Artigo publicado no IGADI Annual Report 23-24: "Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade"
igadi annual report 2023 2024 424x600 1

O Estreito de Taiwán: o escenario postelectoral

Unha das latitudes que presenta gran complexidade con respecto ao seu status quo no sistema internacional é a illa de Taiwán. Os cambios políticos que ocorreron dentro e fóra deste territorio deron lugar á intensificación do triángulo conformado por Beijing, Taipéi e Washington.
Apartados xeográficos Asia
Palabras chave Taiwán Nova Guerra Fría

Unha das características deste século son os movementos nacionalistas por todo o mundo, no que parece que as divisións políticas entre países, establecidas durante a segunda metade do século pasado, xa non funcionan. Durante estes últimos dous anos o mundo observou conflitos reavivados e que persisten neste 2024, como é o caso de Ucraína e Palestina. No caso de Taiwán, foi comparado con estes dous países e utilizado como parte do discurso de choque entre os Estados Unidos e China. Porén, non implicara ata agora unha escalada no uso da forza por cada un dos bandos. Esta situación mergullouse nun ciclo continuo baseado no que Snyder denomina «dilema de seguridade».

Nos medios de comunicación, Taiwán volveuse un tema de controversia a partir da forma en que as accións políticas se capitalizan coa opinión pública e en como isto reafirma os valores de identidade de cada parte involucrada.

Como chegamos a este punto?

Na historia recente, a relación entre os Estados Unidos e Taiwán comezou a facerse visible e a entrar na súa última fase coa chegada de Joseph Biden ao goberno. Anteriormente, a tensión entre Beijing e Washington xa existira debido ao discurso de campaña e á política seguida por Donald Trump, que ían enfocados ás denuncias comerciais e á discriminación de todo o que fose chinés dentro do país americano.

Cos resultados das eleccións presidenciais dos Estados Unidos en 2020, a postura de Xi Jinping foi pedir «respecto mutuo» e «relacións saudables». Non obstante, Biden deu unha serie de declaracións ao respecto: «Instamos a Beijing a que cese a súa presión militar, diplomática e económica contra Taiwán e, pola contra, inicie un diálogo significativo cos representantes elixidos democraticamente de Taiwán. […] O noso compromiso con Taiwán é sólido como unha rocha». Polo tanto, non foi bo o inicio entre estas dúas administracións. Cabe destacar que, durante a investidura presidencial de Biden, unha das invitadas foi Hsiao Bi-khim, quen daquela exercía como representante de Taiwán nos Estados Unidos.

Entón comezou unha serie de achegamentos, cada vez máis visibles ante a opinión pública, segundo a cal desde Washington se apoiaba o Taipei Act e que culminou da visita de Nancy Pelosi á illa en 2022. Este tipo de diplomacia parlamentaria foi decisiva para que Beijing comezara a condenar estas actividades e a intensificar a súa posición militar no Estreito de Taiwán. Na relación entre Taipéi e Washington, isto abriu as portas para un maior apoio ao goberno de Tsai Ing-wen desde a clase política estadounidense, do cal son exemplos a visita da devandita presidenta aos Estados Unidos a principios de abril de 2022 e o protocolo de recepción por parte do líder da Cámara de Representantes, Kevin McCarthy. O ano 2022 deu un nutrido número de delegacións presentes en ambos os territorios, das cales unha das máis representativas foi a realizada polo entón vicepresidente Lai Ching-te en agosto.

Todas estas interaccións permitiron un recoñecemento mutuo pese á postura de Beijing. O lobbying levado a cabo neste exercicio tivo unha gran repercusión no proceso electoral, pois os cargos dese momento de Lai e Hsiao, a fórmula gañadora das eleccións taiwanesas, deron pé a un maior respaldo do proceso e da continuidade do Partido Democrático Progresista no poder da illa. Esta contenda electoral cobra gran relevancia para Taipéi no complexo escenario que presentaba a política exterior de Beijing, agresiva e eficaz. Cabe lembrar que, durante os dous últimos anos, Xi vén poñendo énfase na reintegración de Taiwán por medio do concepto de «un país, dous sistemas» e puntualiza que isto pode suceder con ou sen o uso da forza.

Ademais, a especulación cun resultado pechado foi outro dos aspectos interesantes no proceso electoral taiwanés, pois a opinión se dividiu entre a continuidade prodemocracia ou unha alternancia similar á de Beijing. Esta especulación xerouse a partir da idea dunha posible coalición opositora entre o Kuomintang e o Partido Popular de Taiwán; con todo, a ruptura desta fronte opositora foi decisiva na última fase da carreira electoral para reafirmar o triunfo de Lai.

Baixo este contexto, a continuidade do Partido Democrático Progresista ofrece unha serie de posibilidades e é importante sinalar elementos que poden contribuír ou non a calquera escenario. Tal é o caso das recentes perdas de recoñecementos diplomáticos para Taipéi, Honduras e Nauru, que deixan ben clara a postura da diplomacia do cheque e o importante que é para China o impulso que recibe o discurso de liderado desde o sur global a través da comunidade de destino compartido. Por outra banda, a cooperación con Taiwán e a subministración militar no país víronse intensificadas, principalmente por parte dos Estados Unidos. Neste armamento taiwanés difundiuse a imaxe do primeiro submarino de fabricación nacional, que permite darlle visibilidade nos medios a como o goberno saínte potenciou a súa estratexia militar. Non debemos esquecer que estas últimas accións veñen suscitadas ante a actividade e o desprazamento aéreo e marítimo crecentes por parte do Exército de Liberación Popular.

De primeira man, a evolución cara a unha maior ou menor tensión no Estreito de Taiwán recae no presidente electo e na súa postura, é dicir, en como de radical poida ser a súa estratexia de goberno respecto a Beijing. Fóra da política, é interesante a interdependencia económica que desenvolveron a parte continental e a illa, unha situación que preocupa tanto á clase empresarial taiwanesa como ao propio Partido Comunista con respecto á subministración e manufactura de bens de alta tecnoloxía. No entanto, no que ao discurso se refire, a reafirmación dunha identidade taiwanesa apoiada polas urbes e polas novas xeracións constitúe un dos estandartes do movemento prodemocracia. Un dos retos que emulará o sistema de «checks and balances» será a maioría opositora no Yuan Lexislativo. Resúmese, polo tanto, nun goberno con liña directa con Washington, pero que conta cun poder lexislativo de postura máis conservadora e similar á de Beijing.

Dentro deste triángulo, non se poden deixar de lado as propias condicións de China e os Estados Unidos. Para a primeira, a repunta económica é prioritaria para poder avanzar noutras axendas, polo que una guerra na súa fronteira sería moi custosa e prexudicial para a imaxe que vén buscando proxectar ao exterior, a dun país orientado a unha nova dinámica global. Ademais de que este proceso deixou ver a popularidade de Donald Trump de cara a un segundo mandato, hoxe nos medios de comunicación fálase dun Biden enfermo ao que se lle pide dimitir non só da carreira electoral, senón tamén do seu posto. Polo tanto, pese a que existe unha postura de contención a China desde os dous partidos estadounidenses, a maneira en que cadaquén a executa é distinta. Cómpre lembrar que o lobbying exercido por Tsai, Lai e Hsiao foi principalmente sobre os demócratas, polo cal un regreso de Trump non significaría necesariamente unha continuidade da liña directa.

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón