Barack Obama irrompeu na longa pre-campaña electoral estadounidense cun discurso sobre o Estado da Unión no que novamente fixo ostentación da súa habilidade para intentar reconciliarse co seu electorado. Tras case catro anos de mandato, consagrado como un presidente máis de plans que de logros, as súas propostas de cambio foron sistematicamente obstruídas pola maioría republicana no Congreso. Esa é a súa gran coartada, dificilmente rebatible en tantos aspectos. A pugna sen fin Congreso-Presidente é un reflexo da que enfronta a republicanos e demócratas, aínda que na súa alocución apenas se detivo en atacar a cámara, onde as posicións clave están controladas por unha oposición nada cooperativa.
Poucos méritos podía exhibir Obama, nin tan sequera o peche do ignominioso cárcere de Guantánamo, así que tirou novamente dos plans, algúns tan patrióticos como a devolución ao país das fábricas que foran trasladadas a China e outros lares. As guerras pasaron a un segundo plano, aínda que non deixou dúbidas sobre a disposición a facer uso dos medios precisos contra os hipotéticos plans nucleares de Irán. Pero a diferenza doutras ocasións en que un conflito armado podía favorecer as expectativas electorais dun presidente candidato á reelección, neste 2012 as cousas pintan doutra maneira. Por iso Obama, con 1,9 millóns de desempregados máis que ao inicio do seu mandato, centrou parte do seu discurso ante a sesión conxunta do Congreso, na xustiza e o desemprego. O diñeiro aforrado nas guerras destinarase á reparación das infraestruturas, sinalou. As subas de impostos aos ricos financiará os programas económicos que prevé en manufactura, enerxía e educación.
A retórica de Obama ten a virtude de situar o tema da xustiza, a igualdade e as oportunidades no debate público en EEUU, un ámbito no que a diferenciación cos republicanos, partidarios de que o goberno se inhiba e deixe facer ao mercado, é meridiana e podería favorecerlle electoralmente aínda que o seu atrevemento real poida rebaixarse notablemente ao día seguinte de gañar sexa por convencemento ou pola efectiva acción dos numerosos lobbies que premen nas súas políticas e dos que acaba por depender funestamente. Ben o saben os ignorados activistas de Occupy Wall Street, que acumulan máis de 6.000 detidos desde setembro pasado.
A táctica de Obama trata de evitar que as eleccións de novembro se convertan nun plebiscito sobre a súa xestión, discutible e pobre en tantas materias, como reflicten as habituais enquisas de diferentes medios que sinalan unha elevada porcentaxe de desaprobación. Outra vez será unha elección sobre a importancia de remover o sistema, esa esperanza que o levou á presidencia, e que hoxe transita entre a decepción e a indignación en moitos dos seus valedores doutrora. Visto o panorama que emerxe nas fileiras republicanas, esta vez será o mal menor, sen a ilusión de representar o revulsivo que tantos ambicionaban nunha política estadounidense secuestrada polas grandes empresas e os sacrosantos intereses do complexo militar-industrial.