se celebrou por unha iniciativa hispano-marroquí, reuniu a representantes de 24 Estados africanos das rexións occidental e central (coa destacada ausencia de Alxeria), de 30 países europeos, de varias organizacións rexionais como a Unión Africana e a Unión Europea, de organismos internacionais coma o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, ou o Plan das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, presentes en calidade de observadores.

O comité preparatorio estivo composto por Marrocos, España, Senegal e Francia. Propúñanse construír o “espírito de Rabat”, que serviría de guía para calquera acción futura en materia migratoria, tratando o tema dende un enfoque global e de corresponsabilidade.

A Conferencia rematou coa aprobación dunha Declaración Política e dun Plan de Acción con 62 medidas sobre Migración e Desenvolvemento, para as que se creou un Comité Técnico que verificará a aplicación das medidas.

Na declaración política non aparece recollido o dereito de asilo e de refuxio, senón que evoca unha mera “protección internacional”. A lexislación internacional esixe taxativamente que os países de acollida estuden os casos dos inmigrantes individualmente para observar se proceden de países en guerra, cousa que non se está a cumprir e provoca que diminúa o número de solicitantes de asilo.

As medidas recollidas no Plan de Acción, que non estipula partida orzamentaria algunha, nin calendario de aplicación, céntranse en especial en catro eixes: promoción do desenvolvemento en África, xestión da inmigración legal, control da inmigración ilegal, e mecanismos de cooperación policial e xudicial para a loita contra o tráfico de persoas e a trata de seres humanos.

O primeiro capítulo referente ao desenvolvemento abrangue o abaratamento das remesas e plans para o seu aproveitamento, proxectos xeradores de emprego, a creación dun foro económico e comercial euroafricano, fondos de microcréditos, o compromiso de crear redes e de universidades e institutos africanos e europeos e a investigación para paliar a “fuga de cerebros” en África.

No referente ao tratamento da inmigración legal establécese a mellora da xestión conxunta, a formación en orixe dos inmigrantes, acordos de fluxos migratorios cara Europa que contemplen mecanismos de migración temporal e circular, a mellora da información sobre as necesidades do mercado de traballo en Europa e unha campaña de sensibilización e información sobre as vantaxes da migración legal e os perigos da inmigración ilegal.

Na loita contra a inmigración ilegal en Europa, os Estados africanos adquiren o compromiso de readmisión dos seus cidadáns, así como de promover a súa colaboración nos procedementos de identificación. Franco Frattini, comisario europeo de Xustiza, Liberdade e Seguridade, comprometeuse, pola súa banda, no marco da Conferencia, a axilizar a implantación en Canarias da Misión operativa de Frontex, a Axencia Europea de Control de Fronteiras Exteriores.

Contra do tráfico de persoas e a trata de seres humanos, fíxase a creación de equipos de acción conxunta, un sistema de alerta precoz inspirado no Europeo, así como bases de datos contra a inmigración irregular.

A realidade é que aínda a semana pasada morreron tres africanos, un deles por ferida de bala, cando máis de 70 persoas saltaban o valado de Melilla. Fronte estes acontecementos, Amnistía Internacional reclama que España e Marrocos realicen investigacións independentes.

Dick Oosting, director da oficina europea de AI afirma que “Europa está interesada nun achegamento defensivo e represivo”. En termos semellantes se pronunciou Mohamed Khachani, responsable da Asociación marroquí de estudos e investigacións sobre as migracións (AMERM): “sempre se optou por solucións de seguridade e agora estamos vendo os seus efectos perversos”. Esta organización, xunto con outras ducias de colectivos europeos e africanos asinaron un Manifesto non-gubernamental euroafricano sobre as migracións, dereitos fundamentais e liberdade de circulación, que foi remitido á Conferencia Intergubernamental.

Na Conferencia non estiveron representados todos os actores da inmigración irregular: nin estivo presente a sociedade civil. Como afirmou Abdelkrim Belguendouz, investigador sobre migracións e profesor na facultade de Dereito de Mohamed V, Europa buscou lexitimar a súa política de seguridade e de control de fronteiras, xa que non se trataron vías alternativas para implementar un auténtico progreso en África, faltando un tratamento profundo e efectivo do tema da violación dos dereitos humanos dos inmigrantes: o abuso de autoridade das forzas de seguridade, a falta de asistencia letrada e intérpretes, a non garantía dun trato digno no momento da expulsión…

A meirande parte dos Estados europeos segue sen ratificar a Convención Internacional sobre Protección dos Dereitos de Todos os Traballadores Migratorios e os seus Familiares, aprobada por Nacións Unidas en 1990.

O respecto aos dereitos humanos debería ter sido a base desta Conferencia que pretendía ser un punto de referencia para os posteriores debates sobre migracións, pois, se non se lles recoñece a importancia que merecen, calquera obxectivo de desenvolvemento ou seguridade vai atopar con verdadeiras dificultades para a súa realización práctica.