O exército ruso, a 20 km de Grozni

Apartados xeográficos Rusia ARQUIVO
Idiomas Galego

O implacable avance das tropas rusas cara a Grozni, non se detén. A axencia France Presse, recollendo as declaracións dun portavoz e responsable político checheno na rexión de Naurskaia, informou, na tarde do luns, do asalto ruso á vila de Chervlionnaia, con mortos por ambos os dous bandos. A citada fonte aseguraba, tamén, que durante este luns o exercito adiantou as súas posicións ata situarse a tan só 20 km da capital chechena.

A hipótese, esgrimida por Vladimir Putin, dun necesario conflicto bélico para erradicar o terrorismo caucásico, nunca gozou de grande credibilidade. Moitos analistas, sempre consideraron maís crible que o gran estoupido tiña coma obxectivo entoldar a atención dos rusos sobre os escándalos Mabetex ou FMI que xa afogaban a credibilidade da agónica " Familia". As enquisas reaccionan e multiplicaron por catro a confianza no Primeiro Ministro ata acadar un miserento 8 %. Namentres, novas e coherentes hipóteses, sitúan ao petróleo entre as claves soterradas da agresión rusa.

O pasado mércores o xornal Le Monde apuntaba cara o oleoducto Bakú-Grozni-Novorossiisk, e outorgáballe un determinante papel nesta guerra, por seren un obxectivo económico no que interseccionaban os intereses chechenos e rusos.

Nos acordos de paz, asinados en maio de 1997 entre Ieltsin e Maskhadov, permitíase o transito do petróleo cara o Mar Negro, a traveso do oleoducto que percorre Chechenia. Nestes últimos tempos téñense detectado numerosas sabotaxes ao oleoducto que ten sido permanentemente furado por paisanos e por mafias chechenas para vender o cru, ao por maior, no mercado negro. O esquilmamento do petróleo circulante fai perigar o caudal do fornecemento comprometido no acordo subscrito polos rusos, hai cinco anos, cun consorcio petroleiro Anglo-saxón e foi exposto como motivo suficiente para deixar de pagar os "Roialtis", por tránsito de cru, ás arcas do goberno de Maskhadov.

A gran importancia estratexico-económica do combustible azerbaiano fai que se estean a promover dous proxectos alternativos e antagónicos ao trazado actual por Chechenia.

Dunha banda, norteamericanos e turcos perseguen a construcción dun novo oleoducto que non entre na Federación Rusa, pasando por Xeorxia. Doutra, a empresa Transneft, propietaria dos oleoductos rusos e baixo as gadoupas do cortesán Berezoski pretende todo o contrario, construír un novo trazado para o ouro negro, que circule por fora de Chechenia. Os traballos principados hai dous anos, no mandato do vice-primeiro ministro Boris Nemtsov recibiron pronta contraorde de paralización por non dispor dos 50.000 millóns de pesetas precisos para acometer esta nova infraestructura.

A decisión de trasladar en tren unha boa parte do petróleo cara a Federación Rusa por Daguestán, e non polo habitual oleoducto checheno, asegurando a pervivencia dun dos negocios preferidos e maís productivos da A Familia, puido estar na orixe dos ataques de Chamil Bassaev contra o exército ruso en Daquestán.

O novo director de Transnef declárase firme partidario da liña dura para garantir o control total sobre a rede pola que circula o petróleo, non reparará na poboación civil, nin nos chamamentos ao diálogo, a arbitraxe ou a verificación internacional do presidente Maskhadov.

A declaracións dos EEUU, ou do trinomio Italia-Francia-Alemaña, para deter a guerra e encarrilala na vía da negociación non serán máis que estériles formalismos retóricos. Os inquilinos do Kremlin saben que pode violentar, cantas veces consideren oportuno, a libre vontade colectiva dos chechenos expresada democraticamente, sen ter que soportar resolucións condenatorias do Consello de Seguridade da ONU, nin a uns líderes da Terceira Vía apremando a necesidade dunha guerra humanitaria para deter o xenocidio checheno.

Intereses económicos ou de supervivencia política pesarán máis que todo o bagaxe de literatura mundial sobre dereitos humanos individuais e colectivos na centuria dos dereitos do home. Unha vergoñenta guinda para un século en retirada.